E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

-Algunhas das propostas que se estudian en Cataluña para facer retroceder ao catalán son as mesmas que Feijóo aplicou en Galicia-.

-Algunhas das propostas que se estudian en Cataluña para facer retroceder ao catalán son as mesmas que Feijóo aplicou en Galicia-.

  Así o sinala Henrique Monteagudo, secretario da Real Academia Galega. 

  O secretario da institución, Henrique Monteagudo, ve "preocupante" a situación do galego porque existen "presións moi fortes pola castellanización" desde a infancia.

  26 febreiro 2018

  O secretario da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo, sinalou que "algunhas das propostas que se están avanzando para facer retroceder o catalán en Cataluña" xa "se aplicaron" en Galicia co galego, como "o levantamento da esixencia" de coñecer a lingua cooficial "para determinados postos de traballo" ou, no ámbito educativo, "o paso dun modelo favorable á lingua propia a un modelo supostamente equitativo que en realidade non o é".

  Así se expresou o secretario da RAG nunha entrevista en RNE recollida por Europa Press, na que indicou que o galego atravesa un momento "preocupante" pola perda de falantes entre a poboación nova, que cre derivado da existencia de "presións" a nivel social "moi fortes" que "poxan polo abandono da lingua e a castelanización".

  A RAG presentou esta semana, coincidindo co Día da Lingua Materna (21 de febreiro), o seu informe sobre a situación do galego. Monteagudo indicou que "as grandes cifras" non revelan que o galego estea en perigo pero que, se se "escarba" no estudo, subxace unha realidade "moi preocupante". "Existe unha diferenza no uso do galego entre as persoas maiores e o das xeracións novas, nas que moita menos xente ten o galego como lingua inicial", comentou, para logo pór o foco en que, a maiores, quen teñen o galego como lingua materna, unha vez inician a etapa escolar "pérdeno".

  O académico atribúe esta situación a "un fenómeno moi complexo" que "vén de atrás": a "perda de transmisión interxeracional", é dicir, a lingua na que educan os pais aos seus fillos e o medio escolar como un factor de "castelanización".

  Escola

  Neste sentido, cualificou de "un paso atrás" o decreto do plurilingüismo aprobado por Alberto Núñez Feijóo á súa chegada á Xunta. No entanto, quixo puntualizar que o abandono da lingua na escola por parte dos nenos non se reduce a unha cuestión de "cantas horas" de clase son impartidas en galego.

  "Hai unha cuestión de socialización. O neno chega á gardaría ou escola e unha cousa é a lingua da clase e outra cousa é a lingua que falan os seus compañeiros", expresou Monteagudo, para logo incidir en que "a lingua de relación" entre os alumnos "é o castelán" porque "hai unha presión social" baseada en "modelos de prestixio".

  "Os seus pais tampouco son alleos ás presións sociais porque é o mesmo contexto social. Se teñen a percepción de que o que facilita máis para abrirse paso na sociedade é o castelán ou teñen a percepción de que o galego é unha carga, poden decidir falar ao seu fillo en castelán", remarcou.

  Discurso

  Ademais, Enrique Monteagudo opina que esta situación se "alimenta" polo "discurso social" que se envía desde as institucións e os medios de comunicación, algo que, ao seu xuízo, é "tan importante como a lexislación" á hora de garantir a supervivencia dunha lingua minorizada.

  Deste xeito, cre que "o discurso social" que impera en Galicia "desde hai tempo" é o do galego como "unha lingua imposta" e que hai que garantir "a liberdade lingüística" dos cidadáns, algo que, en realidade, "desfai o galego" porque o castelán goza dunha posición "moito mellor".

  Así as cousas, Monteagudo descarta o camiño das sancións para reverter a situación. "É un asunto máis de mentalización que de penalización. Non creo que a vía da penalización sexa a mellor política para a lingua. A mellor é aquela que compromete ás entidades sociais máis relevantes nuns discursos e unhas prácticas favorables ao idioma", remarcou, para logo indicar que "quen debe liderar isto, por razóns legais, morais e de sentido común é a Xunta de Galicia".

  Situación en Catalunya

  O académico tamén foi cuestionado sobre os movementos de determinados partidos políticos para desbaratar o modelo de inmersión lingüística en Cataluña ou para levantar a obrigación de coñecer as linguas cooficiais para acceder a un posto na administración de determinadas comunidades autónomas.

  "Algunhas das propostas que se están avanzando para facer retroceder o catalán en Cataluña, aquí (Galicia) xa se aplicaron", sinalou en referencia á "esixencia do galego para determinados postos de traballo" que "xa se levantou en 2009" ou "o paso do modelo favorable á lingua propia a un modelo supostamente equitativo que en realidade non o é".

"O modelo que se propón para Cataluña é o mesmo modelo que xa se aplicou aquí e que ten un resultado nefasto", comentou, para logo aseverar que se se elimina a inmersión lingüística "os máis prexudicados" serán os nenos castelanfalantes porque o catalán é un idioma "crucial" para o desenvolvemento persoal e laboral en Cataluña. "A non ser que eliminemos o catalán do país. Entón si", ironizou.

  Nesta liña, expresou que "ter o ensino no teu idioma é o normal" e que, precisamente iso, é o que ocorre "no resto da España monolingüe" e "ninguén se bota as mans na cabeza". "Ter o ensino no teu idioma non é inmersión lingüística. É o que teñen os nenos castellanohablantes de Valladolid", apostilou.

  Bos indicios

  Con todo, Enrique Monteagudo tamén destacou certos aspectos positivos que ve na actualidade ao redor da lingua galega, como a súa "presenza social grande" e "a mellora nas competencias da xente nova".

  Por iso, chamou a "pór en marcha medidas" para conseguir que os "moitos falantes potenciais" do galego dean o paso e se convertan en "falantes reais".

  Derivado de GConfidencial.
  Foto: Henrique Monteagudo. De Adrián Estévez (Estevoaei) - self made, GFDLLigazón

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados