E-distrito

Noticias

As 200.000 mortes do Prestige.

As 200.000 mortes do Prestige.

  Entre o 16 de novembro, día no que se recolleu a primeira ave, ata o 31 de agosto de 2003, rexistráronse 23.181 aves con restos de fuel de máis de 90 especies. Delas, 17.061 estaban mortas.

  26 novembro 2018

  O sábado 16 de novembro de 2002, hai agora 16 anos, a fenda no monocasco do Prestige ía abríndose a medida que se afastaba da costa, estendendo aínda máis a marea negra que xa comezaba a chegar á costa de Galicia. “Botar o barco mar adentro foi, para as aves mariñas, a peor decisión posible”, conta o científico Ignacio Munilla, que naquel momento dirixía a Oficina de Medio Ambiente (OMA) da Universidade de Vigo. Aqueles días, vendo a magnitude do desastre medioambiental que se albiscaba, con aves que comezaban a aparecer cubertas de petróleo, Munilla e os seus colegas comezaron a idear un método que lles permitira calcular cal ía ser a cantidade total de aves mortas polo vertido.

  “As principais afectadas adoitan ser as aves mariñas mergulladoras, como araos e alcas. Morren petroleadas e os cadáveres aparecen nas praias”. Porén, as que se ven non son todas as que son. “A dificultade – conta Munilla – consiste en coñecer a relación que existe entre o número de aves que se atopan nas praias e a cifra total”.

  500 tacos lanzados ao mar

  Dous meses despois do accidente, entre os días 14 e 15 de xaneiro de 2003, os científicos subiron a un helicóptero e adentráronse no mar desde a costa de Galicia. Á altura de Cíes, Corrubedo e cabo Touriñán, e a unha distancia de 5, 15 e 25 quilómetros mar adentro, lanzaron 500 tacos de madeira cun lastre de metal, cos que se intentaba imitar o comportamento na auga dun cadáver de ave mariña aboiando no mar. “Os tacos levaban un código de identificación e un número de teléfono para quen o atopara puidera dar aviso”. E só se recuperaron o 10 % deles.

 Un ano despois da marea negra, SEO/BirdLife publicou, a partir das achegas de  centenares de investigadores, institucións e voluntarios, un informe do impacto do Prestige sobre as aves mariñas en toda a costa atlántica e cantábrica. Segundo os datos recabados, entre o 16 de novembro, día no que se recolleu a primeira ave con restos de fuel, ata o 31 de agosto de 2003, rexistráronse 23.181 aves de máis de 90 especies. Delas, 17.061 estaban mortas e 6.120, vivas. Máis do 50 % foron recollidas nas costas galegas.

  Por tanto, “os cálculos suxiren que a cifra total de vítimas directas da marea negra do Prestige superou as 200.000 aves mariñas“, expón Ignacio Munilla. A peor parte, como adiantaba o científico galego, levárona os alcidos, e sobre todo o arao. “As aves que morreron foron, sobre todo, individuos orixinarios de colonias de cría das illas Británicas. En varias desas colonias detectouse unha pegada fonda e clara da mortalidade asociada ao Prestige.

  Un problema que persiste

  Unha das principais poboacións afectadas pola marea negra foi a do corvo mariño das Illas Cíes. “Os efectos aínda son evidentes hoxe en día”, expón Munilla. Algúns estudos realizados tempo despois sinalaban que a reprodución reducirase un 45%. 16 anos despois, “a colonia segue a esmorecer e non da recuperado o número de efectivos que tiña antes do Prestige“.

  As causas, con todo, non hai que buscalas só a simple vista, destaca o ecólogo galego. “A marea negra contaminou os leitos de area arredor das illas, nos que os corvos adoitaban alimentarse de bolo, un peixe moi nutritivo que vive enterrado na area e que daquela era moi abundante. Agora os corvos mariños de Cíes xa non teñen bolo que comer, o que provoca que non se dean reproducido ben, xa que os alimentos alternativos -o corvo mariño aliméntase exclusivamente de peixe vivo- son menos nutritivos e atópanse lonxe das colonias”.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados