E-distrito

Noticias

Aznar non pide perdón. Nega a Caixa B do PP, a financiación irregular e o cobro de sobresoldos.

Aznar non pide perdón. Nega a Caixa B do PP, a financiación irregular e o cobro de sobresoldos.

  Gardou silencio cando lle preguntaron polo asasinato do galego José Couso e dixo que "España no participó en la guerra de Irak".

  19 setembro 2018

  "Unha estrutura financeira e contable paralela á oficial existente polo menos desde o ano 1989". Así define a "caixa B" do Partido Popular a sentenza da Audiencia Nacional sobre a Primeira Época de Gürtel. Para José María Aznar, o presidente do Partido Popular durante 14 anos, ese financiamento irregular nunca existiu, xamais se cobraron soldos en negro e toda a corrupción do seu partido cínguese a dous casos, nas localidades madrileñas de Pozuelo e Majadahonda.

  A comparecencia de Aznar ante a comisión de investigación do financiamento irregular do PP virou en liorta dende o inicio. A actitude coa que chegou o ex-presidente quedou de manifesto nas respostas ao Grupo Socialista, o primeiro que o interrogou. Negouse a pedir o perdón pola corrupción que lle solicitou o portavoz socialista, Rafael Simancas, ao que terminou por desexarlle que supere a súa "frustración" por perder o Goberno de Madrid froito do tamayazo.

  Aínda que negou a caixa B, Aznar deixou dous matices. O primeiro, que as súas "responsabilidades políticas" o afastaban "completamente do coñecemento das cuestións económicas". A segunda, que si "axudou" a persoas que sufrían a secuela do terrorismo. Entre as anotacións de Luís Bárcenas que a Audiencia Nacional dá por veraces figuran pagos en negro a responsables do PP vasco ameazados por ETA. Aznar puxo en valor que nunca foi chamado a declarar como imputado nin como testemuña en fase de instrución ou xuízo oral de Gürtel.

  A sentenza do caso Gürtel deu por constatada a caixa B e considerou que "negar" a veracidade dos papeis de Bárcenas "é ir non só contra as evidencias postas de manifesto senón en contra de toda lóxica"

  Os portavoces da oposición lembráronlle en varias ocasións as siglas J.M. que aparecen nos papeis de Bárcenas. "Calquera anotación neses papeis, para min non ten ningún fundamento", dixo. Aznar recorreu tamén ao argumentario do partido segundo o cal a condena ao PP como responsable civil a título lucrativo non implica coñecer as manobras da Gürtel nos concellos madrileños de Majadahonda e Pozuelo. A sentenza di, con todo, que "negalo é ir non só contra as evidencias postas de manifesto senón en contra de toda lóxica".

  O portavoz de Unidos Podemos, Pablo Iglesias, evitou entrar no corpo a corpo con Aznar, que o acusou de non ser unha persoa fiable e de "faltar á verdade" e que mesmo recuperou asuntos axitados por diversos medios conservadores nos últimos anos que resultaron ser incertos, ademais de asuntos reais como o pagamento irregular á coidadora de Pablo Echenique ou a sanción da Universidade Complutense a Juan Carlos Monedro. Iglesias, no entanto, centrouse en formular cuestións relativas ao caso Naseiro ou áss empresas pantalla coas que se financiou o PP.

  Na súa última intervención, o líder de Podemos si afeou a Aznar a "imaxe" dada na comisión e aseguroulle que, de aquí en diante, ía traballar para que na súa "patria" ninguén tivese que avergoñarse de ter ex-presidentes como el. Cando lle preguntou pola voda da súa filla e os pagos que aparecen na investigación que realizaron de determinados gastos os responsables de Gürtel, Aznar reaccionou sacando a colación o estado de saúde dos fillos de Iglesias para desexarlle "o mellor".

  Aznar dixo sentirse "orgulloso" do pasado do seu partido e "moi querido" por el. Foron os dous momentos nos que os deputados do PP, co actual número dous, Teodoro García Egea, á fronte, bateron nas mesas a modo de aplauso

  Acusacións de golpismo e mentira sobre Iraq. Aznar nega a participación de España na guerra de Iraq, que el mesmo promoveu, e garda silencio ao ser instado a pedir perdón á familia de José Couso

  Fóra da Gürtel, alén da caixa B, Aznar despregou todo unc atálogo de ataques aos grupos da esquerda que serviron para non falar do financiamento irregular do PP durante boa parte da intervención. Ao PSOE sacoulle millóns de fraude e lista de imputados polos ERE, tamén catro casos en fase de investigación no partido en Valencia. A ERC que tivo un conselleiro de Gobernación condenado por contrabando de tabaco. Ao portavoz dos republicanos, Aznar díxolle que representa a un partido "golpista". A EH Bildu reprochoulle un recente informe do Tribunal de Cuentas. E ao PNV, os "quince imputados" do caso De Miguel. A Podemos espetoulle Venezuela ou Irán.

  A guerra de Iraq tamén estivo presente en varias intervencións, entre a gravidade do ton que os portavoces alcanzaron ao chegar a este punto e que contrastaban coas risas da bancada popular. Aznar pola súa banda, negou a participación de España no conflito bélico que el mesmo promoveu. "España non participou na guerra de Iraq", dixo. E tamén que "España non enviou a soldados". O deputado de ERC Gabriel Rufián instouno a pedir perdón á familia do cámara galego asasinado polas tropas estadounidenses, José Couso, ante o que Aznar gardou silencio.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados