E-distrito

Noticias

Análise: A térmica de carbón de Meirama vai pechar en 2020?

Análise: A térmica de carbón de Meirama vai pechar en 2020?

  Nos anos 2012-2016, a suma das emisións das centrais de carbón de Meirama e As Pontes representou o 34% das emisións totais galegas de gases causantes de cambio climático.

  Non é certo, como titularon algúns medios galegos, que o Goberno xa puxese data de peche ás centrais de carbón.

  20 novembro 2018

  Inicialmente, Gas Natural Fenosa decidiu reformar a central de carbón de Meirama (Cerceda) para poder prorrogar a súa vida alén de 2020. Mais a mudanza na súa dirección, que a levou a trocar o nome polo de Naturgy, deixou en suspenso esta decisión. Á espera da decisión final de Naturgy, medran as especulacións sobre o futuro da segunda maior fábrica de cambio climático do noso país.

  A reforma da central non diminuiría as emisións de dióxido de carbono (CO2), gas de invernadoiro causante de cambio climático. Non hai “filtros” para iso

  Se Naturgy non inviste na redución das emisións tóxicas á atmosfera da central de Meirama, para a adaptar a unha nova mudanza da lexislación sobre contaminación atmosférica, deberá estar pechada en xuño de 2020. Cómpre destacar, pois é algo que nunca mencionan os defensores das centrais de carbón, que a reforma da central non diminuiría as emisións de dióxido de carbono (CO2), gas de invernadoiro causante de cambio climático. Non hai “filtros” para iso. As elevadas emisións de CO2 son intrínsecas á queima de carbón, o combustíbel fósil máis prexudicial para o clima, o primeiro que cómpre abandonar. 

   É Naturgy a que decide se a central de Meirama pecha ou non. A empresa ten de prazo entre decembro e o primeiro trimestre do ano próximo para tomar unha decisión final sobre a central de Meirama

  A empresa ten de prazo entre decembro e o primeiro trimestre do ano próximo para tomar unha decisión final sobre a central de Meirama, segundo lle comunicou Naturgy ao comité de empresa. Este, pola boca do seu voceiro, Bautista Vega (CIG), insiste en invocar a presente rendibilidade económica da produción eléctrica máis sucia para defender a continuidade da central de Meirama até 2045. A central xera 92 empregos directos.

  A continuidade da térmica de carbón importado de Meirama tamén a defenden o Concello de Cerceda e o veciño de Ordes (por unanimidade) ou a Comisión de Industria do Parlamento Galego (coa abstención de En Marea e o voto a favor de PP, PSOE e BNG). E, por suposto, a Xunta de Galicia.   

  A día de hoxe, ningunha norma legal obrigaría ao peche da central se Naturgy decidir adaptala para cumprir os novos límites legais de emisións á atmosfera (que, insistimos, non afectan ao CO2, o principal gas de invernadoiro). Nin a UE nin o Goberno estatal tomaron polo de agora ningunha decisión que force o peche desta e doutras centrais de carbón españolas en 2020. Ou en ningún outro ano.

   A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera, aínda non puxo data de peche ás centrais de carbón

  Nos últimos cinco anos para os que hai datos oficiais (2012-2016), a suma das emisións das centrais de carbón de Meirama e As Pontes representou o 34% das emisións totais galegas de gases causantes de cambio climático

  Nunca houbo no Goberno español unha ministra ou ministro cun mellor coñececemento das consecuencias do cambio climático global que Teresa Ribera. Sabe ben o moito que hai en xogo. Antes de ser ministra, desde a presidencia dun comité asesor do PSOE, avogou porque todas as centrais de carbón españolas estivesen pechadas en 2025. Porque para todas as persoas minimamente preocupadas pola crise climática, pechar as centrais de carbón é a prioridade número un nos países desenvolvidos. Nomeadamente en Galicia. Nos últimos cinco anos para os que hai datos oficiais (2012-2016), a suma das emisións das centrais de carbón de Meirama e As Pontes representou, de media anual, nada menos que o 34% das emisións totais galegas de gases causantes de cambio climático.

  A aínda alta produción eléctrica con carbón explica que as emisións por habitante de gases de invernadoiro (GEI) de Galicia, 10,3 toneladas, superen mesmo a media da UE, que é de 8,4 toneladas (en 2016, último ano con información dispoñíbel).

  É pública a posición crítica de Teresa Ribera cara ao uso do carbón na xeración eléctrica. Mais tamén a defensa cerrada que del fai o PSOE en comunidades autónomas como Galicia. Por exemplo, Valentín Formoso, alcalde das Pontes e presidente da Deputación da Coruña, asegura que vai seguir defendendo “e pelexando a continuidade” da térmica de carbón das Pontes (ENDESA), a máis potente do Estado español e, a miúdo, tamén o maior foco anual emisor de CO2, algo que nunca é noticia nos medios galegos.

   En Europa occidental, só España e Alemaña non definiron aínda un calendario de peche das centrais de carbón

  Xunto con outros factores, a enorme falta de conciencia climática de amplos sectores do PSOE -entre os que cómpre  incluír o PSdG- semella estar atrás da falta de decisión do Goberno estatal sobre o futuro das térmicas de carbón. Non é certo, como titularon algúns medios galegos, que o Goberno xa puxese data de peche ás centrais de carbón. España segue a ser, xunto con Alemaña, o único estado do occidente europeo sen un calendario de peche das súas térmicas de carbón.

  O primeiro borrador de traballo da Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética non impón unha data de peche das centrais de carbón. E está tamén por ver que o “Plan Nacional de Enerxía e Clima” inclúa un ambicioso calendario de peche das centrais de carbón, mesmo que for só indicativo.

  As principais organizacións ecoloxistas estatais propuxeron 2025 como ano límite para o peche de todas as centrais nucleares e de carbón españolas. Non parece que o Goberno presidido por Pedro Sánchez vaia asumir esa demanda, por moito que a Teresa Ribera lle poida parecer desexábel e viábel. E máis despois de comprobar as reaccións suscitadas, en territorios como Galicia, pola previsión do secretario de Estado de Enerxía de que todas as centrais de carbón estarán pechadas en 2030 (a de Meirama en 2020), sen que o Goberno estatal impoña nada, só por decisión das eléctricas ante novos escenarios enerxéticos e climáticos.

   Que pasa se a central de Meirama pecha en 2020?

  Preocupa que, se deixaren de queimar carbón importado as térmicas de Meirama e das Pontes, Galicia pase de ter un excedente eléctrico a ser importadora neta de electricidade. Non é verdade, como sostén o presidente da Xunta, que Galicia vaia precisar importar electricidade se deixar de queimar carbón a curto prazo. Mesmo sen contraer o consumo enerxético e desenvolver máis as renovábeis, algo necesario e urxente para facermos fronte tanto á crise climática como á enerxética, dúas caras da mesma moeda. 

  Galicia non quedaría sen térmicas se pechan as de carbón. Hai outras dúas hoxe moi infrautilizadas. De ciclo combinado e gas natural, cunha potencia total de 1250 MW, equivalente á de dúas centrais de Meirama. Tamén son contaminantes, e non pouco, pero sono bastante menos que as de carbón. E son menos ineficientes na transformación da enerxía do combustíbel en electricidade. Unha sitúase tamén nas Pontes (ENDESA) e a outra en Sabón (Naturgy). Durante 2017 só aproveitaron, respectivamente, o 21% e o 8,5 % da súa capacidade de produción dispoñíbel, segundo datos de Rede Eléctrica de España.

  Mesmo nun ano moi malo para a produción renovábel como foi 2017, coa potencia renovábel instalada e o mellorábel nivel de eficiencia enerxética correspondentes a ese ano, sen a achega das térmicas de carbón Galicia precisaría ter importado 4.500 GWh para atender o seu consumo interno, que rozou os 20.000 GWh. Un déficit que unha maior utilización das centrais de ciclo combinado tería compensado sen problemas.

 Pechar a central de Meirama é como reducir de repente á metade ás emisións do transporte en Galicia

  Outra cuestión sería a influencia no prezo da electricidade. Cando menos baixo o marco eléctrico actual, a substitución de carbón por gas natural tendería a elevar o prezo da electricidade. Porque o prezo da electricidade xerada con carbón está lonxe de reflectir os seus descomunais custos socioambientais, especialmente para as xeracións futuras.

  Se a térmica de carbón de Meirama puxese fin á súa vida despois de 40 anos de actividade, a nosa terra deixaría de emitir entre dous e tres millóns de toneladas anuais de CO2 causante de cambio climático, que é o que emitiu nos últimos anos. Durante o ano pasado saíron pola súa cheminea 2.380.000 toneladas de CO2, unha cantidade equivalente ao 42% das emisións de gases de invernadoiro de todo o sector do transporte en Galicia ao longo de 2015 (último ano con datos accesíbeis) 2.

   Mañá será aínda máis tarde

  Ter queimado durante tanto tempo tanto carbón en países como Galicia é unha das causas principais dun cambio climático en marcha xa moi difícil de manter dentro de límites manexábeis. Desde logo, as posibilidades de evitarmos a estas alturas os peores efectos do cambio climático pasa necesariamente por todos os países desenvolvidos abandonaren o seu uso o antes posíbel, a máis tardar en 2030. Canto máis carbón e outros combustíbeis fósiles queimemos máis desastroso será o cambio climático.

  A prestixiosa consultora Climate Analytics elaborou un informe sobre cómo a UE debería abandonar o carbón para contribuír ao cumprimento dos obxectivos de estabilización climática do Acordo de París. Para cada central de carbón europea propuxo un ano de peche, considerando criterios como a eficiencia ou o tempo de funcionamento.  De acordo con este estudo, Galicia debería deixar totalmente de queimar carbón en 2021.

  Como apuntaban recentemente nun artigo dous especialistas galegos en cambio climático, Juan Añel e Xabier Labandeira, profesores da Universidade de Vigo, infelizmente hoxe semella probábel que acabemos perdendo a guerra contra o cambio climático, “convertendo o noso planeta nunha pedra inhabitable”. Urxe abordar “hoxe e non mañá, cando será demasiado tarde”, o reto da descarbonización da nosa sociedade, se queremos  contribuír a evitar unha catástrofe climática.  “Por iso sorprende que o Parlamento dun país desenvolvido como Galicia teña aprobado cunha folgada maioría, e sen ningún voto en contra, unha moción para reclamar o mantemento das centrais térmicas de carbón (importado) que operan no seu territorio e que son verdadeiras fábricas do cambio climático”. Así estamos.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados