E-distrito

Noticias

O conflito da Xustiza agrávase polo desencontro entre Alfonso Rueda e os sindicatos.

O conflito da Xustiza agrávase polo desencontro entre Alfonso Rueda e os sindicatos.

  O Vicepresidente do goberno galego afirma que existía un preacordo con catro sindicatos; estes négano e rétano a que o amose.

  19 abril 2018

  Non só non houbo acordo, senón que o conflito recrúa. As conversas que, máis de tres semanas despois, retomaron Xunta e o comité de folga de Xustiza este mércores acabaron cunha nova ruptura das negociacións. E coa revelación que o vicepresidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, fixo ao coñecer o novo fracaso: había un preacordo con catro dos sete sindicatos --SPJ-USO, CSIF, UGT e CCOO-- para pór fin ao paro este mércores, pero botáronse atrás, segundo o número dous do Executivo. Os representantes dos traballadores, pola contra, negan ese preacordo e "retan" a que a Administración o amose. 

  Rueda dixo estar "indignado" e revela que chegara a un preacordo con catro sindicatos, que se botaron atrás, para pór fin á folga

  Rueda, malia non participar nas conversas deste mércores, compareceu e dixo estar "perplexo" e "indignado". Visiblemente molesto, revelou que ese preacordo aumentaba o incremento salarial reclamado polo funcionariado de Xustiza e incorporaba un plan de recuperación do traballo atrasado do 80%. Pero o comité de folga, no que tamén están STAJ, Alternativas na Xustiza-CUT e CIG, acabou por dicir non, segundo o vicepresidente da Xunta.

  Este preacordo, segundo Rueda, garantía que o funcionariado galego estivese sempre por riba da media das autonomías, tal e como reclamara o Parlamento. E acusou os sindicatos de entorpecer o acordo ao procurar "recuperar os cartos perdidos" durante a folga, un 10% deste de maneira automática. Ademais, o vicepresidente da Xunta asegurou que esta última oferta da Administración "xa perdeu a súa validez" e que "non vai haber ningunha suba máis". "Isto non é poxa ningunha nin un xogo de nenos", dixo, tras advertir de que "non vai haber futuras reunións convocadas pola Xunta".

  "A Xunta non pechou un acordo por 12 euros", denuncian os sindicatos

  Fontes do comité de folga, pola súa banda, acusan a Rueda de "mentir", negan que existise ese preacordo con catro centrais e "retan" o vicepresidente a que o amose. "A unidade sindical segue vixente", remarcan. Os sindicatos acusan a Xunta de non pechar o acordo "por 12 euros" logo de que aceptasen unha suba lineal de 140 euros para todos os corpos e que o incremento se completase en tres anos. "Se o Goberno non é capaz de pechar o acordo por 12 euros, vai ter que dar moitas explicacións", explica o comité de folga. 

  A xuntanza deste mércores chegou 23 días despois da última, cando xa se superan os 70 días e as dez semanas de folga e con preto de 20.000 xuízos suspendidos e aprazamentos até 2020. Ao igual que nos últimas xuntanzas, por parte da Xunta lideraron as negociacións a secretaria xeral técnica de Vicepresidencia, Beatriz Cuíña; o director xeral de Función Pública, José María Barreiro, e o director xeral de Xustiza, Juan José Martín. Da outra banda, o comité de folga con representantes dos sete sindicatos. Foron moitas horas, incluíndo os recesos, desde que as conversas comezaran ao mediodía e os representantes do Goberno levantasen da mesa sobre as 7 da tarde. 

  O Goberno asegura que "non vai haber ningunha suba máis" nin "futuras reunións convocadas pola Xunta"

  Aínda que as posturas seguían moi enfrontadas, dos dous lados recoñecíase a posibilidade de modular as súas posturas. Tamén desde a Xunta, que aparentou intransixencia desde que comezara o conflito, asegurando unha e outra vez a imposiblidade de modificar as súas propostas económicas pero presentando este mércores outra oferta máis diferente. Na anterior, o Goberno ofrecía un incremento de entre 133 e 105 euros mensuais segundo a categoría, mentres que o persoal reclamaba 180 máis para todos. Agora, a Administración poñía sobre a mesa unha suba de 122, 127 e 135 euros segundo o corpo e os sindicatos aceptaban unha suba lineal de 140. Unha media de 128 euros máis por funcionario fronte a eses 140. Pero todo rachou. Por eses 12 euros por traballador. 

  A negociación centrouse nesa suba do complemento autonómico no salario, onde se mantiña o desacordo, pero o conflito abrangue outras reivindicacións como a anulación dos descontos por baixa laboral durante os primeiros días ou a cobertura de vacantes para reducir a elevada carga laboral e falta de medios que sofre a Xustiza en Galicia e que denuncian os sindicatos, que desde o principio advertiron da "discriminación" que o funcionariado sofre nas súas condicións con respecto aos compañeiros doutras autonomías ou dependentes do Ministerio.

  Ademais, neste mércores, os letrados da Administración da Xustiza reivindicaron tamén unha suba do seu salario cunha primeira mobilización deste colectivo, que reclama ao Ministerio un incremento de acordo coa súa categoría profesional da escala A-1, como a do resto de corpos superiores da Administración Xeral do Estado. Ao tempo, este xoves comezan tamén os paros dunha hora de xuíces e fiscais, que ameazan cunha folga indefinida a partir do vindeiro 22 de maio. 

  Derivado de Praza.
  Foto: (c) AX CUT

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados