E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

Feijóo manipula e baleira de contido a obra de Castelao A derradeira leición do mestre.

Feijóo manipula e baleira de contido a obra de Castelao A derradeira leición do mestre.

  O presidente da Xunta omite a represión franquista e o asasinato de Alexandre Bóveda e afirma que se trata dun símbolo da "defensa da educación sobre o fanatismo".

  Villares lembra a conta pendente dos galegos asasinados polo franquismo e Ana Pontón denuncia o intento de aniquilación do nacionalismo galego por parte do fascismo.

  Relacionado: e-distrito.com/ga/noticias/a-obra-a-derradeira-leicion-do-mestre-de-castelao-poderase-ver-en-galicia-o-5-de-outubro

  04 outubro 2018

  Non foron poucas as ocasións nos nove anos que Feijóo acumula como presidente da Xunta nas que as súas mencións á traxectoria política e artística de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao acaban en polémica. Nestes anos o xefe do Goberno galego empregou a memoria do principal ideólogo histórico do soberanismo galego e figura clave no impulso do Partido Galeguista para, por exemplo, xustificar os recortes ao uso do galego no ensino, eloxiar o labor de Gerardo Fernández Albor, defender a figura do rei de España ou, máis recentemente, atacar os alcaldes das mareas. A chegada a Galicia de A derradeira leición do mestre para ser exposto por primeira vez fóra de Bos Aires non foi unha excepción.

  O presidente do Executivo galego pronunciou un discurso breve, pero o suficientemente prolongado como para indignar a algúns dos presentes, especialmente os representantes de En Marea e BNG e, sinaladamente, á deputada Ánxeles Cuña Bóveda (En Marea), quen ademais de membro do Parlamento é neta de Alexandre Bóveda, intelectual e político galeguista asasinado polos golpistas en 1936 cuxa memoria é tema clave no propio cadro. Feijóo non mencionou a Bóveda, non falou do seu asasinato e nin sequera concretou o contexto de exilio e represión en Galicia que dá sentido á obra.

  Feijóo eloxiou A derradeira leición do mestre como "un símbolo" pola "man que o pintou", a de Castelao, "pola súa calidade" e tamén "pola lección histórica que representa e a homenaxe que dedica aos mestres". "Recuperámola -sinalou- para homenaxear a educación a través dos ollos e dos trazos de Castelao" e da súa "poderosa carga simbólica" como "defensa da educación fronte ao fanatismo" e "dun ensino en liberdade" como "medio de promoción dos valores democráticos". Agregou, no mesmo discurso, mencións xenéricas á  "advertencia do que xamais debe volver pasar" ou ao alegato contra a "inxustiza" que contén a obra.

  Como noutras ocasións o presidente da Xunta tamén interpretou que a Galicia de 2018 é, en boa medida, a desexada por Castelao. "Cando pintou esta obra, nas guerras europeas en 1945, é posterior á guerra civil española", dixo, a Galicia que "quería" Castelao "só se podía soñar". A xuízo de Feijóo, "por fortuna, dende entón o pobo galego logrou alcanzar o autogoberno do que hoxe gozamos" e por iso, coida, "somos, en gran medida, a Galicia" que Castelao "soñaba".

  Indignación en En Marea e BNG

  As mostras de indignación polo ton do presidente e polos aspectos obviados no seu discurso no se fixeron agardar. A deputada Ánxeles Cuña advertiu de que non ía situarse na foto do cadro coas autoridades tras o que viña de escoitar e o voceiro de En Marea, Luís Villares, dirixiuse aos medios presentes na sala para condenar o esquecemento presidencial. "Este cadro debe lembrar que temos unha conta pendente con todos os galegos e galegas asasinados, humillados, violadas" polos golpistas, advertiu. Non é posible, advirte, expor a obra de Castelao e ao tempo "ocultar o pasado de maneira tan clara", cun "exercicio de escapismo e de negación da realidade que viviu este país". Ignorar o que o cadro representa, agrega, é tanto como "non querer recoñecer a realidade das vítimas do franquismo".

  Case ao mesmo tempo a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visiblemente incómoda coas palabras de Feijóo, dirixiuse ao presidente para aclararlle o significado completo de A derradeira leición do mestre. Despois, tamén ante os medios, a líder do Bloque censurou que Feijóo se limitase a identificar a persoa representada no cadro como "un mestre". Castelao, subliñou, foi "un nacionalista galego" e a súa obra ten que ser exposta "sen censuras". "Este cadro denuncia o asasinato de Bóveda e o intento de aniquilación do nacionalismo galego por parte do fascismo; non facer un recoñecemento á realidade e ao protagonista deste cadro resulta ofensivo", toda vez que Castelao, con esta obra e as estampas de Galicia mártir, "foi tamén o primeiro cronista do que hoxe chamamos memoria histórica".

  Tamén o voceiro parlamentario do PSdeG, presente no acto, expresou que para a súa formación esta exposición debera reflectir un maior "compromiso" do Goberno galego na recuperación da memoria histórica e na atención ás vítimas da ditadura. O cadro de Castelao, subliñou o socialista, é "unha obra simbólica contra o fascismo e a represión".

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados