E-distrito. A primeira plataforma xeralista da Coruña.

Noticias

A Coruña/ A Renda Social Municipal cumple dous anos con máis de 200 prestacións concedidas.

A Coruña/ A Renda Social Municipal cumple dous anos con máis de 200 prestacións concedidas.

  A Renda Social é unha prestación que non existía na cidade até o ano 2016, e que agora permite a máis de 200 unidades de convivencia poder pagar as súas necesidades básicas para a vida, explica Silvia Cameán

  09 outubro 2018

  A concelleira de Xustiza Social valora positivamente a evolución da prestación, “que permite que a veciñanza poida afrontar necesidades básicas para a vida”, e lembra que o goberno local investiu, no que vai de ano, máis de 753.000 euros nestas axudas de emerxencia

  A Renda Social Municipal cumpre dous anos desde a súa posta en marcha. A medida, impulsada pola Concellería de Xustiza Social, ten como obxectivo atender as necesidades máis básicas de persoas en situación de vulnerabilidade da cidade a través dunha cobertura económica e un itinerario de inserción sociolaboral para que favorecer que poidan recuperar a súa autonomía. "A Renda Social é unha prestación que non existía na cidade até o ano 2016, e que agora permite a máis de 200 unidades de convivencia poder pagar as súas necesidades básicas para a vida", explica Silvia Cameán, quen destaca que, ao longo dos nove primeiros meses deste  2018, o Concello investiu un total de 753.732,47 euros na iniciativa, que pasou de contar con 132 unidades de convivencia beneficiarias no mes de xaneiro até subir ás 204 o pasado setembro. Durante o pasado 2017, o primeiro exercicio completo no que se resolveron os expedientes desta prestación, concedéronse un total de 137 axudas nas que o Concello investiu 397.889,65 euros.

  Tal e como lembra Cameán, a Renda Social Municipal foi unha das primeiras medidas impulsadas polo goberno local de cara á transformación do modelo de servizos sociais na Coruña, coa finalidade de ofrecer unha atención máis próxima e personalizada, e que vén referendada, entre outras medidas, pola recente descentralización dos servizos sociais nos barrios. "Estamos moi orgullosas desta prestación, que foi posible poñer en marcha grazas á implicación de distintos servizos municipais así como de entidades do terceiro sector da cidade. Despois de dous anos, os datos falan dunha medida que está completamente implementada e cunha evolución claramente favorable. Avanzamos cara a unha cidade máis xusta e igualitaria, cara a unha Coruña cun maior número de oportunidades para todas a súa veciñanza e que sitúa a todas as persoas nun primeiro plano", expón Cameán, quen destaca que algunhas das extincións da Renda Social deste exercicio veñen motivadas "porque as familias están a atopar un emprego que lles permite manter a súa autonomía".

  "Agardamos que esa prestación siga a cumprir con este obxectivo, que é o de mellorar as condicións vitais básicas e facilitar a inserción sociolaboral das nosas veciñas e veciños", apunta a edil, quen destaca o traballo en común coa área de Emprego e Economía Social, así como con entidades do terceiro sector, "á fin de lograr desenvolver itinerarios axeitados ás potencialidades das persoas beneficiarias".

  Actualización da ordenanza

  A titular da área de Xustiza Social sinala que o goberno local ten previsto acometer actualizacións na ordenanza que regula esta axuda municipal "para mellorar a súa implantación e adecuala estreitamente ás necesidades das destinatarias". Neste sentido, a concelleira lembra que, ao longo deste 2018, se implementou un novo procedemento de tramitación das solicitudes, con sinaturas e procesos dixitais activados, "que permitiu conceder as rendas con maior rapidez á vez que se reduciron os tempos de espera".

  "Deste a posta en marcha da Renda Social estivemos en contacto permanente coas traballadoras e as beneficiarias co obxectivo de recadar aspectos susceptibles de mellora no desenvolvemento da prestación e poder aplicar as modificacións na medida que sexa posible, a máxima brevidade", explica Cameán. Así, ademais de reducir os tempos na tramitación da axuda, o goberno local ten previsto propoñer cambios na ordenanza de cara á eliminación da carga burocrática da prestación --a través da redución de procedementos administrativos--, axilizar os tempos na concesión e articular que a prestación pase a ser incondicional, "de xeito que a persoa beneficiaria teña máis liberdade na decisión á hora de definir os itinerarios que acompañan o proceso". "Esta modificación implica que a prestación se manterá nos casos nos que as persoas beneficiarias se atopen en situación de vulnerabilidade, sen que a axuda estea vinculada, necesariamente e como condición imprescindible, a un proxecto de inclusión, para evitar así que veciñas queden sen percibir esta axuda", apunta a concelleira. "As políticas sociais son prioritarias para o goberno da Coruña, e o obxectivo final non é outro que traballar para que toda a cidadanía poida vivir cun mínimo de dignidade e teña as súas necesidades máis básicas cubertas", asevera a edil.

  Requisitos da Renda Social Municipal

  A Renda Social municipal é unha axuda que vai dirixida a persoas residentes e empadroadas na Coruña que se atopen en situación ou risco de exclusión social e non teñan dereito a percibir a Risga da Xunta ou outras prestacións de carácter público e natureza similar. A prestación supón o pagamento periódico por un prazo de seis meses --e prorrogable ata 18 meses-- dunha cantidade que ten como contía máxima o 100% do IPREM para as unidades de convivencia dun único membro -que se pode aumentar até o 200% en función do número de integrantes da mesma-, co obxectivo de garantir a cobertura de necesidades básicas como a alimentación diaria, o vestiario, o transporte, a vivenda, os coidados persoais ou os custos da educación obrigatoria.

  Entre os requisitos que establece actualmente a ordenanza reguladora da axuda está o ter cumpridos os 18 anos, non ter a idade mínima para solicitar unha pensión non contributiva de xubilación e formar parte dunha unidade de convivencia cuns ingresos inferiores aos 532 euros mensuais, en caso de tratarse dunha única persoa; 639 euros, para unidades de dous membros; 745 euros en unidades de tres membros, 852 euros, de catro membros;  958 euros mensuais, para unidades de cinco membros, ou 1.065, para unidades de seis ou máis membros.

  Derivado de Coruna.gal.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados