E-distrito

Noticias

Os ataques de cans: creando alarma social para ter máis audiencia.

Os ataques de cans: creando alarma social para ter máis audiencia.

  O primeiro estudo científico sobre ataques mortais de cans en toda España mostra a baixa incidencia destes sucesos: 17 mortes en 16 ataques en dez anos, un só caso en Galicia.

  Algúns deses cans nin sequera pertencen ás catalogadas como "razas potencialmente perigosas".

  18 abril 2018

   En dez anos producíronse en toda España 16 ataques mortais de cans a persoas. É dicir, unha media de tan só 1,6 ao ano e unha taxa de 0,003 por cada 100.000 habitantes. Malia esta baixísima incidencia, algúns medios de información levan anos xerando unha alarma social sobre os ataques de cans, aproveitando para facer sensacionalismo e engrandecer e elevar a problema social o que realmente son casos illados, sabedores de que este tipo de novas venden moi ben.

  As vítimas dos titulares sensacionalistas, as chamadas "razas potencialmente perigosas", están situadas no centro da diana deste tipo sensacionalismo. Mais os datos son os que son: entre os anos 2004 e 2013, 17 persoas morreron por ataques de cans en 16 casos, segundo o primeiro estudo sobre ataques fatais de cans en España. 

  Nese mesmo período, por exemplo, 474 mulleres morreron asasinadas a mans de homes en casos de violencia machista en toda España (unha media de 47,4 casos por ano), mais non existe unha lista de "homes potencialmente perigosos", e 55 menores morreron a mans dos seus proxenitores (5,5 mortes por ano), mais tampouco se creou unha lista ou perfil de "pais e nais potencialmente perigosos"; tampouco existe unha lista de "condutores potencialmente perigosos" malia que en 2017 se produciron 1.067 accidentes mortais en vías interurbanas en toda España, nos que faleceron 1.200 personas, na maioría dos casos, causados por imprudencias, neglixencias e comportamentos temerarios e ilegais; e a ninguén se lle ocorrería catalogar oficialmente a todos os alemáns como "persoas potencialmente perigosas" polos crimes contra a humanidade cometidos polo nazismo o século pasado. Mais os cans, algunhas razas, están estigmatizadas por casos illados de exemplares descontrolados polos seus amos.

  Os animalistas da asociación Libera! subliñan ao respecto: "Non hai cans «potencialmente perigosos»; existe un adestramento ou unha tenza que promove conductas reactivas negativas". 

  Tipoloxía de cans atacantes: rachando falsas crenzas

  O estudo tamén racha con algunhas crenzas, xa que dos cans que protagonizaron 16 ataques mortais, dez eran mascotas, catro eran cans de garda, un era un can salvaxe e outro caso non foi identificado.

  A lexislación española identifica oito razas de can "potencialmente perigosas": pit bull terrier, staffordshire bull terrier, american staffodshire terrier, rottweiler, dogo arxentino, fila brasileiro, tosa inu, akita inu (Real Decreto 287/2002, de 22 de marzo, que desenvolve a Lei 50/1999, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos en España).

  Segundo os rexistros dos 16 ataques mortais de cans rexistrados entre 2004 e 2013, desas oito razas "potencialmente perigosas" só houbo casos de ataques de pit bull terrier (2), american sdtaffodshire terrier (2), rottweiler (2) e akita inu (1). 

  Porén, os rexistros rachan máis falsas crenzas, xa que indican que entre os cans que protagonizaron ataques mortais había un podengo andaluz, un pastor mallorquino ou un pastor alemán; ningunha destas razas están na lista de cans "potencialmente perigosos". E non se rexistrou, por exemplo, ningún ataque mortal de dogo arxentino, que malia todo está na lista das razas catalogadas como potencialmente perigosas e é un dos que peor fama teñen na prensa, pero dos mellor valorados polos amantes dos cans para, por exemplo, o coidado de cativos.

  Nos demais ataques obsevouse que os animais eran mesturas de pit bull con outra raza descoñecida, mastín español con pastor alemán, pit bul e rottweiller, outros casos nos que se coñece que no cruce había akita americano ou boxer, e noutro descoñecíase a mestura.

  Os autores do estudo investigaron as circunstancias relacionadas coas vítimas, cans, lugar e hora do ataque. Os datos mostran que das 17 mortes ocasionados por cans en 10 anos, o 71% das vítimas eran homes. A idade media do total das vítimas foi de 45,9 anos, sendo as maiores de 65 anos o 35% e as de menos de 5 anos o 29% dos casos. Informáronse ataques mortais en 13 provincias. Barcelona foi a que tivo maior incidencia, con 3 casos con 4 vítimas) en dez anos, seguida de Tenerife e Illas Canarias (2 casos). En Galicia só houbo un ataque mortal, na provincia de Pontevedra.

  Os expertos consideran que "é necesario un sistema estatal de notificacións de mordeduras de can e ataques caninos cun enfoque multidisciplinario que inclúa especialistas veterinarios (por exemplo, medicina conductual), co obxectivo de chegar a unha mellor comprensión dos factores de risco relacionados como un primeiro paso na súa prevención".

  O estudo vén de publicarse na revista Journal of Veterinary Behavior.

  Galicia

  Neses dez anos de rexistros de ataques fatais de cans, só un caso aconteceu en Galicia, o 15 de maio de 2013: un cativo a piques de cumprir dous anos morría polas mordeduras dun can de raza pit bull no lugar do Mosteiro, en Pazos de Borbén (Pontevedra).

  Ese ano, segundo os datos do Regiac (Rexistro Galego de Identificación de Animais de Compañía), había censados un total de 1.833 cans considerados "potencialmente perigosos" na provincia de Pontevedra; tan só un protagonizou un ataque mortal.

  Galicia conta con 14.125 cans "potencialmente perigosos" no rexistro autonómico Regiac, segundo os datos facilitados pola Xunta de Galicia a finais de 2017, con datos de 2016. Ese ano —2016— rexistráronse 428 infraccións por parte de donos de cans que xeraron 147 sancións por valor de 512.524,66 euros.

  A Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía en Galicia, establece unha regulación de mínimos sobre a tenza de animais potencialmente perigosos, respectando o disposto na normativa estatal. Esta lei considera "animais potencialmente perigosos aqueles animais de compañía pertencentes tanto á fauna autóctona coma alóctona que, con independencia da súa condición, natureza, especie ou raza á que pertenzan, poidan causar a morte ou provocar lesións ás persoas ou a outros animais, ou producir danos de certa entidade ás cousas, excepto o suposto previsto no artigo 1.2 da Lei 50/1999, do 23 de decembro, sobre o réxime xurídico da tenza de animais potencialmente perigosos".

  No caso concreto dos cans, considéranse "potencialmente perigosos" aqueles que "polas súas características raciais poidan ser aptos para o adestramento para a garda e defensa, e en concreto os cans pertencentes ás seguintes razas: american stafforshire terrier, pit bull terrier, bullmastif, dobermann, dogo arxentino, dogo de Bordeos, dogo do Tíbet, fila brasileiro, mastín napolitano, presa canario, presa mallorquín (ca de bou), rottweiler, bull terrier, staffordshire bull terrier, tosa inu e akita inu, e mais as restantes razas que poidan determinarse na normativa estatal sobre animais potencialmente perigosos de obrigado cumprimento".

  A norma establece ademais que "tamén serán considerados potencialmente perigosos os cruzamentos en primeira xeración destas razas ou os cruzamentos destas razas con outras".

  Alarma social inxustificada

  Cos datos aportados, cabe preguntarse se os ataques fatais de cans a persoas son un problema que deba suscitar alarma social ou se estamos realmente ante casos illados. Se se fai unha análise fáctica —e non visceral— e se ten en conta o número total de mortes por ataques de cans, os números demostran que son casos illados. Mais o estigma sobre estes animais mantense e a esaxerada dimensión que lle dan os medios contribúe á condena social de milleiros de cans.

  Así o cren os representantes en Galicia de Libera!, que consideran que a alarma social "para nada está xustificada". "Tendo en conta as estatísticas, estes casos son moi puntuais en comparación co número total de cans (rexistrados e non rexistrados) que hai en Galicia e a porcentaxe que representarían os cans potencialmente perigosos", argúen. 

  Os animalistas observan que "estes casos adoitan ser interesantes para os medios, pero tamén existe unha crecente aparición de novas positivas, co que tratamos de equilibrar o relato mediático", expoñen.

  Críticas aos medios

  Os defensores dos animais sinalan directamente os medios de información como responsables dunha alarma social "inxustificada" sobre os cans. "En xeral", comentan, "o tratamento que fan os medios vencella o animal cun ataque sen importar a causalidade ou a intrahistoria de como chegou ese can a realizar un acto deste tipo".

  Con todo, tamén recoñecen que "isto está a mudar pouco a pouco", mais "aínda queda por avanzar", polo que estiman que "é preciso insistir en que a culpa non pode ser do can, senón de quen tiña ese can e como o tiña ou como o trataba". "Ás veces falamos dunha neglixencia, e por iso no catálogo de infraccións tamén se contemplan situacións semellantes", engaden.

  "Estes ataques de cans son casos illados, pero adoitan ter un problema común: a falta de conciencia sobre o trato que reciben estes animais e as súas necesidades etolóxicas/comportamentais. Se non abordamos campañas de prevención e sensibilización nin atallamos o comercio irregular destas razas, seguirán sendo criminalizadas", aleran desde Libera! Galicia.

  Crítica á lexislación

  A asociación animalista maniféstase abertamente en contra da lexislación española sobre tenza de animais considerados "potencialmente perigosos", xa que "o criterio orixinal foi unha lexislación en quente, logo de varios ataques violentos a finais da década dos anos 90, fomentando a cousificación dos cans en función da raza, sen ter en conta que existían factores comúns: tenza inaxeitada, adestramento pro-violento, falta de civismo ou responsabilidade dos donos, animais sen identificar, etc.", explican os representantes desta ONG en Galicia.

  Respecto da lei galega de protección e benestar dos animais de compañía, é "unha transposición da normativa estatal, aínda que a proposta específica que fixemos sobre sensibilización non foi aceptada polo PP nin pola Xunta", láianse os animalistas, que insisten na nacesidade de "traballar o aspecto pedagóxico e rachar mitos". "Por iso traballamos baixo o lema #NonSonMatóns, que é a campaña permanente de Libera! na materia", salientan.

  Libera! tamén lamenta que, coa lei galega, "mesmo se puido ter avanzado coa prohibición de aparellos como os colares de descargas eléctricas, que segundo os estudos xeran condutas todavía máis nocivas nos animais, con reaccións violentas non pouco habituais". 

  Para os animalistas, unha das claves é "insistir na convivencia responsable, porque un exame psicotécnico pode servir para cribar algúns perfís de persoas non aptas para a tenza de certos animais, pero estas poden mercar o can en plataformas web ou grupos en redes sociais, como temos denunciando", alertan.

  "Ao ser unha competencia eminentemente estatal", Libera! plantexa a "derrogación do decreto que regula a tenza de animais potencialmente perigosos en España, e "a súa substitución por un verdadeiro Plan de Concienciación".

  "Tamén protestamos pola inclusión doutra nova raza ao catálogo de cans potencialmente perigosos, como é o bull terrier. Non era xustificable nin tan sequera dende un punto de vista alarmista. A administración autonómica debe implicarse, xunto cos Concellos, nunha maior inspección e vixilancia para previr maltrato e que existan casos deste tipo", conclúen.

  Derivado de GConfidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados