E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Crise demográfica/ 2017 foi o ano con menos nacementos da historia en Galicia

Crise demográfica/ 2017 foi o ano con menos nacementos da historia en Galicia

  Foron un total de 18.413, case 600 menos que en 2016 (19.062), segundo as cifras provisionais publicadas este martes polo INE.

  21 xuño 2.018

  2017 foi o ano con menos nacementos da historia en Galicia,cando menos dende que hai rexistros na era moderna. Foron un total de 18.413, case 600 menos que en 2016 (19.062), segundo as cifras provisionais publicadas este martes polo INE. A estatística consolida unha evolución negativa iniciada no ano 2008 (23.175 nacementos) e sitúase por debaixo do dato de 1998, o anterior mínimo histórico (18.538). Por suposto, moi lonxe dos rexistros de finais dos anos 70 e comezos dos oitenta, que duplicaban as cifras actuais.

  Estes datos prodúcense despois das medidas postas en marcha pola Xunta a finais de 2015: o cheque bebé anunciado o 3 de decembro de 2015, doce horas antes do comezo da campaña das eleccións xerais, e a tarxeta-benvida que tamén comezou no ano 2016, igualmente electoral, que se ben parecen incidir na mellora das condicións para facilitar a natalidade non o fan tanto por sí soas para incrementar o número de nacementos. Dende o Goberno galego sempre se argumentou que os efectos destas medidas só se poderían ver no medio e longo prazo, sinalando o conselleiro Rey Varela que para a evolución da natalidade "as causas económicas e de emprego son fundamentais, pero hai outras moi importantes coma as que teñen que ver coa conciliación, coa fixación de poboación no rural ou co apoio directo ás familias". A crise demográfica galega está cada vez máis presente do debate político, o mesmo que a demanda de medidas máis ambiciosas para favorecer a conciliación. 

  2017 foi ademais o ano coa maior fenda entre nacementos e mortes en Galicia dende que hai datos,cun total de 31.935 defuncións e, polo tanto, un saldo vexetativo de -13.522, fronte ao dato de -12.521 de 2016. Por territorios, as catro provincias galegas rexistran un saldo vexetativo negativo: A Coruña (-4.906), Lugo (-3.093), Ourense (-2.993), Pontevedra (-2.530).

 A taxa de natalidade situouse en 2017 nos 6,81 nacementos por cada mil habitantes, tamén a máis baixa dende que hai datos (o anterior mínimo dérase en 1996 e 1998, con 6.84/1000) e moi por debaixo da (igualmente reducida) media española: 8.37. Galicia só supera as taxas de natalidade de Castela-León e Asturias. Ourense é a segunda provincia de todo o Estado cunha menor taxa de natalidade (5,46), só por diante de Zamora. Nesta clasificación negativa, Lugo é a 6ª (6,25) e A Coruña a 11ª (6,91).

  Chama a atención, igualmente, o continuado incremento da idade media da maternidade, que roza xa os 33 anos (32.76), e que non deixa de aumentar dende os anos 80. A media galega, que ata o ano 2002 se situaba por debaixo da media española, comezou a superala a partir dese ano. Na actualidade a diferenza entre as dúas achégase ao ano (32,09 anos na media do conxunto do Estado).

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados