E-distrito

Noticias

A viaxe de Kentaro, o lince que correu 3.000 kms ata Galicia

A viaxe de Kentaro, o lince que correu 3.000 kms ata Galicia

  O exemplo deste lince morto atropelado en 2016 inspira un proxecto para crear 12 "autoestradas salvaxes" para a fauna.

  22 marzo 2018

  O lince Kentaro nunca atopou o seu lugar no mundo. Criado en catividade, foi liberado nos Montes de Toledo en decembro de 2014. E comezou a vagar cara ó Norte, nun percorrido de máis de 3.000 quilómetros que o trouxo a Galicia. O sinal que emitía o seu colar fixo posible seguir a súa aventura, pero lle perderon a pista despois de se adentrar na provincia de Ourense. Finalmente, en outubro do 2016, apareceu morto nunha autovía en Maia, ás aforas do Porto, en Portugal. Morrera atropelado.

  Kentaro gañou o alcume do "lince viaxeiro", porque a súa ruta errática pola península Ibérica chamou a atención dos científicos.  Kentaro comezou a andar cara ao norte. E non parou durante case dous anos. Pasou por Castela-A Mancha, Madrid, Aragón, A Rioxa, Castela e León, Galicia e, finalmente, Portugal, onde morreu. Normalmente, un lince non abandona un área duns 40 ou 50 quilómetros de diámetro.

  Kentaro estaba considerado polo proxecto Life+ Iberlince, que traballa na recuperación desta especie nas zonas onde tradicionalmente existiu e desaparecera, un individuo peculiar. Converteuse nun lince explorador, que lograra achegar valiosa información grazas aos datos de posicionamento obtidos do seu colar GPS.

  Agora, o exemplo de Kentaro inspira un proxecto de conservación para toda a península Ibérica, coa creación de "autoestradas salvaxes", rutas para que a fauna se poida desprazar a longas distancias por corredores seguros.

  Porque a historia de Kentaro é espectacular, pero, deixando de lado que este animal estivo meses cazando corzos que lle poden dobrar o peso -e que os expertos aseguran que entre o 80% e o 90% da súa alimentación depende do coello-, é unha crónica máis das mortes deste animal por atropelo. Pero ilustra á perfección a necesidade de dispoñer dunha rede de corredores verdes que permitan a mobilidade dos animais salvaxes pola península Ibérica.

  Doce corredores facilitarían que a fauna se desprazase e conectar os ecosistemas

  Unha investigación presentada por WWF España, en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, identificou os 12 corredores ecolóxicos que hai que preservar en España. A propia Unión Europea aprobou hai anos unha estratexia dirixida precisamente a lograr este obxectivo. E o Goberno español está xa na recta final para adoptar esa medida e presentar un plan concreto do que os políticos chaman “infraestruturas verdes”.

  A importancia destas grandes autoestradas vai moito máis alá de que un animal poida cruzar a península. Estes corredores son fundamentais para favorecer o intercambio xenético dentro das especies, e para achegar maior facilidade para que se adapten ao cambio climático.

  O estudo identificou as 12 grandes autoestradas para a biodiversidade en función da vexetación que hai nelas, localizou tamén os 17 puntos críticos nos que esta rede de corredores non permite a circulación de fauna salvaxe e sobre os que hai que actuar de forma prioritaria.

  “Os espazos protexidos non son illas. Cada vez hai máis evidencias científicas da importancia da conexión entre elas. Áreas protexidas si, pero áreas protexidas conectadas entre si”, explican os investigadores.

  Así que o exemplo de Kentaro, o lince viaxeiro que chegou a Galicia, podería axudar agora a un proxecto para facilitar as grandes rutas da fauna. E a interconectar os ecosistemas. Todo un legado para aquel felino que explorou Ourense no ano 2016.

  Derivado de GCiencia.
  Foto: Kentaro co seu colar GPS

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados