E-distrito

Noticias

Villares tende a man tras vencer nas primarias de En Marea, cuxa unidade segue no aire

Villares tende a man tras vencer nas primarias de En Marea, cuxa unidade segue no aire

  Entre Todas pediu unha auditoría dos resultados e disponse a abrir "un período de reflexión sobre o futuro do espazo de unidade popular".

  26 decembro 2018

  As eleccións internas de En Marea deixaron un resultado de vitoria para a candidatura do seu actual voceiro, Luís Villares, que á fronte da lista Coidando a casa logrou case o 60% dos votos, segundo o escrutinio provisional. O que fora candidato da confluencia  á Xunta en 2016 cre tras a súa vitoria que é necesario "pechar canto antes" o "capítulo" do enfrontamento interno e di ter "a man tendida" ao sector crítico de En Marea. Pero o certo é que a unidade da formación segue no aire.

  Poucas horas despois de que a militancia da formación recibise eses resultados provisionais do escrutinio -1.596 votos para a lista de Villares fronte a 1.098 para a que lideraba o ex-deputado David Bruzos, Entre todas- a candidatura do sector crítico xa advertiu de que no seu seo persisten as dúbidas sobre a limpeza do proceso. Aseguran percibir "indicios claros de falta de imparcialidade" e dubidan do reconto dos votos, emitidos a través de internet.

  Despois de que as votacións  fosen suspendidas pola dirección do partido instrumental durante dúas semanas por detectar, segundo denunciaron, accesos irregulares ao censo da votación por parte do comité electoral -daquela con maioría do sector crítico-, Entre todas anunciou a súa "esixencia" dunha "auditoría independente" antes da proclamación definitiva do resultado, prevista para este mércores, día 26, sen "descartar" polo momento "medidas legais". Desde o seu punto de vista, vulneráronse" as normas internas previstas para a elección.

  Mentres a candidatura que contaba co aval de Podemos, Anova, Esquerda Unida e referentes da formación como os alcaldes da Coruña, Ferrol e Santiago, asegura ademais que se dispón a "abrir un período de reflexión sobre o futuro do espazo da unidade popular", Villares insta a "deixar de falar de nós" . Toca, afirma, centrarse "nos problemas da xente".

  O risco dunha ruptura parlamentaria xa vivida en AGE

  En declaracións á Radio Galega o tamén voceiro de En Marea no Parlamento galego, ademais de avalar a limpeza do proceso, cre que as votacións reflicten "un proxecto plural" que terá "reflexo" no Consello das Mareas, órgano de dirección ordinaria no que contará con maioría. "É un bo momento para que reflexionemos tendo en conta" o que os resultados nos acaban de dicir" e sen perder de vista, advertiu, que "temos unhas eleccións enriba da mesa" que obrigan a "envorcarse cos proxectos municipalistas".

  Neste sentido Villares asegura estar disposto a "tender a man" aos alcaldes Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez "sen ningún tipo de dúbida nin dobrez". Pero, polo menos de momento, nada parece indicar que a axitadísima vida interna de En Marea vaia transitar cara a un período de calma.

  Alén da sintonía que Villares poida ou non recuperar cos alcaldes, unha eventual decisión de abandonar En Marea por parte de Podemos, EU ou Anova faría que a formación regresase no Parlamento de Galicia a un escenario xa vivido no seo da súa precursora, a Alternativa Galega de Esquerda que lideraban Xosé Manuel Beiras e Yolanda Díaz.

  Tras múltiples enfrontamentos internos aquela coalición rematou a anterior lexislatura galega escindida en tres grupos. Nestas eleccións internas tres dos restantes 13 membros do grupo parlamentario de En Marea -Paula Vázquez, Davide Rodríguez e Pancho Casal- integráronse na lista de Villares.

  Derivado de Praza

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados