E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A pensión media en Galicia sobe en febreiro pero segue sendo a segunda máis baixa do Estado

A pensión media en Galicia sobe en febreiro pero segue sendo a segunda máis baixa do Estado

  As pensións en Galicia increméntanse un 2% e superan só as de Extremadura. Están a 143,8 euros da media estatal segundo os datos do Ministerio de Emprego e Seg Social

  23 febreiro 2.018

  A pensión media en Galicia subiu un 2% en febreiro deste ano en comparación co mesmo mes de 2016, estando agora en 788,49 euros, só por encima de Estremadura  e a pouco máis dos 140 euros da media estatal, segundo os datos do Ministerio de Emprego e Seguridade Social publicados este venres.

  Por provincias, en relación con febreiro de 2016, a pensión media máis alta estivo na Coruña, con 830,56 euros; e Pontevedra, con 829,25. En Lugo situouse en 699,94 euros e en Ourense en 679,84 euros. O número total de pensións na comunidade galega alcanzou as 760.523, un 0,6% máis en relación co mesmo mes do ano anterior. Isto representa o 7,9% do total do conxunto do Estado. Delas, 295.442 están na Coruña, 239.229 en Pontevedra, 117.125 en Lugo e 108.727 en Ourense.

  En canto a tipo de pensións, de xubilación contabilizáronse 473.550 en Galicia no segundo mes do ano, cu vnalor medio foi de 897,95 euros. As pensións de viuvez, un total de 186.961, ascenderon a 553,57 euros de media; as pensións de incapacidade permanente son 69.929 que  se situaron en 843,04 euros; as de orfandade, 23.791, en 376,04 e as en favor de familiares, 6.292, en 483,62 euros.

  Datos estatais

  A Seguridade Social destinou no mes de febreiro 8.925,1 millóns de euros ao pago das pensións contributivas, un 3,05% máis que no mesmo mes de 2017, segundo datos publicados este venres polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social. O gasto global do conxunto de pensións chegou a superar o 8% interanual na antesala da crise en 2008. Logo de dous meses crecendo por baixo do 3%, en febreiro deste ano volveuse a superar esta porcentaxe.

  A maior parte dos máis de 8.925 millóns de euros destinados a pagar a nómina das pensións foi  parar ás pensións de xubilación, con 6.344,5 millóns de euros (+3,7%), seguidas das pensións de viuvez, ás que dedicaron 1.537,1 millóns de euros (+1,5%).

  Pola súa banda, ás pensións de incapacidade permanente destinaron 891,5 millóns de euros (+1,3%), as de orfandade supuxeron 129,6 millóns de euros (+1,2%) e as pensións en favor de familiares totalizaron 22,2 millóns de euros (+4,1%). O número de pensións avanzou en febreiro un 1,2% respecto ao mesmo mes de 2017, até 9.573.282 pensións.

  Aínda que a taxa de crecemento interanual de febreiro non é das máis altas dentro na serie histórica da última década, con ela xa se acumulan 25 meses consecutivos de crecementos superiores ao 1%. En termos mensuais, o número de pensións apenas variou, pois en febreiro só se rexistraron 860 novas pensións respecto das que se pagaban en xaneiro.

  Do total de pensións, máis da metade, 5.888.138, foron pensións de xubilación, cun repunte do 1,7% respecto de febreiro de 2017, mentres que 2.357.014 eran pensións de viuvez (+0,18%), 948.393 de incapacidade permanente (+0,7%), 338.644 de orfandade (-0,07%), e 41.093 a favor de familiares (+2,3%).

  A pensión media de xubilación sobe.

  A pensión media de xubilación situouse ao comezo do presente mes en 1.077,52 euros mensuais, un 1,9% máis que en igual mes de 2017. Mentres, a pensión media do sistema, que comprende as distintas clases de pensión, situouse en febreiro en 932,29 euros mensuais, o que supón un aumento interanual do 1,8%.

  En concreto, a pensión media de viuvez situouse no segundo mes do ano en 652,1 euros mensuais, un 1,3% máis que en igual mes do ano pasado, mentres que a de incapacidade permanente alcanzou unha contía media de 940,02 euros mensuais, cun incremento interanual do 0,5%. Así mesmo, a pensión media de orfandade ascendeu a 382,7 euros mensuais, un 1,29% máis que en febreiro de 2017, mentres que a de en favor de familiares situouse en 541,4 euros ao mes, cun repunte do 1,7%.

  Elevan a pensión de xubilación dos homes

  A idade media do pensionista contributivo é de 72 anos. A maior parte das pensións contributivas que paga a Seguridade Social concéntranse nos tramos de maior idade, dado que o groso das pensións son de xubilación. Así, contabilízanse máis de 1,7 millóns de pensións contributivas no tramo de 65 a 69 anos; máis de 1,6 millóns no de 70 a 74 anos; máis de 1,5 millóns no de 85 e máis anos; máis de 1,3 millóns no de 80 a 84 anos, e case 1,3 millóns no de 75 a 79 anos. Por sexos, o 51,4% das pensións contributivas do sistema (4.928.267) recíbenas mulleres, fronte a 4.644.758 pensións percibidas por homes (48,6%).

  A pensión media de xubilación percibida por mulleres alcanzou en febreiro a contía de 797,5 euros, en contraste cos 1.247,4 euros mensuais que reciben de media os homes. A fenda entre ambos os sexos, en valores absolutos, é de case 450 euros. Das máis de 9,57 millóns pensións contributivas existentes en xaneiro, unha de cada catro (o 25%, case 2,4 millóns de pensións) reciben complemento a mínimos. Delas, o 44,7% son pensións de xubilación; o 30,7% de viuvez; o 12,4% de xubilación procedente de incapacidade; o 6,5% de orfandade; o 4,6% de incapacidade permanente, e o 0,9% a favor de familiares.

  A iso hai que engadir 1.379 pensións do SOVI que reciben mínimos e que representan unicamente o 0,4% do total de pensións contributivas.

  Derivado de GConfidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados