E-distrito

Noticias

Orballo, os pioneiros que lanzaron o primeiro té ecolóxico galego

Orballo, os pioneiros que lanzaron o primeiro té ecolóxico galego

  A firma das Mariñas aposta por xerar valor engadido na súa bisbarra cun modelo produtivo ecolóxico que podería servir de exemplo para revalorizar o rural galego.

  25 setembro 2018

  O vello soño de facer que o gran potencial do agro galego se poida reflectir en empresas modernas e con produtos de alto valor engadidoproduciu xa algunhas realidades. Unha delas é Orballo, un proxecto nado en 2012 e que desde a comarca coruñesa das Mariñas produce especies aromáticas, infusións e ecoarroces que aos poucos van conquistando mercados.

  A aposta pola calidade e pola produción ecolóxica son dúas das claves do funcionamento da empresa. Óscar Torres, responsable de Comunicación e Márketing de Orballo, explica que inicialmente se apostou por producir plantas aromáticas como o ourego, a albáfega e o perexil pero pronto se deron conta de que debían apostar por novos produtos para chegar a un modelo de negocio sustentable.

  Deste xeito, comezaron a producir ecoarroces(envasados para unha rápida preparación) e hai dous anos lanzáronse ao mercado das infusións. A última gran aposta é a produción propia de té, que comezou cunha hectárea e este ano chegará ás 20. O proxecto de plantación desenvolveuse coa colaboración da Estación Fitopatolóxica do Areeiroe da Uvigo.

  “A nosa idea era lanzar unha produción propia de té, un proxecto pioneiro en Galicia e ao que nos lanzamos despois dunha investigación de case tres anos. Temos moi boas expectativas e esperamos que este ano poida venderse toda a produción como xa ocorreu o ano pasado”, indica Torres.

  A empresa xa conta con 14 empregados e a produción céntrase na comarca de As MariñasReserva do Mandeo. A nave de procesado atópase en Oleiros e o departamento comercial está en Madrid. É unha nova forma de organización dunha empresa áxil e que por agora está a funcionar de forma satisfactoria.

  Os produtos de Orballo poden atoparse en tendas de toda España e tamén nun centenar de puntos de distribución de México. Este ano poden alcanzar unha facturación de medio millón de euros. A filosofía da empresa aposta pola produción de proximidade e a venda dun produto ecolóxico desde a base e que tamén se reflicte nos envases reciclables. “Hai un interese crecente do mercado polos produtos saudables e os nosos son producidos de forma totalmente ecolóxica, sen uso de químicos nin pesticidas, e para ser consumidos non necesitan aditivos”, engade Torres.

  Na construción da empresa tivo un papel importante a axuda prestada por institucións como a Reserva do Mandeo, o concello de Paderne e a inclusión de Orballo no programa Vía Galicia, posto en marcha pola Xunta e Zona Franca de Vigo, “que nos permitiu dar un salto cualitativo moi importante e dar máis entidade e renome a Orballo”, sinala Torres.

  Unha das claves do proxecto é xerar valor engadido á terra na que naceu Orballo e, neste sentido, Torres destaca que hai outras empresas galegas que están a apostar por un modelo similar (Xanceda, Portomuiños, Hifas dá Terra) e que demostran que con “moito esforzo e talento” pódese ir construíndo un novo modelo produtivo no sector primario galego.

  Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados