E-distrito

Noticias

A CRTVG arquiva o expediente á xornalista que criticou o control informativo nos medios públicos galegos

A CRTVG arquiva o expediente á xornalista que criticou o control informativo nos medios públicos galegos

  Cinco días despois da gala contra o cancro na que a xornalista aludiu ás protestas dos venres negros, a dirección iniciou o expediente apoiada en "indicios" de que se maquillara na TVG para presentala.

  23 outubro 2018

  A dirección xeral de Recursos Humanos da Corporación Radio e Televisión de Galicia vén de arquivar o expediente aberto o pasado verán á xornalista Tati Moyano. Nunha resolución con data do pasado 18 de outubro a responsable deste departamento, que decidira a apertura do expediente a Moyano, ratifica o peche dun procedemento que, de chegar a rematar en sanción, abría a porta ao despedimento da tamén ex-presentadora do Telexornal Serán, labor ao que renunciou xunto ao tamén xornalista Alfonso Hermida como protesta polo control informativo nos medios públicos galegos. Esa ameaza desatou nos últimos meses unha ampla vaga de solidariedade con Moyano, con máis de 500 sinaturas de persoal da corporación -máis da metade do plantel-, movemento que a propia dirección da canle critica ao constatar o arquivo, cualificándoo de "interferencias" que encadra nun "xuízo mediático e político".

  No arquivo do expediente a CRTVG critica a vaga de solidariedade con Tati Moyano e encádraa nun "xuízo mediático e político" sobre os feitos

  O pasado 22 de xuño Moyano presentou a gala da Asociación Española contra o Cancro celebrada en Santiago xunto ao xornalista da Cadena SER Luís Pardo. Este evento benéfico adoita ser conducido por profesionais de diversos medios de comunicación e no seu transcurso son habituais as referencias e chanzas sobre a actualidade. Alí, en presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, Moyano reivindicou as protestas dos venres negros a prol da independencia informativa na Televisión de Galicia e a Radio Galega. Aos cinco días a CRTVG iniciou un expediente informativo contra Moyano e un mes despois tornouno en sancionador asegurando que reunira "indicios" de que a presentadora fora maquillada nas instalacións da canle pública para presentar a gala.

  Cinco días despois da gala contra o cancro na que a xornalista aludiu ás protestas dos venres negros a dirección iniciou o expediente apoiada en "indicios" de que se maquillara na TVG para presentala

A conclusión do arquivo do expediente, a cuxo contido tivo acceso Praza.gal, dá por "acreditado" o uso do servizo de maquillaxe e perruquería por parte da xornalista para conducir a gala benéfica. Faino a través de testemuños de persoas presentes nas instalacións da canle pública nesa xornada. Admite, non obstante, que tamén existiron "diversas precisións" por parte "dalgunhas das traballadoras", que indicaron que prestaran o servizo "a título de amizade ou en horario de descanso". Recoñece, ao tempo, "convencemento no persoal de vestiario, maquillaxe e perruquería" dun "tácito consentimento da CRTVG á prestación dos servizos", toda vez que a súa participación na gala contra o cancro é en boa medida "consecuencia" do seu "coñecemento público" como presentadora da Galega e, daquela, ostenta unha "certa representación indirecta" dela. "Dende esta perspectiva -di o expediente- podería xustificarse a prestación de medios da CRTVG" nestes casos "coa finalidade de non inducir un gasto extraordinario" na traballadora de que se trate.

  Crítica á vaga de solidariedade con Moyano

  Alén de considerar "criticable" que Moyano se maquillase nas instalacións da TVG para presentar a gala benéfica, o propio expediente detense a reprochar a vaga de solidariedade que nestes meses explicitou o apoio á xornalista, moi presente tamén na manifestación que o pasado decembro reivindicou a aplicación íntegra da lei de medios públicos de Galicia entre berros de "non á manipulación". Así, antes de desenvolver as cuestións relativas ao uso ou non de medios da canle, o documento "deixa constancia" de que "todo o ruído provocado ao redor do expediente", con "diversas mostras de adhesión ou reprobación" da xornalista, "non contribuíron, en nada, á obxectividade, imparcialidade e sumariedade do procedemento".

  A dirección da canle considera os apoios a Moyano "ruído" e "interferencias" que "non contribuíron á obxectividade" do proceso

  Tras considerar que esas "mostras" eran en realidade "interferencias, producidas e orixinadas con distintos propósitos" pero que "non desvirtuaron as garantías" do expediente, o texto tamén aproveita para "cuestionar" algúns "comportamentos singulares advertidos no presente proceso". Segundo o documento, xa validado pola dirección da canle pública, existiron "deliberados intentos por furtar e substraer o debate e a controversia" para suscitar un "xuízo mediático e político". 

  Alén destas valoracións políticas o documento conclúe a "conveniencia" de arquivar o expediente por existir un "baleiro interpretativo" no uso de medios da CRTVG como a maquillaxe e a perruquería para "determinados supostos". Por iso a instrutora do expediente propón que a canle tome medidas "sobre a prestación" destes servizos "fóra do horario laboral e a título de amizade" e sobre o "uso dos servizos da CRTVG en determinados eventos aos que non resulta convidada como tal a Corporación, senón a través dun traballador que é coñecido pública e maioritariamente pola exclusiva razón da súa aparición en pantalla nalgunha das canles da CRTVG".

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados