E-distrito

Noticias

Compostela, A Coruña e as Rías Baixas concentran o 71% do turismo en Galicia

Compostela, A Coruña e as Rías Baixas concentran o 71% do turismo en Galicia

  En 2017 a Ría de Arousa incrementou as súas pernoctacións un 11%, Pontevedra un 9%, A Coruña e a Mariña Lucense un 8%.

  31 maio 2018

  En 2017 incrementouse notablemente o número de turistas que visitaron Galicia, cun total de 10,6 millóns de noites contratadas en aloxamentos turísticos legais, un 6% que no ano anterior (10 millóns) e mantendo a tendencia ascendente iniciada no ano 2012, cando a cifra se situaba un chisco por debaixo dos 8 millóns, contraída por mor da crise económica. Deses 10,6 millóns de pernoctacións, algo menos de 3 millóns corresponden a residentes en Galicia (turismo interno) -unha cifra que se mantén estable nos últimos anos- e os restantes 7,7 millóns a turistas de fóra de Galicia, cuxo número se incrementou un 45% dende o ano 2012. 

  Porén, estes e estas turistas non se distribúen de forma equilibrada no territorio (e tampoco ao longo do ano), concentrándose a maior parte nunhas comarcas determinadas e tamén nuns determinados meses, unha circunstancia que nalgunhas zonas pode derivar en problemas de saturación se non hai unha correcta xestión, como xa se vén alertando nas Illas Atlánticas, nas Catedrais ou no fenómeno dos apartamentos turísticos, moitos deles ilegais.

  En Galicia, en concreto, o 71,2% dos viaxeiros que visitan e fan noite no país escollen localizacións situadas nas Rías Baixas (Arousa, Pontevedra e Vigo), en Compostela ou na área da Coruña, sumando tan só a Ría de Arousa 2,2 millóns de pernoctacións, Compostela 1,9 millóns e Vigo e Baixo Miño uns 1,5 millóns. As cifras no resto do país son moito máis modestas, dende as 565 mil noites de Lugo e Terra Chá, as 422 mil de Ferrolterra, as 414 mil da Mariña Lucense, as 328 mil da Ribeira Sacra ou as 324 mil de Ourense-Allariz. 

  Esta distribución desigual non só non tende a corrixirse, senón que mesmo se vén acentuando nos últimos anos. De feito, no 2017 a Ría de Arousa incrementou as súas pernoctacións un 11%, Pontevedra un 9%, A Coruña e a Mariña Lucense un 8%, mentres que Manzaneda-Trevinca, Celanova-A Limia, Ourense-Allariz ou a Ribeira Sacra mesmo descendían. En relación co ano 2011, a Costa da Morte é a área que máis creceu (+98%), seguida de Verín-Viana (+62%) e a Ribeira Sacra (+47%) pero a continuación xa aparecen a Mariña Lucense (+42%), a Ría de Vigo (+32%), a Ría de Arousa (+29%) e Santiago (+27%). Pola contra, Celanova-A Limia ou Deza-Tabeirós mesmo viron reducido o número de visitantes que fixeron noite.

  Para medir estes fenómenos de saturación xeográfica ou temporal, o IGE achega un par de indicadores, que poñen en relación o número de visitantes coa poboación residente na zona e tamén a proporción que o turismo dos meses de xullo e agosto significa no total do ano. Así, Indicador de Poboación máis elevado corresponde á Ría de Arousa (11,43), o que a sinala coma a comarca máis saturada polo turismo que recibe en relación coa poboación permanente. Santiago, Ribeira Sacra e a Mariña Lucense son as outras tres áreas con máis saturación.

  De igual xeito, o Indicador Estacional amosa que a Ría de Muros e Noia e a Ría de Arousa son as dúas áreas co seu turismo máis concentrado nos meses de xullo e agosto, pois neste período suman máis da metade das pernoctacións de todo o ano. Ferrolterra, a Mariña Lucense e a Costa da Morte achéganse igualmente ao 50% de noites nestes dous meses. Pola contra, a comarca de Compostela, pero tamén a Ribeira Sacra, Ourense-Allariz, Verín-Viana e mesmo A Coruña-Mariñas teñen o seu turismo moito máis repartido ao longo do ano. 

  Os datos do IGE tamén achegan información sobre as comarcas que reciben máis turismo interno e cales reciben máis turismo de fóra de Galicia, atopando grandes diferenzas entre unhas e outras. Así, Compostela é a zona cunha maior proporción de turismo externo (un 91% do total), seguida de A Mariña Lucense e A Coruña, tamén por riba da media galega (72%). Pola contra, Manzaneda-Trevinca, Celanova-A Limia e O Ribeiro son as tres únicas zonas con máis pernoctacións de galegos e galegas que de visitantes foráneos.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados