E-distrito

Noticias

A Coruña/ O alcalde reclamará ao presidente da Xunta a tramitación urbanística da Intermodal pola vía de urxencia.

A Coruña/ O alcalde reclamará ao presidente da Xunta a tramitación urbanística da Intermodal pola vía de urxencia.

  A conselleira Ethel Vázquez indicaba en rolda de prensa que as obras non poderán empezar até 2022 ou 2023, polo que non rematarían até 2025, no mellor dos casos.

  O anuncio por parte da Xunta chegou ano e medio máis tarde das alegacións por parte do concello.  

  30 novembro 2018

  Xulio Ferreiro manterá unha xuntanza con Alberto Núñez Feijóo o vindeiro martes na que, entre outros asuntos, esixirá “dilixencia e lealdade institucional” para que A Coruña conte no menor prazo posible cunha estación “básica para o futuro da cidade e toda a área metropolitana”

  O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, manterá o vindeiro martes unha reunión en San Caetano co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, un encontro no que o rexedor trasladará a necesidade de que a tramitación urbanística para a aprobación do proxecto da estación de autobuses, competencia da Xunta, e dos accesos cuxo proxecto está a redactar o goberno municipal, se leven a cabo pola vía de urxencia, de acordo á lei 3/2016 de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese, "un recurso que está en mans do goberno autonómico". "Logo de que a conselleira Ethel Vázquez dese anonte unha rolda de prensa na cidade na que indica que as obras non poderán empezar até 2022 ou 2023, polo que non rematarían até 2025, no mellor dos casos, cómpre solicitarlle ao presidente galego axilidade e dilixencia, así como a lealdade institucional que, lamentablemente, a titular de Infraestruturas non demostrou até o de agora con este tema. Este procedemento de urxencia do que falamos é o que a Xunta está a aplicar ou aplicou para as restantes intermodais previstas en Galicia", advirte o mandatario local, que recordou que o goberno autonómico chegou recentemente a un acordo para que o proxecto global da intermodal de Ourense se tramite de acordo á citada normativa. "A cidade da Coruña debe recibir o mesmo trato que o resto de cidades galegas nas que se proxecta este tipo de estación e non resultar castigada por meros intereses electoralistas", evidencia.

  "Efectivamente, tras un ano sen que parecese que movían un papel, é unha boa noticia que a Consellería de Infraestruturas da Xunta se decida, por fin, a abrir o proceso de contratación da elaboración do proxecto para a estación de autobuses. Non obstante, esta tramitación chega tarde e con previsións inasumibles nos prazos, por excesivas", manifesta o rexedor coruñés que lamenta "que aínda por riba manifeste claramente que este atraso é culpa do Concello".

  A este respecto, o concelleiro de Rexeneración Urbana e Dereito á Vivenda, Xiao Varela, manifesta que "as actuacións da Consellería de Infraestruturas para con esta infraestrutura, clave para a cidade pero tamén para toda a área metropolitana, quedaron xa en evidencia demasiadas veces". "Durante moitos meses a Xunta non dixo a verdade cando insistía en que o proxecto da Intermodal coruñesa tiña xa perdidos os fondos europeos. De feito, foi a propia Unión Europea a que tivo que rectificar ao goberno autonómico, aclarando que as citadas partidas poden executarse até o 31 de decembro de 2023. Non vexo ningún sentido a que a Xunta non queira incluír a Intermodal neses fondos, máis alá dunha intención deliberada de atrasar ao máximo a realización desta obra", reflexionou. "Tamén dixo durante meses que non podía licitar a redacción do proxecto mentres non estivese asinado o convenio entre as tres administracións implicadas na construción da infraestrutura (Concello, Xunta e ADIF), afirmación que hoxe en día queda claramente invalidada xa que o convenio non está asinado, pero a licitación para a redacción do proxecto vai abrirse igual", engade o edil, que recordou, ademais, "que a falta de convenio non foi impedimento para que a conselleira Vázquez licitase outros proxectos noutras cidades galegas". "O goberno local da Coruña está a facer os deberes, con este tema non estivo parado nin un día. Por iso a conselleira ten na súa mesa dende hai meses todos os documentos que pola nosa parte poden servirlle de referencia para a elaboración do proxecto", indica. "Se a Xunta de Galicia non foi capaz de sacar a licitación o proxecto para a estación Intermodal foi por problemas na rescisión do contrato coa anterior asistencia técnica, como recoñeceron na última xuntanza que mantivemos en Madrid, convocada pola presidenta de ADIF. Non é de recibo que non recoñezan esta situación de forma pública e, pola contra, tenten culpabilizar ao Concello dos atrasos a través de mentiras", resumiu o concelleiro Varela. "A Xunta está a dicir que non vai ter o proxecto até abril de 2020. Nos teremos o noso proxecto de trazado dos accesos listo para a súa aprobación urbanística a principios do ano que vén", evidenciou.

  Derivado de Coruna.gal.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados