E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

O paro aumentou en Galicia en 4.400 persoas no primeiro trimestre do ano

O paro aumentou en Galicia en 4.400 persoas no primeiro trimestre do ano

  A taxa de actividade masculina diminúe tres décimas no último trimestre ata o 57,3%, mentres que a feminina aumenta dúas décimas quedando no 49%. 

  Por sectores económicos, a ocupación neste primeiro trimestre diminuíu na agricultura e pesca e na industria, e aumentou tanto na construción coma nos servizos.

  27 abril 2018

  O paro aumentou en Galicia en 4.400 persoas no primeiro trimestre do ano, ao tempo que o emprego se reduciu en 5.700. Nunha tendencia constante, a redución ou incremento da poboación parada non vai acorde ao aumentou ou baixada da ocupación. Tampouco desta vez. Con respecto a hai un ano, Galicia conta con 30.600 parados menos, un total de 186.500, pero tan só 16.500 ocupados máis que no mesmo trimestre de 2017, o que indica unha nova redución da poboación activa. 

  O ritmo da redución do desemprego en Galicia é o dobre que o da creación de postos de traballo

  Xa que logo, tendo en conta o balance anual tirado da Enquisa de Poboación Activa (EPA), o ritmo da redución do desemprego en Galicia é o dobre que o da creación de postos de traballo --hai 30.600 persoas paradas menos pero só 16.500 ocupadas máis--, unha situación que incide no grave problema do mercado laboral galego nos últimos anos: é cada vez máis pequeno, en boa parte derivado do importante problema demográfico. 

  A enquisa de fluxos da poboación activa, derivada da propia EPA, retrata moi ben a situación. Neste primeiro trimestre de 2018 saíron do paro 65.000 persoas en Galicia, pero entraron nel máis de 69.000. Ademais, este movemento non se traslada mecanicamente á creación de emprego: entraron na ocupación 50.600 persoas pero abandonárona 52.300. As persoas que faltan son as que deixan de ser poboación activa, isto é, as que xa non computan como poboación que traballa ou está en condicións de facelo; son 1.300 menos que no trimestre previo e 14.200 menos que un ano antes, o supón un retroceso do 1,1% nos últimos doce anos, como indica o Instituto Galego de Estatística (IGE). 

  En canto á taxa de actividade, en Galicia sitúase no 53%, con importantes diferenzas en canto ao sexo. Así, a taxa de actividade masculina diminúe tres décimas no último trimestre ata situarse no 57,3%, mentres que a feminina aumenta, pola contra, dúas décimas pero queda nun afastado 49% con respecto á dos homes. 

  A diferenza entre homes e mulleres reflíctese tanto na actividade como na ocupación e, neste comezo de 2018, especialmente nos datos do paro, que aumentou en 4.400 persoas con respecto ao trimestre anterior un incremento que, en realidade, responde a unha suba exclusiva no número de paradas. 

  No primeiro trimestre de 2018, o paro masculino baixou en 600 persoas e o feminino aumentou en 4.900

   Nestes tres primeiros meses do ano diminuíu o paro masculino e aumentou o feminino: o número total de homes parados baixa en 600 persoas e sitúase en 91.100, mentres que o de mulleres queda en 95.400 persoas logo dun incremento de 4.900 mulleres máis desempregadas. Xa que logo, a taxa de paro masculina mantense no mesmo nivel que no trimestre anterior (14,2%) e a feminina aumenta 0,8 puntos, até o 16%.

  O descenso do paro entre homes foi de máis do dobre que o das mulleres no último ano

  A diferenza na evolución da poboación parada entre sexos acontece tamén nas cifras interanuais, ao descender o número de parados entre os homes en 20.800 persoas en doce meses, máis do dobre que o descenso entre as mulleres (-9.800) tanto en termos absolutos como relativos. 

  Por sectores económicos, a ocupación neste primeiro trimestre diminuíu na agricultura e pesca e na industria, e aumentou tanto na construción coma nos servizos. No sector primario a ocupación diminúe en 3.600 persoas con respecto ao cuarto trimestre de 2017; na industria, a ocupación diminúe en 3.500 persoas. Pola contra, o sector da construción rexistra un incremento de 100 persoas na cifra de ocupación, e os servizos de 1.200 traballadores e traballadoras máis.

  Por outra banda, en canto á poboación xuvenil (entre 16 e 29 anos), a taxa de ocupación sitúase no 36,2% no primeiro trimestre de 2018, cinco décimas menos con respecto a hai tres meses e 0,5 inferior á de hai un ano. 

  Polo que respecta á contratación, a temporalidade continúa a gañar espazo. Hai 4.500 asalariados e asalariadas menos con contrato indefinido respecto ao trimestre anterior, mentres que o número de persoas con contrato temporal diminúe en 2.900. Na variación interanual, os asalariados con contrato indefinido incrementáronse un 2,6% e os asalariados con contrato temporal un 7,3%.

  Ademais, e no que ten que ver cos fogares, o número deles nos que todos os seus membros activos están en paro aumenta en 2.800 unidades e sitúase en 68.900. Respecto ao primeiro trimestre de 2017, pola contra, esta tipoloxía de fogares diminúe un 6,8%. Pola súa banda, o número de fogares nos que todos os seus membros activos son ocupados diminúe en 3.700 unidades. O número de fogares nesta situación é de 579.800. En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 21.800 fogares máis nesta situación, o que supón unha suba do 3,9%.

  Derivado de Praza

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados