E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Xornada histórica de paro feminista para pedir igualdade.

Xornada histórica de paro feminista para pedir igualdade.

  As mulleres visibilizan as súas reivindicacións sobre todo en grandes empresas e administracións públicas. Os sindicatos consideran un éxito as mobilizacións parciais.

  30.000 persoas concéntranse na Coruña mentres Santiago tamén bate records. O centro de Vigo atopábase ás 21:00 completamente colapsado.

  08 marzo 2018

  Os paros parciais convocados nos centros de traballo polo Día Internacional da Muller, a favor da igualade real e contra a fenda laboral, tiveron un seguimento "masivo" en Galicia, segundo as valoracións que fan os sindicatos UXT, CC.OO. e CIG, que o elevan a "éxito". Foron menos as mulleres que secundaron a folga de 24 horas, segundo admite a CNT, que, xunto a CXT e, en Galicia, Sindicato Labrego, Sindicato Ferrovial Intersindical e o Sindicato de Elevación de Galicia, convocaban o paro xeral durante todo o día.

  As mulleres visibilizaron en toda Galicia as súas reivindicacións desta xornada que foi cualificada de "histórica". O seguimento transcorreu sen incidentes sobre todo en grandes empresas e administracións públicas, pero tamén mediante unha folga de consumo e de coidados e tamén na educación. Pola súa banda, a Xunta cifrou nun 17,84% o seguimento da folga na administración xeral e nas entidades instrumentais. Participaron nela, segundo os seus datos, 2.427 persoas dun total de 18.056.

  "Éxito"

  Por unha banda, UXT e CC.OO. congratúlanse do "éxito" da folga e piden ademais unha participación "masiva" na última quenda e nas manifestacións. O seguimento foi "masivo", cun apoio "maioritario", segundo indican, "especialmente" en grandes empresas e administracións públicas, na que cualifican de xornada "histórica" que marcará, din, "un antes e un despois".

  Pola súa banda, a CIG destaca que mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da industria, dos centros de chamadas, da administración, do téxtil, do mar, das conserveiras e tamén as xubiladas, as estudantes, as desempregadas e aquelas "que traballan arreo pero non teñen unha remuneración" tamén se uníron ás reivindicacións. Desta maneira veu "demostrada" a capacidade de mobilización das mulleres, que sitúa a Galicia "no mapa mundial do paro internacional de mulleres", e afirma que "se elas paran, o mundo para".

  Folga 24 horas

  Pola súa banda, a CNT, que apostaba pola folga de 24 horas, fala dun seguimento "moi alto "tanto no consumo como no ámbito laboral, aínda que acusa de "boicot" aos sindicatos maioritarios por convocar os paros parciais, que tacha de "fraude" e, admite, fixeron "dano". Tamén a CUT avogaba pola folga xeral e valora os resultados, incidindo en que "hai que cambiar os parámetros" e non se pode falar, segundo argumenta, de porcentaxes de seguimento.

  Sector público

  En concreto na administración xeral, segundo Vicepresidencia da Xunta, o seguimento da folga foi do 16,99%, mentres que nos distintos entes situouse nun 19,93%. Asegura o departamento de Alfonso Rueda que se cumpriron ao 100% os servizos mínimos, que se fixaron en 2.102 persoas. Ademais, rexistráronse 2.348 ausencias xustificadas. Por delegacións territoriais, os números do Goberno son os seguintes: 16,49% de seguimento na Coruña; 11,73% en Lugo; 13,63% en Ourense; e 23,32% en Pontevedra e Vigo.

  Xa por último, nos centros sanitarios, a participación na folga, segundo a Xunta, ascendeu a un 16,83% do persoal, é dicir, 1.628 dun total de 18.061. Os servizos mínimos eran de 6.484 persoas, cumpridos tamén ao 100% e con 1.902 ausencias justificadas.

  Pola súa banda, a CIG apuntou que no sector público houbo un seguimento do 100% do paro parcial na oficina de emprego de O Calvario. Este sindicato tamén apunta que a folga  tivo "mesmo máis" respaldo que en anteriores convocatorias nos complexos administrativos de San Caetano e de San Lázaro.

  En Pontevedra tivo tamén "moi boa" acollida, segundo a central nacionalista, no edificio administrativo da Xunta e tamén nos da administración do Estado, a local e a Deputación provincial. En sanidade, asegura que "se fixeron notar" en centros de saúde e hospitais "a pesar dos excesivos servizos mínimos que, no caso do Clínico, incluíron ao persoal contratado para peonadas en quirófano pola tarde".

  Derivado de GConfidencial.
  Foto: Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados