E-distrito

Noticias

A sentenza das hipotecas, retrato dun enfrontamento sen piedade entre xuíces do Tribunal Supremo

A sentenza das hipotecas, retrato dun enfrontamento sen piedade entre xuíces do Tribunal Supremo

  Os maxistrados críticos ven na convocatoria do pleno para revisar as sentenzas "unha nova e indesexable práctica cinexética"

  28 novembro 2018

  O pasado 18 de outubro, o Tribunal Supremo tomou unha decisión que fixo tremer aos bancos. A Sección Segunda do Contencioso-Administrativo estableceu que eran as entidades, e non os clientes, quen debían pagar o Imposto de Actos Xurídicos Documentos (AXD) -coñecido como imposto das hipotecas-. Ese día os bancos esborralláronse en bolsa. As turbulencias duraron apenas 24 horas: o día despois do ditame, o presidente da Sala Terceira do Alto Tribunal, Luis Díez-Picazo, paralizou a aplicación desa doutrina e convocou a todos os maxistrados baixo o seu mando para que a revisasen.

Os xuíces non entendían por que foi freada unha doutrina xurídica contraria á banca e consolidada en tres sentenzas para ser revisada polo Pleno, unha decisión sen precedentes

  O que seguiron foron 19 días de incerteza nos xulgados -algúns paralizaron os seus recursos en marcha-, nos bancos -varios frearon a sinatura de novas hipotecas-, nas notarías e no propio Tribunal Supremo. Os xuíces non entendían por que foi freada unha doutrina xurídica contraria á banca e consolidada en tres sentenzas para ser revisada polo Pleno, unha decisión sen precedentes. O argumento do presidente da sala foi a "enorme repercusión económica e social".

  O pasado 5 de novembro pecháronse no Supremo 28 xuíces da Sala Terceira, a do Contencioso-Administrativo. Estiveron dous días deliberando sobre se había que cargar o imposto sobre os clientes ou sobre os bancos. A decisión final tomouse tras unha votación axustada: 15 dos 13 maxistrados apoiaron que pagasen os clientesA sala partiu en dous.

  Este luns foron publicadas as tres sentenzas con varios votos particulares que desenvolven aquela decisión. Alén da argumentación xurídica sobre por que deben pagar os clientes, os ditames revelan o duro enfrontamento que manteñen os maxistrados da Sala Terceira. Os escritos publicados este martes están inzados de reproches en ambas as direccións con afirmacións moi duras que evidencian unha profunda fractura dentro do Alto Tribunal.

  A sentenza: houbo un xiro "inopinado" e "radical"

  Os 15 maxistrados que votaron a prol da banca, con Díez-Picazo á cabeza, dedican boa parte dos seus escritos a criticar as sentenzas da Sección Segunda que en outubro provocaron un cambio de doutrina sobre o AXD. En primeiro lugar, remarcan que a decisión final tivo que ser tomada polo Pleno, o que "non é frecuente" debido á "controversia social" que provocou que o Supremo ditaminase o 16 de outubro que eran os bancos e non os clientes, como fora até agora, os que debían abonar este imposto.

  As sentenzas coñecidas este martes, case idénticas, critican que se producise unha "drástica viraxe xurisprudencial" a respecto do que o Tribunal Supremo ditaminara antes. Até a sentenza do 16 de outubro o Alto Tribunal defendera que era o cliente quen debía abonar o imposto. "Este xiro tivo un amplo eco social e xurídico", insisten os maxistrados.

  O texto asegura que mudou unha xurisprudencia que "sen máis controversia que as naturais polémicas doutrinais" rexera "nas últimas décadas". En concreto, critícase que se decidise modificar a xurisprudencia "sen que houbese ningunha modificación normativa nin fáctica e sen que se aduza para fundala ningún principio xurídico que non fose tido en conta con anterioridade".
Esta decisión, segundo apunta a sentenza, pode levar ao "arbitrismo xudicial".

  Así, lamentan que o marco regulatorio perde "previsibilidade" se a xurisprudencia queda "ao albur de calquera cambio ocasional na composición dun órgano colexiado". Ese órgano, a Sección Segunda, levou a cabo un cambio na doutrina xurídica "tan inopinado como radical", engaden.

  Deste xeito, conclúen os maxistrados que votaron a prol da banca, produciuse por parte dos xuíces que asinaron a sentenza do 16 de outubro, un "abandono" á liña xurisprudencial "reiterada nesta sala". Neste sentido, defende que se ten que avogar por manter a doutrina tal como figuraba até a data "por encima do criterio subxectivo" de quen compoñen un órgano nun momento dado.

  "Tribunal inquisitorial" e "descualificación ferinte"

  Case todos os xuíces que se puxeron á beira dos clientes asinaron distintos votos particulares ás sentenzas. O máis duro, e o que revela dunha forma máis nítida o profundo enfrontamento que se viviu no Pleno do 5 e 6 de novembro, é o que escribe o maxistrado Francisco José Navarro Sanchís. A este escrito adhírense os xuíces Eduardo Calvo Rojas, Ángel Aguallo Avilés e Jesús Cudero Blas.

  Estes maxistrados son moi críticos coa decisión de convocar o Pleno, co que nesa reunión ocorreu e coas tres sentenzas -case idénticas- que resultaron da votación que se inclinou ao lado dos bancos. Por exemplo, refírense á decisión de convocar o Pleno para revisar o dito pola Sección Segunda como unha "nova e indesexable práctica cinexética" contra os maxistrados que asinaron os primeiros fallos.

  Eles sufriron "unha causa xeral", din, ao ver cuestionada a súa doutrina nunha decisión sen precedentes. Noutro punto do voto refírense ao pleno que revisou esa decisión como un "tribunal inquisitorial"

  Segundo estes xuíces, os seus compañeiros despregaron durante o Pleno "un desinhibido repertorio de medias verdades, desafogos verbais e argumentación pouco rigorosa" sen entrar o fondo xurídico do asunto. Iso plasmouse nun ton "áspero e hiperventilado" nas sentenzas deste martes que serve para "dar curso a unha reprimenda inaudita a unha das seccións da Sala, a sección segunda".

  Unha vez criticadas as formas, pasan ao fondo. Acúsanos de xogar cos recursos da Empresa Municipal da Vivenda de Rivas Vaciamadrid, porque este, como o Guadiana, "aparece, desaparece e reaparece de novo", ilustran.

  Os argumentos xurídicos dos maxistrados favorables aos bancos "vólvense anémicos, decaen por debilidade e veñen ser substituídos pola descualificación ferinte". Segundo os xuíces discrepantes, os seus compañeiros da Sala Terceira usan "reproches desmedidos" para "suplir a ausencia de razóns".

  "É difícil de discutir que o dano causado con tan estraño proceder non é, de ningún xeito, para os destinatarios persoais das invectivas, senón o que se ocasiona ao sistema xurídico en xeral e ao Tribunal Supremo en particular, en datas e transos particularmente inadecuados para ensaiar tales intentos", escriben a modo de resumo.

  O Supremo non pode afirmar "unha cousa e a súa contraria"

  As sentenzas teñen outros votos particulares asinados, por exemplo, por José Manuel Sieira, ex-presidente da Sala Terceira que foi substituído por Díez-Picazo tras as presións de Carlos Lesmes ao Consello Xeral do Poder Xudicial. O seu texto ten un ton máis moderado, pero non aforra reproches. Na súa opinión, os xuíces da Sección Segunda non levaron a cabo un xiro xurisprudencial radical, senón que plasmaron "un cambio de criterio motivado e explícito".

  "Non cabe confundir a avocación a Pleno cun remedio para decidir se un cambio xurisprudencial debe ser ou non confirmado ou, dito noutras palabras, revisar, confirmar ou modificar a xurisprudencia establecida pola Sección competente", escribe Sieira sobre a decisión de Díez-Picazo.

  Nicolas Maurandi, un dos xuíces que asinou a primeira sentenza contra os bancos, emitiu outro voto particular contra a decisión do Pleno. O seu escrito é esencialmente técnico, pero tamén inclúe reproches á decisión de Díez-Picazo, que tacha como "delicada". "Cómpre evitar que no curso duns poucos días o Tribunal Supremo afirme unha cousa e a súa contraria, desdicíndose, porque daquela non transmitirá á sociedade a imaxe de que fai xustiza senón a de que sementa desconcerto".

  "A confianza social na administración de xustiza é un elemento esencial (...) E esa confianza queda gravemente quebrantada se, despois dun cambio xurisprudencial cumpridamente argumentado, o máis alto órgano xurisdiccional do Estado déixao sen efecto, sen xustificar que sexa un claro desacerto xurídico, no breve espazo temporal dun número de días que non completa un mes", lamenta Maurandi.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados