E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A Coruña/ Lema traslada á Mesa Local de Comercio as accións de dinamización para este 2018

A Coruña/ Lema traslada á Mesa Local de Comercio as accións de dinamización para este 2018

  Investirase máis de 700.000 euros. A campaña do Samaín deste ano, “se reinterpretará, para dar maior visibilidade ao comercio e tentar achegar as tendas de proximidade á cidadanía"

  22 maio 2018

  O concelleiro de Emprego e Economía Social, Alberto Lema, trasladou onte á Mesa Local de Comercio, ente no que está representado tanto o Concello como as principais asociacións de comerciantes da cidade, as actividades de dinamización programadas para o que resta de exercicio polo seu departamento. O edil recordou que a finais de ano, o Concello terá investidos máis de 730.000 euros en distintos programas, que buscan "afondar na dinamización do comercio de proximidade da cidade, tanto das zonas comerciais como dos mercados municipais". Unha cantidade, recordou, "á que tamén se suma a liña de axudas de 126.000 para que, mediante un proceso de concorrencia competitiva, as distintas asociacións de comercio poidan recibir subvencións municipais para o financiamento dos seus propios proxectos".

  Na xuntanza, á que acudiron representantes da Asociación de Vendedores do Mercado de San Agustín, Área Comercial Obelisco, Asociación de Empresarios Agrela, a Federación de Unión de Comercios Coruñeses e a Asociación Comercial Distrito Mallos, ademais da Federación Provincial de Comercio, a Cámara de Comercio e a Xunta de Galicia, o titular de Emprego deu conta das accións emprendidas polo goberno local co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade.  "Máis alá dos proxectos e actuacións en materia construtiva, de mantemento ou de obra nova, como é o caso da intervención na cuberta do mercado de Durmideiras, ás da contorna de San Agustín ou as proxectadas para Santa Lucía e Monte Alto, temos en marcha distintos programas que se realizan ao longo do ano e que buscan dotar o comercio de proximidade de máis accesibilidade", indicou. Así, destacou a campaña de Tickets Regalo que se puxo en marcha na primeira metade do ano así como a de Tendas a Exame, na que se trata de potenciar, mediante o traballo con expertos, as potencialidades do comercio de barrio. "No que vai de ano xa levamos a cabo unha campaña en Monte Alto, e resta continuar coas Tendas a Exame na zona de Falperra-Mallos e rúa Barcelona-praza das Conchiñas", comentou, á vez que salientou os sete mercadiños urbanos previstos para este ano, coa intención de favorecer o achegamento ás tendas de barrio, así como as campañas especiais de Nadal e de Samaín. Ao fío, Lema comentou que esta última, "vai a reinterpretarse, de forma que potenciemos máis a participación das tendas".

  Por outro lado, e no que atinxe ás prazas de abastos, o concelleiro destacou a posta en marcha dunha web municipal propia con información sobre os mercados, así como a colaboración do Concello na implementación do servizo de reparto a domicilio en bicicleta nos mercados de San Agustín e Elviña.

  A reunión da Mesa Local de Comercio, que transcorreu nun clima de cordialidade, tamén serviu para que os e as representantes das distintas entidades asociativas desen conta dos proxectos que presentarán as subvencións abertas pola Consellería de Emprego da Xunta de Galicia. "Todos os proxectos que se presentaron recibiron o visto e prace da Mesa Local de Comercio", salientou Lema.

  Derivado de Coruña.gal

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados