E-distrito

Noticias

Comeza a folga indefinida en Urxencias do Hospital de Santiago, co apoio da Asociación de Pacientes e Usuarios

Comeza a folga indefinida en Urxencias do Hospital de Santiago, co apoio da Asociación de Pacientes e Usuarios

  Os paros levaranse a cabo todas as semanas, desde este luns ás 8.00 horas até o xoves á mesma hora.

  12 novembro 2018

  O persoal do Servizo de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago (CHUS) convocou a partir deste luns, 12 de novembro, unha folga indefinida para reclamar máis persoal e medios. Os paros levaranse a cabo todas as semanas, desde este luns ás 8.00 horas até o xoves á mesma hora. Unha decisión que se toma tras "tentar un diálogo" cos responsables da administración sanitaria que non chegou a ningún acordo concreto.

  Ante a convocatoria desta folga, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS expresa o seu total apoio a esta medida de presión do persoal sanitario: "Como pacientes e usuarios que padecemos o sistemático maltrato asistencial que se practica no servizo e que coñecemos como afectados directos, queremos expresar a nosa satisfacción pola resposta unánime do persoal sanitario ante a conduta neglixente e intolerante da xerencia que se nega a admitir a realidade e que non está disposta a dotalo dos medios que se reclaman, aínda que iso poida producir danos e prexuízos irreparables, como xa aconteceu en tres ocasións con pacientes graves que faleceron en padiolas no corredor de acceso", expón a asociación.

  A organización de pacientes considera que non se resolverá o conflito mentres o Sergas non ofreza máis medios humanos e materiais para satisfacer as demandas asistenciais deste centro hospitalario. "Os medios actuais son manifestamente insuficientes e non hai marxe para aumentar un uso eficiente destes que redunde na mellora da atención", advirten.

  Outra das queixas dos pacientes refírise ás "deficiencias estruturais" do CHUS, as cales non fan máis que "perpetuar as inadmisibles carencias do servizo" e "violar o dereito dos pacientes á intimidade e a un trato digno". Así, lembran que "cada vez que por falta de camas dispoñibles se coloca un paciente no corredor de acceso, agardando horas para ter unha primeira consulta, ou permanece na zona de observación agardando para ocupar unha cama hospitalaria que xa ten asignada, se produce un dano moral intolerable que soportamos e engadimos á nosa doenza".

  A asociación tamén lembra que a xerencia do CHUS está "legalmente obrigada a defender e amparar" os dereitos dos pacientes e a "garantir que as condicións do persoal sanitario do servizo sexan as adecuadas para que redunden nunha mellora asistencial".

  "Cada vez que se negan os recursos ou se manteñen camas pechadas por falta de persoal necesario para atendelas, a xerencia aposta pola precariedade na atención e confisca dereitos fundamentais recoñecidos legalmente, dereitos, cuxo exercicio debería estar implantado como algo consubstancial ao sistema público de saúde, teñen que ser defendidos coa presión para que deixen de ser nominais e poidan ser efectivos", denuncian.

  Por todo isto, a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS súmase ás demandas concretas do persoal sanitario e, en particular, esixe "que se cumpran os requirimentos da inspección de traballo para que se poña fin á práctica de colocar os pacientes no corredor de acceso, que se habiliten zonas debidamente dotadas de persoal e equipamento para pacientes encamados en observación e para pacientes con patoloxías leves, sen que poidan ser utilizadas como zona de espera para o ingreso en planta, que se dote o servizo do material suficiente e se repoña o que estea obsoleto, e que se cubran a totalidade das ausencias por permisos e baixas".

  Os pacientes consideran que a decisión do persoal de ir a unha folga indefinida "indica o seu nivel de implicación", opoñéndose a que se perpetúe un modelo de asistencia que desde a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS denunciaron en repetidas ocasións.

  Reclamacións do persoal

  Entre outras cuestións, o persoal sanitario reclama a elaboración dun plan funcional negociado coa Comisión de Centro e acordado co equipo multidisciplinar, que estea "adaptado á realidade asistencial" e contemple a utilización do 100% do espazo na área de urxencias, con "dotación de persoal de maneira estable".

  Do mesmo xeito, reclama unha "dotación suficiente de persoal en todos os colectivos" que traballan en Urxencias, que permita abarcar o volume de pacientes.

  A maiores, pide a reposición de material "deteriorado e obsoleto", a dotación do material necesario para cada posto e a reparación de elementos danados; a elaboración de protocolos para a asistencia de pacientes pendentes de ingreso mentres permanezan en Urxencias e a priorización das interconsultas que se xeran en urxencias, co obxectivo de "evitar atrasos".

  Para concluír, incide na necesidade de cubrir o 100 por cen das ausencias de traballadores.

  Derivado de GConfidencial.
  Foto: Pacientes nos pasillos do CHUS ante o colapso sanitario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados