E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A Coruña/ O goberno local demolerá o viaduto da Rolda de Nelle, "para eliminar unha barreira que separa as dúas beiras da vía desde hai 40 anos"

A Coruña/ O goberno local demolerá o viaduto da Rolda de Nelle, "para eliminar unha barreira que separa as dúas beiras da vía desde hai 40 anos"

  O proxecto, que conta co respaldo dos veciños e asociacións da Agra do Orzán, estará redactado antes de final de ano.

  29 maio 2018

  O concelleiro Xiao Varela celebra o consenso da veciñanza e asociacións da Agra do Orzán á hora de acometer a intervención, “que dá resposta a unha demanda histórica”. A intervención de humanización, que se acometerá no 2019, fará que todo o tráfico transcorra ao nivel da rúa

  O goberno local da Coruña porá en marcha no segundo semestre deste ano a redacción do proxecto para a eliminación do viaduto da Rolda de Nelle. O concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, avanzou onte que o executivo municipal acometerá no 2019 a iniciativa, "en resposta a unha demanda histórica da veciñanza da Agra do Orzán", tras constatar que a redución do tráfico na zona permite un cruzamento en superficie do mesmo e, polo tanto, "a viabilidade da demolición da infraestrutura desde o punto de vista da circulación".

  O concelleiro trasladou nesta xornada ás entidades veciñais da Agra do Orzán, Entrerrondas e á propia Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e da Área Metropolitana a proposta municipal, que foi acordada e verificada con elas e que suporá, segundo indica, manter o tráfico en superficie sen substituír o viaduto "por ningún outro tipo de infraestrutura". "O obxectivo é dotar de maior urbanidade á Rolda de Nelle, humanizándoa e transformándoa nun bulevar", apuntou o edil, quen explicou que o Concello constatou a redución do volume de tráfico na zona en case un 30% desde a apertura da Terceira Rolda. "Os datos da Concellería de Mobilidade avalan a vontade popular, polo que se acometerá a eliminación dunha barreira que leva 40 anos na vía, impedindo unha comunicación natural na mesma debido á lonxitude da infraestrutura, e que foi denuncia pola cidadanía desde a súa construción", aseverou Varela.

  O plan do goberno local, segundo expuxo o responsable da área de Rexeneración Urbana, supón comezar, no segundo semestre de 2018, coa redacción dun proxecto de demolición do viaduto "que nos permita valorar economicamente o custo da intervención e poder programala de cara aos Orzamentos Municipais do ano que vén". O procedemento, tal e como recalcou Varela, "manterá a liña de traballo e consenso coas asociacións do barrio acadado neste último ano". Así, unha vez verificado o consenso da veciñanza coa demolición da infraestrutura, o proxecto redactarase e analizarase coas distintas partes de cara á valoración do investimento", apuntou o responsable municipal.

  O concelleiro vén mantendo desde o pasado ano xuntanzas coa veciñanza da zona, en relación a esta intervención. "As veciñas e veciños, que sempre estiveron en contra da infraestrutura e que sofren a continua agresión do tráfico en altura, levan anos solicitando o derrubo do viaduto. Desde o Concello comprometímonos a estudar as súas demandas e a convocar ás distintas asociacións veciñais da Agra do Orzán, Entrerrondas e da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e da Área Metropolitana para explicar a nosa intención e coñecer a súa opinión respecto á intención. Esta mañá verificamos con elas un consenso en relación á demolición, polo que iniciaremos o procedemento este mesmo ano", defendeu o edil.

  Derivado de Coruna.gal.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados