E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Doce deputados galegos votan a favor de que ao persoal da Xunta non se lle esixa coñecemento do galego

Doce deputados galegos votan a favor de que ao persoal da Xunta non se lle esixa coñecemento do galego

  A proposición de lei formulada por Ciudadanos deixaría aos falantes de linguas cooficiais sen o dereito que lles asiste a comunicarse coa administración na súa propia lingua.

  A proposta de C s foi rexeitada por 176 votos en contra fronte a 168 a prol.

  28 setembro 2018

  O pleno do Congreso dos Deputados debateu esta semana unha das propostas estrela de Ciudadanos no que vai de lexislatura estatal, a proposición de ley de garantía de la igualdad en el acceso y promoción en el empleo público sin discriminación por razones lingüísticas. O texto partía do argumento de que "o espazo de liberdade que é o Estado español" está a "romper" por razóns idiomáticas e, no caso das Administracións polo feito de que acceder a un emprego público haxa que coñecer, ademais do castelán, o galego, o euskera ou o catalán nos territorios onde a súa cidadanía os fala. Para defendelo os de Albert Rivera fixaban no seu texto unha suposta diferenza entre "lingua oficial", o castelán, e "lingua cooficial", os demais idiomas. A idea colleitou unha ducia de votos de deputados e deputadas procedentes das circunscricións galegas, os do PP.

  Os deputados do PP elixidos pola Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra votaron a prol da medida que permitiría incorporar á Administración en Galicia persoal que non entenda o galego 

  Para defender esta proposta, que de ser aprobada suporía a posibilidade de que traballasen en servizos públicos dependentes da Xunta persoas que non entendesen o galego e, daquela, que non puidesen atender a cidadanía que se exprese na lingua propia de Galicia, Ciudadanos elixiu o deputado Toni Cantó. O tamén actor axitou a necesidade de defender unha "liberdade" que ao seu xuízo está limitada e agregou razóns que causaron unha mestura de hilaridade e indignación en diversos membros do hemiciclo e tamén na opinión pública. Así, por exemplo esgrimiu que en eidos como o escolar "o castelán desapareceu de Galicia", afirmación que presentou como unha realidade que "ninguén pode negar".

  Ciudadanos sustentou a defensa da súa proposta en afirmacións como que "o castelán desapareceu de Galicia" e "ninguén pode negalo"

  Alén dos votos do seu propio grupo esta proposición de lei tivo tamén o apoio do PP e mais das súas formacións aliadas no Grupo Mixto. Entre os votos a prol de poder incorporar á Administración en Galicia persoal que non entenda o galego estiveron, tal e como figura na acta da votación, os dos doce representantes dos populares electos pola Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra: Marta González, Juan Juncal, Miguel Lorenzo, Tristana Moraleja, Joaquín García Díez, Jaime de Olano, Celso Delgado, Ana Belén Vázquez, Miguel Viso, Tomás Fole, Pilar Rojo e a presidenta do Congreso, Ana Pastor. Tamén de orixe galega aínda que elixida por Madrid é a deputada de C s Marta Rivera de la Cruz, que tamén deu o "si" á lei que promovía o seu grupo.

  O resto da representación galega na Cámara Baixa, membros de PSdeG e En Marea, votou en contra da iniciativa de Ciudadanos, un texto que tamén agrega que "o obxectivo da denominada normalización" de galego, euskera e catalán xa está "alcanzado". Por ese motivo, aseguraban, cómpre "recuperar a normalidade do artigo 3 da Constitución", o que establece a obriga de coñecer o castelán por parte de toda a cidadanía e a oficialidade das "demais linguas españolas" en cadanseus territorios. Finalmente, a proposta de C s foi rexeitada por 176 votos en contra fronte a 168 a prol.

  Tras este debate A Mesa pola Normalización Lingüística advertiu que porpostas coma esta "só pretenden restrinxir ou prohibir o exercicio dos dereitos" da cidadanía "que se dirixe na súa lingua á Administración e a ser atendida nela calquera que for o trámite", di o presidente da entidade, Marcos Maceira. "Pretenden prohibir de novo o uso do galego culpabilizando ás vítimas e negando dereitos humanos básicos como non padecer discriminación por razón de lingua", agrega.

  Derivado de Praza
  Foto: En primeira liña Tristana Moraleja

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados