E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A oposición ve un esperpento que cazadores vixíen os incendios forestais

A oposición ve un esperpento que cazadores vixíen os incendios forestais

  A Conselleira defende a medida: "Necesito a todo o mundo". En Marea replica que o presidente da Federación de Caza é a mesma persona que dixo: "Eses maricóns de merda ecoloxistas non nos van a parar".

  A Xunta destinou entre 2016 e 2017 máis dun millón a convenios coa UME e En Marea critica que só resolve o 7,5% de lumes.

  12 abril 2018

  A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, asegura que este ano o plan de loita contra o lume da Xunta (Pladiga) "leva maiores achegas", entre as que se inclúen a posibilidade de que cazadores realicen tarefas de vixilancia contra os lumes. Unha cuestión que a oposición tacha de "esperpento", pero a titular deste departamento deféndeo porque: "Necesito a todo o mundo".

  En resposta a senllas preguntas do BNG e En Marea en materia de incendios no pleno do Parlamento, a conselleira valorou que os cazadores son "persoas que están polo monte", que "se determinan que son colaboradores serán colaboradores" contra o lume.

  "Por que non os cazadores? Por que non os radioafeccionados?", preguntouse Ángeles Vázquez na súa intervención na Cámara.

  Despois de que Xosé Luís Rivas, Mini (BNG), alertase de que cos cazadores van "substituír" a profesionais contra o lume, a conselleira negou este extremo e afirmou que "aquí ninguén vén suplir a ninguén".

  E é que Mini considera un "esperpento", "digno dos tempos de don Ramón María del Valle-Inclán", que os cazadores se vaian dedicar á investigación de incendios. Así, cuestionou de modo irónico se van recibir "cursos de 15 horas".

  Pola súa banda, Davide Rodríguez (En Marea) recriminou que esta proposta da Xunta se produce despois de que na comisión parlamentaria de estudo de incendios, o presidente da Federación de Caza de Galicia, Javier Nogueira, se ofreces como "custodio" contra o lume. Segundo di Davide Rodríguez, Nogueira é a mesma persona que asegurou: "Eses maricóns de merda ecoloxistas non nos van a parar".

  Pladiga sen participación de montes veciñais

  Así mesmo, Mini lamentou que o Pladiga sexa un "curta e pega" ano tras ano e non houbese reunións coas comunidades de montes, que xestionan 700.000 hectáreas, para coñecer a súa opinión.

  En resposta, a conselleira de Medio Rural asegurou que o Consello Forestal "será ouvido" antes da aprobación "definitiva" do Pladiga.

  Críticas á UME

  Noutra orde de cousas, o deputado de En Marea Davide Rodríguez censurou que o ano pasado houbo en Galicia máis de 3.000 lumes, pero o despregamento da Operación Centinela con 450 efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME), tan só resolveu 243 casos de lume, é dicir, "o 7,49%" dos incendios.

  Preguntada polo custo do convenio da Xunta coa UME, a conselleira informou de que tanto en 2016 como en 2017 foron máis de 560.000 euros cada ano, o que arroxa máis dun millón de euros. Ademais, para este ano prepárase un novo acordo.

  A continuación, a conselleira defendeu o "labor importante" da UME, con convenios desde 1999 en Galicia, só interrompidos co bipartito, que "se precipitou a unha nova colaboración" após a vaga de incendios de 2006.

  Davide Rodríguez afeou que os militares "o único que fan nos montes é un instrumento de propaganda", nun "exercicio de intrusión profesional", xa que o que recibe a UME se podería destinar a 22 vixilancias móbiles, que "tamén apagan incendios, cousa que a Operación Centinela non está a facer", dixo.

  No tocante á negativa da UME a participar na comisión de incendios, a conselleira afirmou que "oxalá fosen partícipes desta comisión igual que outros que non asistiron".

  Comisión e incendiarios

  Xunto a isto, a conselleira agradeceu o labor da comisión de incendios finalizada a pasada semana na Cámara, á vez que remarcou que o seu ditame e conclusións serán acatados pola Xunta.

  Sobre este punto, o deputado do Bloque sostén que "a comisión xa serviu para algo", porque lle "alegra" que a conselleira xa "non fale de terrorismo incendiario", senón só de incendiarios.

  Ángeles Vázquez afirmou que o seu obxectivo é "acabar cos incendiarios e, por tanto, cos incendios en Galicia". "Chámelles asasinos, terroristas, se queren inocentes", contestou a conselleira a Mini, pero "hai mortes".

  "A min dáme igual como se chamen, ao final o resultado está aí (...) non sexamos cómplices (...) non tentemos suavizar o que fai un incendiario", sentenciou Ángeles Vázquez.

  Derivado de GConfidencial.
  Foto: Miguel Núñez.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados