E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A Coruña/ O PP cambia de criterio e denuncia agora a compra dun piso a un asinante do manifesto da Marea.

A Coruña/ O PP cambia de criterio e denuncia agora a compra dun piso a un asinante do manifesto da Marea.

  Se hai seis meses Rosa Gallego acusaba ao goberno local de "coaccións" a propietarios de pisos baleiros, agora denuncia o contrario: o suposto privilexio das adquisicións.

  11 febreiro 2.018

 O anuncio do programa da Marea, baseado na adquisición de vivendas por parte do consistorio a persoas que mantivesen os pisos baleiros, implicaba a venda ao concello dos mesmos aínda que a un prezo sempre por debaixo do valor de mercado. Non obstante configurábase de cara aos vendedores como unha oportunidade para dar saída a propiedades que debido ao momento económico actual terían problemas para atopar comprador. O destino de estes pisos sería a creación dun programa municipal de vivendas sociais.

  As reaccións dos partidos da oposición non foron positivas. Dende os socialistas sinalábase a "opacidade do proxecto", e Avia Veira do BNG, a pesares de ser favorable, sinalaba en canto se coñeceron os datos que había máis solicitudes rexeitadas que aceptadas. Iso recalcaba tamén o PP, partido que maior oposición ofreceu ao proxecto, aínda que dun xeito difícilmente concordante: por unha banda argumentaba non ver con bos ollos que o Concello se convertese en "promotor urbanístico" mentres pola outra sostiña que o número de aceptados no plan (doce pisos e dous inmobles) era baixo. 

  Foi no verán pasado cando o PP local a través de Rosa Gallego reaccionaba de xeito máis contundente ao funcionamento do programa. O concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, dirixíase por carta a algúns dos propietarios de casas baleiras ou en ruínas da cidade para informalos sobre a iniciativa e para incentivar a venda entre potenciais afectados. Rosa Gallego estoupaba entón contra estas misivas acusando á alcaldía de "coaccións" aos propietarios e de ter comportamentos propios de rexímenes autoritarios, e calificaba de "amenazante" a actuación municipal cos posibles vendedores. 

  Pero todo cambiou este ano cando saltou a nova de que un dos propietarios que se acolleu ao programa tiña aparecido como asinante do Manifesto político da Marea de 2.014, sendo ademais consultor do goberno municipal de Ada Colau en Barcelona e actual residente na Cidade Condal. Para o goberno local os requisitos para o acceso ao programa eran moi definidos e claros e calquera persoa podería acollerse a el mentres reunise as condicións tal e como era o caso. Para Rosa Gallego, en cambio, o que antes eran coaccións ao propietarios convertéronse seis meses máis tarde en privilexios concedidos a persoas afíns. Gallego chegou a autodenominarse "única oposición" e incluso de calificar de "trilero" ao alcalde. 

   Unha oficina entra no programa de vivenda.

  A outra gran polémica levantábase respecto á compra dentro do concurso dun cuarto piso que figura como oficina e que levantou a polémica por parte tamén do PP e do xornal La Voz de Galicia. Neste caso o xurado, formado por funcionarios, validou este acordo tras comprobar que o Servizo de Intervención de Edificación Urbanística avalaba o seu cambio de uso a vivenda. A oposición en bloque solicitou o acceso ao expediente; Psoe e BNG confirmaron a súa posición para evitar calquera tipo de dúbida respecto ao procedemento. 

  Xiao Varela declarou non entender a polémica e recordou que en 2.011 o PP declarou o cambio de oficina a vivenda precisamente do piso colindante a éste sen que se producise ningún conflito. 

  E-distrito.
  Foto: Xiao Varela. ( Concello da Coruña )

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados