E-distrito

Noticias

Unanimidade no Parlamento para que os colexios con uniforme den a opción ás nenas a usar saia ou pantalón á súa libre elección.

Unanimidade no Parlamento para que os colexios con uniforme den a opción ás nenas a usar saia ou pantalón á súa libre elección.

  A Xunta implantará todas as medidas pertinentes para evitar que aqueles colexios que usen uniforme obriguen as nenas a usar saia.

  23 novembro 2018

  Todos os grupos do Parlamento chegaron este mércores a un acordo para que, a partir do vindeiro curso escolar, a Xunta implante "todas as medidas pertinentes" para evitar que aqueles colexios que usen uniforme obriguen as nenas a usar saia e que sexan elas as que decidan se optan por esa prenda ou por pantalóns. 

  Todas as forzas políicas apoiaron unha iniciativa de En Marea, que pedía que se instase o Goberno a impedir que os centros con uniforme teñan a saia como unha obriga para as rapazas e que sexan estas as que poidan decidir "en liberdade" se optan ou non polos pantalóns. 

  A deputada de En Marea, Luca Chao, aclarou que a mellor opción sería "un uniforme único", pero aínda así, reclamou á Xunta que se negue a posibilidade aos centros de incluír un código de vestimenta diferenciado por sexo. Ademais, lembrou que a saia "é unha prenda que constitúe un símbolo dos roles tradicionais de xénero e impón limitacións de movemento, condicionando a participación das rapazas en numerosos xogos e actividades".

  "A eliminación de atrancos para alcanzar a igualdade tamén pasa pola eliminación de vestimenta diferencia nos centros escolares", engadiu quen cre que o acordo parlamentario supón "unha mensaxe de optimismo, un paso adiante polo feminismo neste país". 

  Desde o BNG, a deputada Olalla Rodil apoiou a iniciativa, aínda que indicou que "promover a igualdade real e efectiva" no ensino é "acabar co financiamento público dos centros que segregan o alumnado por sexo". O parlamentario socialista Luís Álvarez, pola súa banda, cre que o debate non é sobre o uso do uniforme senón sobre unha obriga que "impide que as alumnas poidan elixir libremente a prenda que usan". 

  No PP, pola súa banda, votouse finalmente a favor da proposta malia que En Marea rexeitou unha emenda na que defendía trasladar ao Executivo central a necesidade de regular a vestimenta nos centros de ensino. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados