E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A candidatura de Bescansa descoloca Podemos Galicia e reaviva temores internos

A candidatura de Bescansa descoloca Podemos Galicia e reaviva temores internos

Bescansa cambiou a súa inscripción de Podemos Madrid a Podemos Galicia nos últimos meses. Gómez Reino e Pablo Iglesias lémbranlle que leva 20 anos fóra de Galicia.

  Actualización 14:15 h/ Carolina Bescansa confirma a súa candidatura a liderar Podemos Galicia

  02 outubro 2018

  Carolina Bescansa adiou un día a súa decisión sobre se opta ou non á secretaría xeral de Podemos Galicia, tal e como lle ofreceu a actual dirección do partido. En comparecencia ante a prensa en Santiago, a deputada compostelá dixo que necesitaba máis tempo para seguir mantendo contactos con cargos e militantes da formación e decidiu "non entrar en provocacións persoais", en referencia ás críticas de Pablo Iglesias ou Pablo Echenique á súa posible candidatura nas primarias. 

  “Aínda me falta falar con algunha xente”, dixo Bescansa, antes de avogar por "unha organización forte" para "poder mudar Galicia" e logo de manter unha reunión coa meirande parte da dirección saínte, a mesma que lle solicitou que encabece a candidatura oficialista para o proceso de renovacion no partido. 

  A posible aterraxe de Carolina Bescansa a Galicia colleu descolocada á maior parte da militancia e cargos institucionais de Podemos Galicia. A estrañeza e contrariedade non se disimula nin entre os que serán os seus contrincantes nas primarias nin entre outros destacados membros dunha formación que ve como se afonda nas súas diferenzas internas xusto cando a paz e un acordo de mínimos para a unidade semellaba acadado de vez. 

  As declaracións públicas non deixan xa lugar a dúbidas do mal que sentou en boa parte de Podemos un anuncio de Bescansa que fóra de micrófonos ven como un atranco innecesario, unha xogada que ten máis que ver coas súas diferenzas internas a nivel estatal con Pablo Iglesias e a actual dirección do partido que cun interese real por Galicia. "Era tan rocambolesco nin tan sequera pensalo que non pensamos que fose suceder", din algunhas fontes.

  A chegada de Bescansa a Galicia para loitar polo liderado en Podemos colleu por sorpresa a maioría da formación

  "Galicia non pode ser o retiro dourado nin o plan B de ninguén", dixo este luns Antón Gómez-Reino, confirmado xa como aspirante a liderar Podemos Galicia, deputado de En Marea no Congreso e achegado a Iglesias desde os inicios da formación. Lembrou que a súa compañeira leva "20 anos fóra do país" e entre liñas, e sen elas, advertiu de que os inscritos da formación morada "piden unidade" e de que "non é o tempo de que ninguén veña aquí a vellos debates xa pechados". 

  Refírese Gómez-Reino, tal e como aclaran desde a súa contorna, ao temor que existe en Podemos Galicia a que Bescansa resucite o debate sobre a conveniencia da confluencia da formación con outras correntes e partidos en En Marea, tendo en conta ademais as dificultades que a mesma deputada compostelá puido comprobar nas negociacións para unha candidatura conxunta nos últimos comicios autonómicos. Daquela, as reticencias da aínda líder da formación en Galicia, Carmen Santos, a piques estiveron de facer naufragar a lista conxunta, que agromou finalmente tras a intervención de Pablo Iglesias. 

  Iglesias, Echenique ou Gómez-Reino lémbranlle a Bescansa que leva "20 anos" fóra de Galicia e que xa se postulou para entrar na política madrileña

  A resistencia que a actual secretaria xeral, e principal apoio de Bescansa, tivo sempre á disolución da marca Podemos en En Marea incide nese temor nun espazo lastrado xa por diferenzas aireadas de máis dentro do seu grupo parlamentario. Unha liorta interna na formación morada non faría máis que afondar na división. "Xusto agora que todo ía ben, cara á unidade e construíndo un espazo no que todas as sensibilidades se sentirán cómodas", din fontes do partido, que avisan de que en Galicia "a confluencia non se cuestiona".  

  No fondo, tamén o debate sobre a cuestión nacional. Coñecidas as posicións máis centralistas de Bescansa, Gómez-Reino aposta con claridade pola "plurinacionalidade" e o dereito a decidir, ao igual que moitas das figuras relevantes de Podemos en Galicia, en clara contraposición tamén a unha Carmen Santos que sempre se amosou moito máis ambigua, por exemplo, no tema catalán. A propia Bescansa sementara a polémica cunhas declaracións nas que pedía un partido "que falase máis a España e aos españois e non só aos independentistas". Na formación, non sería a primeira vez que lle lembran que, na cuestión territorial, as súas posicións achéganse demasiado ás de Ciudadanos.

  En Podemos Galicia son moitos os que temen que Bescansa reabra debates "xa pechados" sobre a confluencia ou a cuestión nacional

  Varios dos militantes ou cargos públicos e orgánicos de Podemos non dubidaron en amosar en privado a súa contrariedade pola chegada de Carolina Bescansa, á que acusan de "deslealdade" con Pablo Iglesias e coa propia formación desde aquela filtración en Telegram dun plan da deputada compostelá para derrocar o actual secretario xeral, co suposto apoio de Íñigo Errejón, negado por el mesmo.

  Bescansa cambiou a súa inscrición de Podemos Madrid a Podemos Galicia nos últimos meses

  A idea de Bescansa, filtrada por error no pasado abril, era acompañar a Errejón nas eleccións autonómicas madrileñas do vindeiro mes de maio como a súa número dous. Para facelo, tiña que estar obrigatoriamente inscrita naquela rexión, xa que os regulamentos de Podemos indican que os integrantes das listas deben figurar no censo desa mesma comunidade. No entanto, desde finais da primavera ou verán, a deputada compostelá cambiou a súa inscrición a Podemos Galicia. 

  Hai quen non agocha a súa decepción. "A ver se o entendo, Carolina Bescansa. Tras décadas fora de Galicia e cinco meses despois de querer ser a número dous á Asamblea de Madrid, queres vir gobernar Podemos Galicia, seguramente como plataforma para atacar a Pablo Iglesias máis tarde, que é a tua pretensión", escribiu en Twitter José García Buitrón, ex-senador de Podemos e membro do Consello Estatal da formación. 

Pola súa banda, Magadalena Barahona, ex-deputada por En Marea no Parlamento galego e antigo apoio de Santos, cualificou de "sorprendente" que Bescansa "se presente a dirixir Podemos Galicia e da man de Carmen Santos tras o intento desleal contra a decisión da Asemblea Cidadá Vista Alegre II, cando se necesita cohesionar Podemos en torno a ese mandato democrático". Mesmo Pablo Echenique, secretario de Organización de Podemos, lembrou este luns as recentes aspiracións da deputada compostelá a entrar na política madrileña, só horas despois de que Pablo Iglesias se declarase sorprendido de que aspirase a liderar o partido en Galicia cando leva "20 anos fóra". 

  O ex-senador García Buitrón acusa a Bescansa de querer usar Podemos Galicia "como plataforma para atacar a Pablo Iglesias"

  O certo é que, con todo, as voces críticas coinciden en sinalar o "escaso" apoio que Bescansa ten en Galicia, non só entre a militancia de Podemos senón entre os cargos orgánicos e institucionais. "Ten o de Carmen Santos e o do seu equipo porque foi quen os apoiou nun inicio", din fontes da formación. No fondo, a inesperada vitoria da actual líder de Podemos en Galicia hai máis de dous anos contra a candidatura da deputada Ángela Rodríguez, máis achegada á dirección e afín a Gómez-Reino. No medio, o desleixo dunha parte á hora de intervir nun partido que camiñou sempre con dúas almas segundo se mirase máis ao Congreso ou ao Parlamento. No final, o enfado polo feito de que Galicia poida volver servir de pretexto e escenario para as batallas internas. Hai quen non esquece que Errejón e Iglesias empregaron as intervencions durante a última campaña das autonómicas para lanzarse mensaxes e evidenciar as súas diferenzas.  

  Mesmo inscritas e inscritos que sempre destacaron pola súa identificación con Podemos e coa súa marca en Galicia ven agora na chegada de Bescansa un posible problema, ao identificala co "pasado" e cun conflito interno que na formación daban por pechado e solventado. Todo a escasos meses dunhas eleccións municipais nas que as mareas gobernantes na Coruña, Santiago ou Ferrol son o principal obxectivo do PP e de cuxos éxitos En Marea pretende impulsarse de novo en Galicia. 

  Precisamente, o portavoz de En Marea, Luís Villares, preguntado este luns pola presentación da deputada compostelá ás primarias de Podemos Galicia, apelou á súa "neutralidade" e engadiu que "para poder dirixir unha organización é necesario coñecer o lugar onde esa organización ten implantación e realiza a súa acción política". "Carolina Bescansa é de Santiago, até onde eu sei", engadiu. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados