E-distrito

Noticias

A Valedora do Pobo interveu de forma irregular para favorecer o nomeamento da súa Xefa de Servizo

A Valedora do Pobo interveu de forma irregular para favorecer o nomeamento da súa Xefa de Servizo

  Ésta nega que manobrase para dar un posto á irmá do voceiro do PP, como sentenciou o Tribunal Superior. En Marea e PSdG esixen a súa renuncia.

  02 xullo 2.018

  O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular o nomeamento da Xefa de Servizo de Administración e Persoal da Valedora do Pobo pola existencia de graves irregularidades no proceso. A sentenza considera probado que a Valedora, Milagros Otero, intercedeu para favorecer a designación dunha persoa coa que tiña relación. En concreto, a persoa escollida finalmente para o posto -M.P.F.-, é filla dun catedrático de Dereito do que é "discípula" a actual Valedora do Pobo.

  En Marea e PSdeG reclaman a dimisión de Milagros Otero, subliñando que a persoa favorecida é irmá do portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy

  Este sábado na web da institución aínda aparecía María Puy Fraga ocupando o posto de Xefa de Servizo cuxo proceso de selección deberá ser agora repetido, deixando claro o ditame do TSXG que a Valedora non poderá ter "ningún tipo de intervención no procedemento". María Puy Fraga é irmá de Pedro Puy, portavoz do PP no Parlamento de Galicia. En Marea reclamou este sábado a través de Luís Villares a dimisión de Milagros Otero pola súa "actitude corrupta" e porque "non ten sentido que a presidenta da institución que ten que evitar os abusos de poder, actuase abusando do seu poder para enchufar a xente próxima a ela". E o mesmo fixo o PSdeG-PSOE, que demandou "unha reacción" que "deixe limpa a imaxe e exemplaridade" da institución.

  En decembro de 2015 aprobouse a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, de tres postos de traballo, un proceso que finalizou en marzo de 2016 a través dunha resolución asinada polo adxunto á Valedora. É habitual que o adxunto realice estas funcións por substitución de Milagros Otero. Porén, nesta ocasión a razón estivo en que a Valedora decidira absterse, en teoría, de intervir no procedemento, algo que só foi coñecido tras unha solicitude de información por parte da mesma persoa que finalmente recorreu xudicialmente a decisión.

  Grazas ao seu recurso puido coñecerse que Milagros Otero decidira apartarse do proceso dado que "é de dominio público que a titular da institución é discípula do catedrático de Dereito don F. de P.P.M., pai dunha candidata", como pode lerse na sentenza. O TSXG sinala no seu ditame que "non resulta admisible" que non se consignara na resolución de abstención "e inicialmente tratase de ocultarse o verdadeiro motivo que deu lugar á abstención, mostrándose a Valedora remisa a fornecer tal información, a pesar de que a súa condición de defensora dos dereitos fundamentais e presidenta da Comisión de transparencia obrigábaa a ser extremadamente escrupulosa no devandito labor". A sentenza conclúe, ademais, que "a pesar de que a Valedora se abstivo de intervir no procedemento, existen datos que permiten deducir que continuou intervindo no procedemento e non se apartou do mesmo, evidenciando interese en que fose seleccionada a señora P.F.".

  A sentenza conclúe que "a pesar de que a Valedora se abstivo de intervir no procedemento, existen datos que permiten deducir que continuou intervindo no procedemento e non se apartou do mesmo, evidenciando interese en que fose seleccionada a señora P.F."

  Por exemplo, Milagros Otero encarga o informe dos méritos que deberían ser obxecto de valoración, un informe "decisivo para a decisión final", sinala a sentenza que deduce que "foi a Valedora quen lles indicou aos autores do informe a determinación dos criterios de selección e méritos a valorar, aínda que estivesen desconectados das funcións" que o regulamento encomenda ao Xefe ou Xefa de Servizo da institución. En concreto, o informe pasou a valorar a experiencia en prevención de riscos laborais, "convertendo en decisivo" un curso nesta materia "que casualmente achegara a adxudicataria", denunciou o recorrente, que sinala que se cometeron "groseiras infraccións do procedemento" que denotan "unha manifesta desviación de poder". "Existen indicios claros de que boa parte dos criterios de selección e méritos computables foron determinados á medida da candidata que resultou beneficiada coa adxudicación do posto", conclúe o TSXG.

  "Existen indicios claros de que boa parte dos criterios de selección e méritos computables foron determinados á medida da candidata que resultou beneficiada coa adxudicación do posto", conclúe o TSXG

  En declaracións a Praza Pública, o adxunto á Valedora, Pablo Cameselle, afirma que unha vez que a Valedora se aparta do procedemento, está regulado por lei que el asuma a súa representación, asinando a resolución en base a informes técnicos que lle chegan e que foran previamente encargados por Milagros Otero “sen adoptar máis decisión que validar eses informes e sen poder entrar no seu contido”.

  O ditame lembra tamén os cambios que nos últimos anos se produciron na lexislación e procedementos para a provisión de praza de libre designación, subliñando que aínda que os nomeamentos non están suxeitos a ningunha baremación cuantitativa, dende o 2006 si se esixe a existencia de "motivacións específicas" e xustificadas para a escolla da persoa que ocupe o posto. O tribunal, ademais de obrigar a repetir o proceso, anulando o nomeamento e instando a Milagros Otero a manterse á marxe, impón á Valedora do Pobo o pagamento das custas do xuízo, uns 1.500 euros.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados