E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Menos títulos, menos tiraxe, menos editoriais e menos axudas públicas para o libro galego

Menos títulos, menos tiraxe, menos editoriais e menos axudas públicas para o libro galego

  As editoriais suman seis anos consecutivos de números vermellos e os seus ingresos case se reduciron á metade entre 2008 (31,6 millóns) e 2016 (16,1 millóns). O número de empregados tamén caeu.

  24 abril 2018

  Co gallo do Día Mundial do Libro, que se celebra este luns, o pasado xoves o Consello da Cultura Galega (CCG) organizou un encontro cos principais axentes do sector do libro galego, en que se analizou a vixente Lei do Libro, a súa implantación e posibilidades de actualización debido aos cambios producidos no sector dende a súa aprobación hai máis dunha década, en 2006. Ademais, no encontro presentouse o Informe sobre datos da edición en Galicia 2006-2016, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, que amosa unha panorámica sobre a situación do sector e que se pode resumir nun conxunto de conclusións moi negativas: na última década reducíronse o número de títulos, de editoriais e de axudas institucionais, así coma as tiraxes e o gasto realizado polos e polas consumidoras galegas.

  En 2016 o número de libros editados en galego descendeu ata o seu nivel máis baixo dende 1996

  No 2016 o número de libros editados en galego descendeu ata o seu nivel máis baixo dende 1996. Son 1.211 os títulos en galego que figuran no ISBN, case douscentos menos que en 2015 e por debaixo da metade dos editados en 2010 (2.544). Dende hai 20 anos non se rexistraba unha cifra tan baixa. Na última década, entre 2006 e 2016, a caída foi do 52%. Pola contra, no ano 2016 no conxunto do Estado a edición ascendeu un 8,3% con respecto ao 2015. Creceu tanto a edición en castelán (67.212 títulos, un 7,5% máis), como en catalán (7.873 títulos, un 7,2% máis), como en euskera (1.644 títulos, un 34,5%).

  A produción de exemplares en Galicia tamén experimentou un recorte moi importante. Entre o punto de maior produción (2011) e o 2016 reduciuse a produción nun 47%, o que supuxo que deixaron de imprimirse 1,5 millóns de libros. 

  Menos gasto en libros.

  O gasto medio por persoa en libros descendeu 17 euros entre 2006 e 2016

  No caso do consumo, o gasto en libros non de texto realizado polos fogares galegos na década 2006-2016 experimentou un decrecemento do 54,5%, o que supón case 47 millóns de euros menos. O único elemento para o optimismo é que o gasto creceu entre 2015 e 2016, despois de tres anos de caídas consecutivas. O gasto medio por persoa en libros descendeu 17 euros entre 2006 e 2016, tocando fondo en 2015, cun desembolso per cápita de menos de 30 euros. En 2016 a cifra parece recuperarse de xeito moi leve ata os 32 euros por persoa.

  A crise do sector deixouse notar nas librarías e, sobre todo, nas editoriais

  En consecuencia, a situación que viven as editoriais galegas non é a mellor. En conxunto suman seis anos consecutivos de números vermellos, entre 2011 e 2016, e os seus ingresos case se reduciron á metade entre 2008 (31,6 millóns) e 2016 (16,1 millóns). O número de empregados tamén caeu, entre os 263 de 2009 e 184 de 2016, aínda que experimentando nos últimos anos unha leve mellora dende os 161 de 2013. As librarías experimentan tamén unha tendencia negativa, pero moito máis leve. Ao igual que as editoriais tocaron fondo entre 2013 e 2014 pero dende entón os seus ingresos e número de traballadores/as creceu ata niveis próximos (aínda que por debaixo) aos de 2010.

  O efecto dos recortes.

  O gasto público no sector do libro descendeu un 52% entre 2006 e 2016, un total de 1,5 millóns de euros

  O gasto público no sector do libro descendeu un 52% entre 2006 e 2016, un total de 1,5 millóns de euros. A partida dedicada á promoción da lectura e do libro experimentou un descenso do 82% e a de promoción a edición do libro en galego caeu un 54%.

  Os recortes nas bibliotecas tamén foron moi significativos: entre 2008 e 2016 o descenso nas adquisicións de libros ascendeu a case 2,4 millóns de euros, un 58% menos. Galicia perdeu máis de 100 bibliotecas na última década.

  Derivado de Praza
  Foto: Biblioteca da Coruña. (C) Concello da Coruña

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados