E-distrito

Noticias

A Coruña/ O Concello pechou o ano pasado coa débeda viva máis baixa da década e un superávit de 18 millóns de euros

A Coruña/ O Concello pechou o ano pasado coa débeda viva máis baixa da década e un superávit de 18 millóns de euros

  A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, destaca que a porcentaxe de execución orzamentaria do pasado ano é do 78,84%.

  03 maio 2018

  O Concello da Coruña pechou a súa liquidación correspondente ao ano 2017 cun superávit final axustado de 18,3 millóns de euros, fronte aos 27,4 millóns acadados un ano antes. Con esta magnitude, a administración local  rematou o pasado exercicio cumprindo cos principios de estabilidade orzamentaria, así como o teito de gasto. O superávit será destinado a proxectos para a mellora da cidade, a través dos investimentos financeiramente sostibles (IFS), que o Estado permite levar a cabo a aqueles concellos que presentan unhas contas saneadas, ademais da amortización de débeda. A concelleira de Facenda, Eugenia Vieito, indicou que, a falta de concretar a contía definitiva que se poderá destinar aos IFS, o superávit "servirá para financiar numerosas intervencións de mellora do espazo público que contribuirán a acabar con desigualdades históricas nos barrios da cidade".

  A concelleira recordou como, dende hai meses, o grupo de goberno está a analizar as súas prioridades de investimento, "entre as que destacan as actuacións no espazo público, como poden ser as referidas á mellora do alumeado e á eficiencia enerxética, así como á naturalización, ampliación e restauración de zonas verdes da cidade", á vez que salientou "a posibilidade de abordar, entre outras, actuacións de mellora en instalacións deportivas, así como centros cívicos e educativos". Ao fío destes investimentos, a edil aproveitou para reclamar ao executivo central "que permita aos concellos saneados destinar os seus aforros non aos bancos, senón a súa veciñanza". "As ampliacións de supostos para o destino dos IFS que se negociaron durante o ano pasado co ministerio de Montoro non son suficientes nin xustas, xa que os concellos que facemos os deberes deberiamos ter o dereito a empregar os nosos aforros en mellorar a vida da nosa cidadanía", reivindicou.

  Por outro lado, a titular de Facenda indicou que a saneada situación do Concello permite non só que A Coruña poida dedicar o seu superávit a investimentos financeiramente sostibles, senón que, ademais, "avance na recuperación dos dereitos laborais do persoal municipal, que no seu día foron minorados como consecuencias das políticas austericidas aplicadas polo goberno do Estado". "As melloras que negociamos cos sindicatos e que pretendemos aprobar este ano son posibles grazas á cancelación do Plan de Axuste do Concello durante o pasado ano e o cumprimento de todos os criterios de estabilidade orzamentaria e limites de endebedamento na liquidación de 2017", sinalou.

  Vieito explicou que a saúde financeira das arcas municipais vese exemplificada no feito de que a finais do pasado ano, o Concello da Coruña rexistraba unha débeda viva de 63,8 millóns de euros, a máis baixa da década, e case 10 millóns por debaixo da contía rexistrada a peche de 2016. Ademais, as contas do pasado exercicio rexistran un aforro neto de 27 millóns de euros "que pon de manifesto a capacidade que ten a administración local de autofinanciarse a nivel de gasto corrente".

  A responsable municipal tamén destacou que a evolución do remanente líquido de tesourería para gastos xerais, por un importe aproximado de 23 millóns de euros, "pon de manifesto a solvencia financeira que presenta o Concello a curto prazo". A edil manifestou que a cifra de remanente tamén esta influída polo aumento dos ingresos municipais, que o ano pasado acadou unha cifra de dereitos recoñecidos netos de 236,73 millóns de euros, fronte aos 234,2 do ano 2016, un 1% superior.

  Por outro lado, a titular de Facenda tamén salientou que "a 31 de decembro do pasado ano, a execución orzamentaria foi do 78,84%, magnitude máis dun punto por enriba da execución do ano anterior e na liña dos últimos exercicios, a pesar da tardía aprobación dos orzamentos municipais en 2017".

  Derivado de Concello da Coruña

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados