E-distrito

Noticias

A Xunta aplica catro novas rebaixas fiscais nos orzamentos 2019

A Xunta aplica catro novas rebaixas fiscais nos orzamentos 2019

  O goberno galego deu o visto bo ao proxecto de orzamentos 2019 que agota o teito de gasto aprobado esta semana no Parlamento por 9.850 millones de euros, un 3,8 por cen máis que este ano.

  O presidente galego asegurou que o orzamento, o cuarto consecutivo á alza, é o maior desde 2010, pero “por baixo aínda do bipartito”

  19 outubro 2018

  Ademais, segundo explicaron en conferencia de prensa o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, o Goberno galego rebaixará o próximo ano catro novos impostos relativos á compra de vivenda usada, sucesións para herdanzas entre irmáns, deducións fiscais para innovación e a eliminación da subida para o imposto de patrimonio realizada en 2013. En total, as contas do próximo ano terán 363 millóns de euros máis que o presente exercicio para gasto non financeiro, dos que 270 se destinarán a gasto social –203 a Sanidade e Educación–, e por primeira vez se incluirá unha partida específica para o Xacobeo 2021, dentro da área de Turismo, que se eleva a 7,25 millóns de euros.

   Feijóo destacou que a aprobación das contas galegas, “expansivas e con prudencia”, supón unha boa noticia e cargou contra o goberno central no contexto de “inestabilidade” económica e política que se vive no conxunto do país, asegurou. As contas de Feijóo para o ano próximo estiman que Galicia crecerá un 2,5 por cento, dúas décimas máis que o conxunto da economía española, e que o paro descenderá ata o 12,7 por cento, coa creación de 15.000 empregos a tempo completo. En materia fiscal, o Goberno galego prevé eliminar o próximo ano o imposto de sucesións para o 60% das herdanzas entre irmáns, mentres que o 40% restante terá unha rebaixa. Segundo o presidente galego, nun contexto de desaceleración económica como o que se prevé convén “non incrementar as cargas dos galegos”, como pretende o Goberno co seu proxecto de orzamentos, senón reducilas. Feijóo de feito tampouco establece ningún imposto a rendas altas nin á gran empresa ou á banca.

  A Xunta manterá as rebaixas fiscais en vigor cuxo impacto nas contas públicas desde a súa posta en marcha foi de 1.100 millóns de euros.  Destacou que o 99,6% dos galegos xa non pagaban imposto de sucesións polas herdanzas de pais, fillos ou cónxuxes e agora seis de cada dez entre irmáns tampouco pagarán este tributo ao elevar o mínimo exento de 8.000 a 16.000 euros. Tamén prevé a Xunta baixar o Imposto de Transmisión Patrimonial ( ITP) por vivenda usada habitual do 8 ao 7% en xeral, cun límite de 200.000 euros por unidade familiar e do 4 ao 3% para mozos e familias numerosas. En canto á subida do 20% no tipo do imposto de patrimonio acordada en 2013, a Xunta decidiu deixala sen efecto e regresar ao valor anterior. En canto a innovación, prevese que as pemes innovadoras e de base tecnolóxica teñan un desconto de entre o 20 e o 30 por cento. A Xunta prevé que os investimentos con cargo a recursos propios cheguen a 1.652,3 millóns de euros, un 5,3 por cento máis que este ano. 

  Entre outras partidas que detallaron, destaca un aumento dos fondos dedicados a emprego “un 7,5% máis”, para crear “máis emprego e de maior calidade”, e tamén o aumento de 22,3 millóns (307,8%) en mobilidade, polas intermodais, e de 20,2 millóns en I+D, un 18,9%, por encima do aumento medio das contas, dun 3,8%. 

  Un orzamento por debaixo dos do bipartito pero o mellor dende 2010.

  O presidente galego asegurou que o orzamento, o cuarto consecutivo á alza, é o maior desde 2010, pero “por baixo aínda do bipartito”, xa que non hai máis ingresos. Defendeu as políticas de consolidación fiscal, xa que o ano próximo Galicia prevé ter un déficit do 0,1 por cento, 69 millóns de euros, e a partida do pago de intereses de débeda é a única que se reduce nos orzamentos, que aínda así será de 165 millóns de euros, cinco millóns menos que hai un ano. Feijóo destacou, ademais, que as contas públicas prevén unha subida salarial para os funcionarios do 2,4%, aínda que advertiu de que o Goberno deberá habilitar un mecanismo, ben mediante os Orzamentos Xerais ben mediante un Real Decreto, para que a Xunta poida abonar esa partida.

  Derivado de El Ideal Gallego

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados