E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A mala xestión das redes sociais repercute negativamente no pequeno comercio galego.

A mala xestión das redes sociais repercute negativamente no pequeno comercio galego.

  Profesionais do sector inciden en que non querer innovar, a idea de que o poden facer eles mesmos ou a desconfianza son aspectos que afastan aos comercios das oportunidades da rede.

  Con todo a situación mellorou moito co tempo. Na cidade da Coruña a maior Plataforma de Comercio, E-distrito, conta xa con máis de 500 comercios adheridos e realiza servizos non só de publicidade senón tamén de deseño de páxinas web, asesoramento dixital, e community manager entre outros. Non obstante recomendan aos comerciantes ter coidado con empresas que ofrecen servizos "que non coñecen" xestionadas únicamente por persoas cuxo coñecemento só é xestionar un perfil social. Tamén advirten de outras que ofertan prezos completamente abusivos.

  20 abril 2018

  As redes sociais son un excelente escaparate para o comercio de barrio. Aínda así e a pesar de que novas tendas incorporan as RR SS para a promoción do seu negocio, a xestión incorrecta e a falta dun ou dunha profesional do medio na xestión dos contidos, está deixando fóra de xogo ao comercio tradicional.

  Comercio polo miúdo

  O pequeno comercio tradicional está afrontando unha época de incerteza. Grandes superficies comerciais, recualificación de barrios enteiros onde antes había vivendas e agora apartamentos turísticos ou oficinas ou zonas de ocio. Son moitos os elementos que xogan á contra das tendas de menor tamaño e cunha longa presenza no interior das cidades e vilas.

  Vouno facer eu

  A competitividade neste século XXI desenvólvese tamén nas Redes Sociais (RR SS), porque hoxe en día a presenza nestas plataformas é unha maneira máis de dicir “que estou aquí”, “que existo”. Por iso resulta moi tentador abrir un perfil en Facebook, Instagram, Pintereset e outras redes onde aparecerán tanto o establecemento como fotografías dos produtos e dos e das propietarias. Comentarios sobre o día, as especialidades, etc.

  Resumindo, créase un perfil como se fose unha persoa cando conta a súa vida día a día ou mostrando o seu desenvolvemento en deporte, na súa profesión ou noutras facetas da vida. E por que o fan así? A creación dun perfil sóalle a todo o mundo da mesma maneira. Creas a conta, subes a fotografía e logo, pouco a pouco, os contidos. Pero o que non se fai é unha análise detida para chegar á clientela potencial.

  Segundo Andrés Rozados, asesor e community manager experto en comercio de proximidade,isto faise así por dous motivos “o primeiro é a falta de tempo, porque este tipo de comercio non ten persoal abondo para xestionar a loxística e  logo que cando invisten diñeiro en márketing dixital pensan que só son as RR SS máis coñecidas, cando realmente poderían ter unha web propia cun bo posicionamento”.

  A mesma idea comparte outro community manager, Luis Ben, “ moitas veces o márketing déixase en mans dalgún administrativo ou de persoas que saben baixar e usar aplicacións” e isto mesmo é a consecuencia tanto da falta de tempo como de diñeiro. E é que ademais, facer hoxe un posicionamento, segundo Ben, non é o mesmo que hai só uns anos “porque os algoritmos cambiaron e agora están pensados para pasar por caixa”

  Investimento e desenvolvemento

  A idea é que o comercio medio e pequeno debe adaptarse ás esixencias que lle pide a sociedade actual. Isto é, facilidade tanto no pago dos produtos, rapidez ou case inmediatez e teleasistencia, conexión streaming. Elementos que fagan posible a comodidade para o cliente. Mais deberiamos lembrar tamén o peche case sistemático de tendas, tanto das que levaban décadas como as que abriron hai moi pouco tempo.

  “Desde hai un ano moitos negocios que abriron están pechando de maneira case sistemática” di un deseñador de páxinas web. Juan Pereira considera que “a maioría de propietarios son reacios a levar  RR SS ou ter unha web propia” cousa que Pereira explica “debido a que boa parte destes propietarios están convencidos de que os queren enganar”. Adaptarse aos novos tempos custa, e as mentalidades, como observamos poden pecharse diante da innovación.

  Aínda así, en cidades como Santiago de Compostela, e como apuntan desde Compostela Monumental "é que non hai unha rede fixa que lle permita aos comercios na zona monumental traballar coas redes socias cun servizo de calidade".

  O caso é que o investimento en novas tecnoloxías ou polo menos nun bo posicionamento forma parte hoxe en día, mesmo dos cursos e actividades formativas das cámaras de comercio, de organismos públicos implicados tamén nesta áera e de agrupacións profesionais. Pero o muro está en que “a ver, os prezos de posicionamento SEO non son baratos, pero o problema non radica aí, senón en que é algo necesario se queremos ver un comercio que tire para adiante”.

  Resumindo

  O primeiro é achegar as novas tecnoloxías ao comercio, polo que se desprende das opinións dos communities e deseñadores web. Hai unha necesidade imperiosa de eliminar barreiras como a desconfianza cara os avances en comunicación mediante a Internet.

  En segundo lugar, sería preciso tamén deixar claro que a xestión das redes en canto á imaxe do comercio, ten que ser xestionada dunha maneira profesional. É dicir, non pode tratarse como se estivesemos diante dun perfil persoal onde subimos case calquera opinón sen un filtro previo ou unha imaxe sen un tratamento axeitado ás necesidades de difusión dunha marca ou casa comercial.

  O investimento neste apartado é tan  preciso como o investimento nun local novo, nunha instalación de auga decente, etc. O posicionamento dentro da Internet é complexo, non é doado e as variables que compoñen o código da rede varían todos os anos. Por iso estar ao tanto dos cambios nas redes e ao mesmo tempo do día a día dun negocio, poden ser incompatibles en canto asunción de responsabilidades.

  Desta maneira sería conveniente a achega de todas cantas asociacións existen que acollen aos pequenos e medianos comercios, para levar adiante un plano de implementación en novas teconoloxías no sector do mercado de proximidade.

  Derivado de GConfidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados