E-distrito

Noticias

Primeiro día da suba dun 2% de Audasa ás peaxes.

Primeiro día da suba dun 2% de Audasa ás peaxes.

O aumento foi asinado no seu momento polo socialista José Blanco e ratificado pola popular Ana Pastor nun acordo para que a ampliación de Rande fose financiada polos usuarios e sen fondos públicos.

  31 outubro 2018

  O Boletín Oficial del Estado (BOE) publica este martes o Real Decreto aprobado o pasado venres polo Consello de Ministros que autoriza a Audasa, concesionaria da autoestrada AP-9, a subir as súas peaxes un 2% a partir da próxima medianoite. Poucas horas antes, a empresa vén de publicar un anuncio en prensa no que nada di desa suba senón que publicita o sistema de pagamento con telepeaxe co lema “que nada interrompa o pracer de conducir”. 

  A suba actual volverá repetirse en só dous meses incrementada tamén polo habitual aumento da inflación anual

  O anuncio publicado por Audasa presenta como imaxe de fondo unha fotografía da ponte de Rande tras as súas obras de ampliación, que son un dos motivos da suba de peaxes que se aplicará este mércores. Esa obra así como a ampliación da autoestrada ao seu paso por Santiago, inauguradas por Mariano Rajoy os pasados 30 de decembro e 3 de xaneiro malia que no viaduto e no seu treito de entrada en Vigo aínda segue a haber traballos pendentes, son as responsables dun 1% de suba das peaxes de toda a autoestrada durante os próximos 20 anos. Un aumento contemplado no acordo para a ampliación de Rande asinado polo daquela ministro socialista de Fomento José Blanco e ratificado durante o mandato da popular Ana Pastor, que rexeitaron acometer as obras directamente con fondos públicos. O outro 1% corresponde a un axuste na compensación a Audasa polos vehículos que desde 2013, nunha decisión tomada pola segunda ministra, non pagan as viaxes de volta no mesmo día nos traxectos entre Vigo e Pontevedra.

  Esta suba volverá repetirse incrementada en só dous meses. O próximo 1 de xaneiro ao habitual incremento das peaxes en función da inflación do último ano haberá que volver sumar a suba do 1% polas obras de Rande e Santiago e outro 0,8% pola compensación das viaxes gratuítas entre Vigo e Pontevedra, polo que en só dous meses a suba pode superar o 6%. De momento, co incremento desta próxima medianoite a viaxe entre A Coruña e Vigo, por exemplo, pasará de 15,50 euros a 15,80 euros.

  Fronte aos máis de 300 traballadores con que contaba Audasa hai unha década, no primeiro semestre deste ano declaraba contar xa só con 209

  Son unhas peaxes que, como reflicte o anuncio publicado este martes, a empresa intenta que se abonen principalmente co sistema de telepeaxe, o que lle vén permitindo reducir o seu cadro de persoal. Así, dos 140 millóns de euros que ingresou Audasa por peaxes en 2017, 81 millóns (o 57%) fórono por telepeaxe, fronte a 29 con tarxeta e 31 en efectivo. Como comparación, fronte aos máis de 300 traballadores con que contaba a empresa hai unha década, no primeiro semestre deste 2018 a concesionaria declaraba nas súas contas contar xa só con 209 empregados.

  Fronte ao actual e outros anuncios similares, Audasa hai anos que rexeita contestar preguntas dos medios de comunicación.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados