E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A Coruña/ Xiao Varela cualifica de tomadura de pelo que a Autoridade Portuaria aprobase uns orzamentos que prevén a venda dos peiraos interiores

A Coruña/ Xiao Varela cualifica de tomadura de pelo que a Autoridade Portuaria aprobase uns orzamentos que prevén a venda dos peiraos interiores

  O concelleiro, único representante da administración local, solicitou sen éxito a retirada da orde do día da previsión plurianual de ingresos.

  Esta orde non estaba adaptada aos anuncios que aseguraban que non haberá enaxenación dos terreos da Solana, de Batería e Calvo Sotelo.

  20 febreiro 2018

  O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, cualificou onte de "tomadura de pelo" o feito de que, co seu voto en contra, o Consello de Administración da Autoridade Portuaria da Coruña (APAC) aprobase uns orzamentos e unha previsión plurianual que mantén os ingresos previstos pola enaxenación dos terreos portuarios. O edil, que forma parte do máximo órgano de dirección do ente portuario en representación do concello coruñés, solicitou que este punto fose retirado da orde do día, "ao non axustarse á realidade". "Non entendemos o que pasou hoxe no Consello de Administración do Porto. As previsións económicas seguen a manter os mesmos importes globais que se barallaban antes do anuncio que fixeron nesta cidade, hai catro meses, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o de Puertos del Estado, José Llorca, sobre a non enaxenación dos terreos da Solana, como de Batería e Calvo Sotelo", fixo notar. "Que tras ese anuncio, que por certo se fixo sen ter en conta ao Concello, hoxe, o representante do goberno local sexa o único que vota en contra dunhas contas que prevén facer caixa cos terreos portuarios é moi significativo. Ou aquí hai alguén que minte e pretende vender, ou se están a acadar acordos de reservado, de costas á cidadanía e aos seus representantes, e A Coruña non merece isto", comentou Varela, que reiterou a necesidade "de abordar o futuro da fachada litoral dende a lealdade institucional". "Non parece de recibo que este luns representantes do propio goberno autonómico voten a favor dunha previsión de ingresos que estima recadar máis de 23 millóns en 2020 pola venda dos peiraos", insistiu.

  Varela manifestou que, a pesar "da falla de información, o Concello da Coruña vai seguir esixindo un futuro para o bordo litoral da cidade libre de especulación e que sexa definido por todos e todas en conxunto". "A base de reclamar a potestade tanto da administración pública como da propia veciñanza conseguimos paralizar a subasta dos terreos da Solana cando xa eran case unha realidade", recordou o concelleiro. "Imos seguir a traballar en todos os eidos que sexan precisos para protexer os dereitos da cidadanía", dixo. Con ese afán, así como co obxectivo de acadar unha solución para a fachada atlántica da cidade que implique non só á cidadanía, senón a todos os actores e administracións implicadas, o concelleiro de Rexeneración solicitou incorporar á acta da sesión celebrada o protocolo de colaboración que o goberno local ofreceu a Portos do Estado o pasado outubro, durante a xuntanza mantida entre o alcalde, Xulio Ferreiro, e José Llorca.

  Por outro lado, Varela manifestou tamén a súa sorpresa ante a resposta do presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, cando o concelleiro lle requiriu máis información sobre as previsións de actuación nos peiraos interiores por parte do goberno autonómico e do ente estatal portuario, dependente do Ministerio de Fomento. "Que indiquen que non teñen previsións non parece crible. Esa resposta por parte do presidente da APAC só evidencia que, neste tema, unha vez máis, se pretende ningunear tanto ao Concello como á cidadanía da Coruña", reflexionou o titular de Rexeneración Urbana. "Resulta inexplicable que o presidente de Puertos del Estado non traslade ao consello reitor do organismo que preside os acordos aos que, supostamente, chegou co presidente da Xunta. Moito menos entendible aínda é que, se realmente houbo acordos, como así se trasladou nunha rolda de prensa, a Autoridade Portuaria da Coruña non teña coñecemento dos mesmos", evidenciou. "Ou o acordo entre Feijóo e Llorca non foi máis que unha cortina de fume ou a Portos do Estado pouco lle importa o porto coruñés e a súa situación económica", dixo.

  Conexión Ferroviaria co Porto Exterior

  Noutra orde de asuntos, o concelleiro de Rexeneración saudou que, tal e como anunciaron os representantes da APAC, o Ministerio de Fomento aprobase recentemente o estudo informativo de acceso ferroviario ao Porto Exterior. Non obstante, Varela manifestou que "a pesar da noticia, a día de hoxe, non temos coñecemento nin da previsión temporal, nin de licitación nin do investimento dunha obra que é fundamental para asegurar a viabilidade económica do porto coruñés". "Explicitan que o proxecto de execución está practicamente rematado, pero cando preguntamos esta xornada, a resposta que recibimos é que o porto coruñés non ten previsión para unha obra que tampouco está recollida nos orzamentos estatais, nin na previsión de investimentos de portos do Estado", dixo, á vez que reiterou "a necesidade de poñer en marcha unha infraestrutura fundamental para que Langosteira sexa realmente rendible". "A realidade é que no plan de investimentos do Porto da Coruña, que hoxe se aprobou co voto en contra do Concello, non existen dotación económica, nin previsión futura, nin fonte de financiamento para poder licitar e executar as obras", dixo.

  Derivado de Concello da Coruña.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados