E-distrito

Noticias

Feijóo aposta porque o PP goberne Andalucía co apoio de Vox pero culpabiliza á esquerda do auxe de este partido.

Feijóo aposta porque o PP goberne Andalucía co apoio de Vox pero culpabiliza á esquerda do auxe de este partido.

  BNG como En Marea amosaron a súa "tristura e preocupación" ante o "cataclismo" que supón o resultado das eleccións andaluzas e o auxe do partido de extrema dereita.

  O PSdG non ve extrapolable o resultado ao resto do estado.

  04 decembro 2018

  Alberto Núñez Feijóo culpou a esquerda e a moción de censura contra Rajoy do auxe da extrema dereita de Vox. O presidente da Xunta ve na irrupción da formación fascista "un produto dese disparate" que di que foi a devandita moción de censura apoiada polo independentismo cattalá, Bildu e Podemos. Ademais, deixou atrás o seu discurso de que goberne sempre a lista máis votada para apostar por un executivo andaluz encabezado polo PP. 

  Para Feijóo, o apoio é froito "dun Goberno de España sometido ao que digan os independentistas de Cataluña, sometido a Bildu", e tamén é un produto que o PSOE andaluz puxo "en valor" na pasada campaña electoral para tentar diminuír o voto ao PP. "É un produto, na miña opinión, basicamente da esquerda", sinalou.

  Ademais, o presidente da Xunta teimou na necesidade de que as forzas que poden sumar falen para construír unha alternativa ao goberno do PSOE, que sufriu "unha desfeita histórica". "Os andaluces merecen un goberno, votárono nas urnas, dixéronlle á esquerda que non queren que siga gobernando e hai unha opción clarísima para que haxa un goberno distinto ao que houbo desde que lembramos", insistiu. 

  Desde a oposición, tanto BNG como En Marea amosaron a súa "tristura e preocupación" ante o "cataclismo" que supón o resultado das eleccións andaluzas e o auxe do partido de extrema dereita. Así se manifestan as dúas formacións ao facer balance duns comicios que, como lembran, dan a unha forza de ultradereita a chave do goberno nunha autonomía de 8,5 millóns de habitantes. 

  Así, ante as intencións verbalizados polo PP de pactar con Vox para acceder ao poder en Andalucía, o Bloque interpela a Feijóo: “Que lle parece que o PP queira gobernar collido da man da extrema dereita? Que lle parece gobernar cunha forza política machista, racista e homófoba que quere cargarse dereitos fundamentais, unha forza política que nega os dereitos dos galegos e das galegas?”.

  Esas son as preguntas que lanzou a deputada do BNG, Olalla Rodil, que responsabilizou as forzas estatais do "clima de involución democrática" que fixo "medrar un discurso falso e demagóxico que está detrás destes resultados electorais".  “Daqueles polvos estes lodos, enlamaron o debate político e converteron o terreo nunha lameira, iso é o que fixeron os partidos estatais, --e tamén unha parte de medios de comunicación--, empeñados en facerlle a campaña a extrema dereita. Os resultados están aí”, argumentou.

  Desde En Marea, e ás poucas horas de se coñecer os resultados, o seu portavoz, Luís Villares, dixo recibir "con moita preocupación o auxe da extrema dereita". "O debilitamento do bipartidismo polo fastío ocasionado pola corrupción encamíñase cara a opcións políticas de nova dereita e extrema dereita e non cara a alternativas que, como Adelante Andalucía, presentábase coa bandeira da rexeneración e os dereitos sociais", dixo.

  Villares chama a facer unha "reflexión" sobre "a incapacidade da formulación actual da esquerda rupturista de aglutinar unha alternativa de rexeneración política e ilusión social nunha sociedade castigada polo paro e a corrupción". Ademais, destacou, "pola contra, a capacidade de sedución crecente na poboación da extrema dereita, en liña das tendencias neofascistas en auxe no resto de Europa".

  Para Olalla Rodil, "desde a Lei mordaza ate o a por eles" propiciouse "unha situación de franquismo sen Franco, na que hai persoas encadeadas por defender ideas políticas, na que cómicos, cantantes ou activistas das redes son perseguidos e xulgados, unha situación na que a Xustiza toca a rebato para defender ao poder económico en detrimento das persoas". "Todo isto crea un clima de involución democrática e alimenta o auxe da extrema dereita”, di a parlamentaria, que advirte de que o BNG "está disposto a contrarrestar e a plantar cara a ese discurso antidemocrático e involutivo". 

  Desde o PSdeG, pola súa banda, o seu secretario xeral, Gonzalo Caballero, cre que Susana Díaz "afastou a súa campaña" da tarefa de Pedro Sánchez no Goberno central, aínda que non ve "extrapolable" o resultado ao conxunto do Estado. Ademais, recomendou unha "reflexión profunda" por parte do conxunto das forzas políticas e da sociedade en relación ao que "pode ocorrer" cndon "non" se entenden "as claves" da sociedade na que se vive. 

  Derivado de Praza.
  Foto: Feijóo, con Moreno Bonilla nun mitin en Sevilla.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados