E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A Coruña/ Luz verde esta semana a unha rebaixa no prezo do transporte urbano.

A Coruña/  Luz verde esta semana a unha rebaixa no prezo do transporte urbano.

  O alcalde avanzou unha baixada dun 8% no billete xeral, dun 12% no da Tarxeta Millennium, un 30% no ticket social, gratuidade do billete a menores de 13 anos e transbordo universal e gratuíto durante 45 minutos. 

  As novas tarifas deberán recibir o visto e prace da Comisión de Prezos da Xunta de Galicia para comezar a aplicarse

  Ferreiro destaca que será a primeira vez na historia da cidade que baixe o prezo do autobús.

  24 setembro 2018

  A Xunta de goberno local do Concello da Coruña aprobará esta semana unha baixada do prezo do autobús urbano dentro dun novo sistema de tarifas. Así o anunciou o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, nunha entrevista radiofónica con Radio Coruña-Cadena SER. O rexedor indicou que as tarifas entrarán previsiblemente en vigor este outono, se ben deben contar coa ratificación da Comisión de Prezos da Xunta de Galicia. "Se non se opón, e agardo que non o faga, introduciremos unha serie de rebaixas que conforman un sistema tarifario máis social, máis sensible e máis ambicioso, un sistema pensando para garantir o dereito do transporte público, e estimular o seu uso fronte ao vehículo privado", indicou. Así, a pretensión do goberno local é rebaixar o billete en xeral en case un 8%, até os 1,20 euros, 10 céntimos menos, mentres que o da tarxeta Millennium o fará nun 12%, até os 75 céntimos. O billete social rexistrará unha baixada de máis dun 30%, até os 23 céntimos. Ademais disto, o billete para os e as universitarias custará 30 céntimos, mentres que se conseguirá a gratuidade da viaxe para os e as menores de 13 anos (até agora esta exención era só para menores de 4 anos). O transbordo, que até o momento estaba restrinxido, será universal e gratuíto, todas as veces que se precise durante 45 minutos.

  O primeiro edil destacou que "será a primeira vez na historia da cidade que baixe o billete do bus". "Todos os gobernos anteriores subiron o prezo", dixo Ferreiro, que recordou que durante a etapa municipal do bipartito PSOE-BNG o prezo incrementouse un 20%, mentres que durante o último mandato do PP a tarife medrou unha media dun 13%. "En total un 33% en só oito anos, nos oito anos da crise, por certo, entre 2007 e 2015", reflexionou.

  O mandatario indicou que esta proposta de rebaixa de tarifas non queda aí, xa que a intención do goberno local "é complementala proximamente cun abaratamento engadido do billete para menores de 26 anos e maiores de 65 anos". "É unha medida moi importante que vén precedida dun traballo moi rigoroso e que, lamentablemente, non se fixera antes: un traballo de fiscalización da concesión da Compañía de Tranvías que nos levou a determinar, co respaldo da Comisión Nacional da Competencia, que se estaba a producir un beneficio excesivo. Un beneficio excesivo de varios millóns de euros, que se podía cortar e traducir en melloras na prestación do servizo e no abaratamento do billete para a cidadanía", dixo. "Esta rebaixa de tarifas é unha decisión do Concello porque ten a potestade de facelo. A baixada proposta está realizada dende o punto de vista técnico e atendendo á normativa europea, polo que entendemos que non pode haber ningún atranco por parte da Comisión de Prezos da Xunta", apuntou.

  Noutra orde de asuntos, e en relación ao fomento da mobilidade sostible na cidade, o Concello mellorará en breve a conexión do Materno Infantil cos barrios. En concreto, a liña 17, que chegará ao Chuac e ao Materno, conectará Monte Alto cos centros sanitarios, mentres que as liñas 12 e 12A tamén mudarán a súa cabeceira, dende o Materno ao Chuac, para dar ese servizo aos Rosales, Cidade Escolar, Rolda de Outeiro ou Elviña. Estes cambios acompasaranse coas obras do carril bici metropolitano ao seu paso pola avenida da Pasaxe.

  Área Metropolitana

  Por outro lado, e no que atinxe á creación dunha lei que regule á Area Metropolitana da Coruña, o alcalde reiterou a necesidade de "altura de miras" por parte de todas as formacións e institucións implicadas, tendo en conta que "a cidade real é máis grande que a cidade administrativa, e a xente viven nas cidades reais, non nas administrativas". "Penso que cando A Coruña fai un investimento en equipamentos ou infraestruturas que parecen de ámbito local, tamén se está a traballar pola área metropolitana. Por exemplo, nos próximos días ímoslle ceder gratuitamente á Xunta de Galicia unha parcela de 8.000 metros cadrados en Eirís para que constrúa unha residencia de maiores de 150 prazas. Alguén pensa que ese equipamento só vai dar servizo á Coruña administrativa? Evidentemente, non", comentou.

  Terreos portuarios

  Con respecto á defensa da titularidade e xestión pública dos terreos portuarios, Ferreiro destacou a necesidade de abordar unha folla de ruta marcada que pasa pola revisión dos convenios de 2004, así como a constitución dun consorcio ou ente público no que estean representadas todas as administracións implicadas que garanta que os terreos sexan públicos e transformados por iniciativa pública. A este respecto, tamén recordou a necesidade de impulsar a conexión ferroviaria con Punta Langosteira, así como a condonación da débeda do porto ou unha compensación equivalente que evite a posibilidade de usar os peiraos interiores para os pago dos créditos do porto. Ferreiro salientou que "nas últimas semanas, a posición defendida polo goberno municipal na Coruña durante os tres últimos anos deu un salto de escala e se consolidou tras ser respaldada por catro importantes acordos no Pleno da corporación municipal, na Deputación, no Parlamento de Galicia e no Congreso, algúns por maioría e outros por unanimidade".

  A este respecto, o alcalde indicou que "existen vías de diálogo abertas co Estado, e o propio presidente do Goberno é coñecedor da situación e dos pasos que se están a dar, xa que o informamos esta mesma semana". "Non obstante, por agora, estas vías de diálogo non se están a concretar, e iso empeza a ser preocupante", dixo, á vez que apuntou á necesidade que o Partido Socialista aclare a súa posición "e sexa valente, para poder mover ficha canto antes". "A cuestión ten que estar clara nos Orzamentos Xerais do Estado para 2019 de forma destacada, garantindo aspectos como a conexión ferroviaria co porto exterior", apuntou.

  No que atinxe á participación cidadá nos futuros usos dos espazos do bordo litoral, o primeiro edil recordou a posta en marcha por parte do goberno local dun concurso de ideas. "Esta non só é unha ferramenta para concretar os usos do bordo litoral man a man coa cidadanía, senón tamén como espazo de diálogo e cooperación coas institucións da sociedade civil", apuntou, para recordar que o concurso rematará cunha votación popular na que poderá participar toda a veciñanza. "Ademais disto, o concurso estase a converter nun foro moi ben recibido xa que moitísimas institucións se están incorporando ao mesmo, como é a universidade, as administracións, colexios profesionais, asociacións, axentes económicos e sindicatos", engadiu.

  Derivado de Coruna.gal

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados