E-distrito

Noticias

A Coruña/ O Concello impulsará unha rebaixa ás tarifas do transporte público urbano.

A Coruña/ O Concello impulsará unha rebaixa ás tarifas do transporte público urbano.

  Dentro do plan tamén se inclúen melloras no servizo, "seguindo unha folla de ruta que vén de ser referendada pola propia Comisión de Mercados e Competencia".

  O goberno local analizará agora as medidas a aplicar sobre as tarifas da Compañía de Tranvías “a fin de que o beneficio que obtén a concesionaria do transporte público se axuste aos mandatos actuais do dereito comunitario”

  23 maio 2018

  O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, avanzou este martes que o Concello impulsará unha rebaixa nas tarifas do transporte público urbano, así como unha serie de melloras no servizo. A decisión, tal e como sinalou o rexedor, vén de ser referendada pola propia Comisión Nacional dos Mercados e da Competencia (CNMC), nun informe publicado esta mesma semana onde o ente analiza e ratifica a folla de ruta emprendida polo goberno local, en resposta á consulta formulada a principios de ano, no curso do expediente de revisión da tarifa do transporte público urbano que tramita o executivo municipal. O informe da CNMC considera, na liña dos postulados municipais, que é preciso que o beneficio que obtén á Compañía de Tranvías, concesionaria do servizo, estea axustado cos mandatos actuais do dereito comunitario. A tal efecto, especifica que "o réxime económico aplicable á empresa concesionaria -que explota o servizo dende o ano 1986 en virtude dunha adxudicación que non pasou por un concurso público- para o ano 2018 necesita, obrigatoriamente, axustarse ás esixencias recollidas no regulamento 1370/2007". Segundo o mesmo, "o referido réxime non pode incluír un conxunto de ingresos e/ou vantaxes que posibiliten un exceso sobre o importe necesario para cubrir a totalidade ou parte dos custos netos ocasionados polo cumprimento do servizo público e, no seu caso, uns beneficios razoables".

  O primeiro edil recordou hoxe que dende a súa chegada a María Pita, o goberno local iniciou unha revisión da concesión do servizo público de transporte urbano, así como a necesidade de adaptar o mesmo á actual normativa europea. "Entendiamos que era necesario que as tarifas e a prestación de servizos á cidadanía se adaptase aos principios de beneficio razoable para a empresa concesionaria. Para asegurar a posición municipal, decidimos facer unha consulta á CNMC que acaba de ratificar, basicamente, que a liña que estamos a seguir é a correcta", comentou o mandatario local. Á vista da documentación remitida polo Concello, o citado informe explicita que resulta "necesaria" a revisión das condicións económicas mencionadas, "habida conta de que existen indicios no réxime económico aplicado nestes 30 anos de concesión en canto a unha posible sobrecompensación en favor da empresa prestadora do servizo, que lle xera unhas rendas regulatorias que exceden o que se pode considerar os custos netos máis un beneficio razoable".

  Revisión de tarifas e servizos

  O traballo de revisión levado a cabo nos últimos meses polo goberno local evidencia que, ao longo dos últimos 30 anos, a evolución das tarifas do transporte urbano na Coruña produciuse sempre á alza, sen que en ningunha ocasión se valorase a oportunidade ou a necesidade de axustar a tarifa "á baixa" garantido que, cos ingresos estimados, puidesen recuperarse os custos de explotación, así como unha marxe normal do beneficio industrial. "Agora, en base a este informe da Comisión da Competencia, e aos diversos informes elaborados tanto polo Concello como pola Universidade da Coruña, á que lle encargamos analizar o beneficio razoable do contrato de prestación de servizos do transporte público urbano, temos que ver cal é a fórmula que levaremos á práctica para aplicar esa revisión de tarifas e servizos", dixo.

  O alcalde recordou que, neste momento, e logo de que o Concello prorrogase até finais deste exercicio a concesión do servizo de transporte público á Compañía de Tranvías, o regulamento comunitario contempla dous posibles camiños, como son volver licitar o transporte público, ou ben solicitar a Bruxelas unha autorización de prórroga para que a actual adxudicataria continúe o seu servizo até 2024. "En calquera caso, todo o que fagamos debe estar axustado aos marcos regulamentarios da UE", dixo.

  Derivado de Coruna.gal.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados