E-distrito

Noticias

Catro mariñeiros morren en dous naufraxios na costa galega en apenas 24 horas

Catro mariñeiros morren en dous naufraxios na costa galega en apenas 24 horas

  Horas tráxicas no mar galego ás portas do Nadal, unha das épocas do ano de máis traballo para o sector.

  20 decembro 2018

  Na madrugada do mércores ao xoves o Silvosa, un barco novo en boas condicións técnicas, comezaba a súa xornada de traballo no porto de Malpica. Apenas avanzara un chisco cando bateu contra un muro da dársena e foi a pique, co seu patrón como vítima mortal e outros tres tripulantes rescatados.

  A primeiras horas da mañá, segundo informa a Radio Galega, continuaban as tarefas de recuperación do Silvosa, parcialmente afundido no porto de Malpica, mentres en Cambados choran a traxedia do Sin Querer Dos, un cerqueiro con base en Portonovo que regresaba de Euskadi para que o seu persoal pasase as festas na casa. Tras pasar a noite do luns na Coruña, refuxiados do temporal, os mariñeiros do Sin Querer Dos retomaron a travesía, pero non deron pasado de Fisterra.

  O pesqueiro estaba a apenas cinco millas de cabo Fisterra cando, pouco antes das dúas da tarde do mércores, lanzou a alerta do afundimento. Mentres Salvamento Marítimo puña en marcha o dispositivo de rescate, outros dous barcos salvaban a parte do persoal: o Hermanos Silva subiu a bordo dous dos mariñeiros e o Meira da Costa, outros catro.

  Pouco despois os equipos de rescate confirmaron catro falecementos. A embarcación de rescate Salvamar Régulus recuperou os corpos sen vida de dous tripulantes e o Helimer 401, o dun terceiro. Eran o patrón, Manuel Serén, e os mariñeiros Téofilo Rodríguez e Bernardino Padín. Segundo detalla La Opinión de A Coruña, todos eles deixan fillos.

  Os mariñeiros rescatados foron atendidos poucos despois no Clínico de Santiago e no hospital Virxe da Xunqueira de Cee. Mentres, os cadáveres xa recuperados foron trasladados ao porto de Porto do Son e ao aeroporto coruñés de Alvedro. 

  No mar, o operativo de busca continuou durante toda a noite á procura do décimo tripulante do Sin Querer Dos. A primeiras horas deste xoves seguía desaparecido. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados