E-distrito

Noticias

Galicia recicla menos que a media do estado

Galicia recicla menos que a media do estado

  Aínda que sobe a reciclaxe de plásticos e papel, a cifra sigue por baixo da media estatal. O avance no que vai de 2018 é do 10%, mentres o nivel de envases impropios nos colectores mantense en torno ao 30%.

  21 maio 2018

  A Comunidade galega reciclou un total de 58.000 toneladas de envases domésticos --depositados nos colectores amarelos e azuis-- durante 2017, o que supón un incremento do 2% respecto ao ano anterior, aínda que está por baixo da media de aumento en España (+3,4%).

  Así, cada galego reciclou de media ao longo do ano 10,5 quilos no colector amarelo --plásticos, latas e briks-- e 11,7 quilos no azul --papel e cartón--. Diso informaron este luns en rolda de prensa en Santiago, a directora xeral de Calidade Ambiental, Cruz Ferreira, e o xerente da zona Norte de Ecoembes, Fernando Blázquez.

  Respecto diso, a responsable de Calidade Ambiental remarca que Galicia vai "no bo camiño", aínda que admite que é "un camiño lento", xa que se implementan medidas para mellorar "a longo prazo". Con todo, a pesar da subida de envases reciclados en 2017 por baixo da media, Ferreira subliña o avance do 10% no que vai de 2018. "Non somos a paradigma de Europa", recoñece Cruz Ferreira sobre o nivel de reciclaxe en Galicia, pero valora que a Comunidade "tampouco" está "atrás de todo" como ocorría "hai uns anos".

  O nivel de impropios en torno ao 30%

  Pola súa banda o número de colectores amarelos e azuis aumentaron en 1.622 en Galicia até un total de 46.311. Todo iso, mentres se fomenta reciclar a través de diferentes campañas coa incorporación dun milleiro de establecementos hostaleiros, que se ampliarán até 2.000, e a promoción en diversos municipios, no Camiño de Santiago e en feiras.

  A reciclaxe realizada en 2017 polos galegos evitou a emisión á atmosfera de 1,2 millóns de toneladas de dióxido de carbono, á vez que supuxo o aforro de 1,3 millóns de toneladas de materias primas e de 20 millóns de metros cúbicos de auga --o equivalente ao consumo de auga dunha cidade como Santiago durante catro anos--.

  En España, o 77% dos envases domésticos son reciclados. Segundo o exposto pola directora xeral de Calidade Ambiental esta taxa está "un pouco por baixo" en Galicia, aínda que non se ofreceu o dato. Ademais, o nivel de envases denominados impropios, que non se corresponden co seu colector, mantense en torno ao 30% en Galicia, unha taxa un "pouco" peor que a media do Estado.

  Futuro na Consellería de Medio Ambiente

  Noutra orde de cousas, nesta rolda de prensa a responsable de Calidade Ambiental foi preguntada sobre a posibilidade de que a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, abandone o seu cargo e sexa candidata á Alcaldía da Coruña polo PP.

  Cuestionada sobre se vai ser a futura conselleira de Medio Ambiente, Ferreira limitouse a dicir: "Hoxe estamos aquí para falar de reciclaxes e iso non o sabe ninguén".

  Derivado de GConfidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados