E-distrito

Noticias

O persoal dos PAC vai tamén á folga indefinida e alerta da “incompetencia da Xunta na sanidade”

O persoal dos PAC vai tamén á folga indefinida e alerta da “incompetencia da Xunta na sanidade”

  Numerosos colectivos de traballadores e usuarios denuncian o estado precario da sanidade e da inutilidade dos intentos de diálogo co Sergas.

  08 xaneiro 2019

  Ao tempo que o persoal das Urxencias do Clínico de Santiago inicia a súa novena semana de folga e a dous días dunha manifestación para reivindicar un servizo digno e máis medios, profesionais dos Puntos de Atención Continuada (PAC) de Galicia anuncian tamén o inicio dunha folga indefinida para, como no resto dos casos, reclamar melloras asistenciais e laborais. 

  Un novo conflito na sanidade que se lle abre á Xunta, tras a dimisión dos xefes de servizo da Atención Primaria en Vigo, os problemas nas ambulancias, as queixas múltiples de usuarios ou as denuncias polo colapso e a masificación nas Urxencias. 

  O comité de folga aclara que convoca o paro indefinido, que como no caso das Urxencias ten marcados por parte da Xunta uns servizos mínimos do 100%, logo dos “múltiples intentos de diálogo co Sergas” e de dous paros “parciais” que, segundo din, non serveron de nada e que non supuxo “achegamento ningún por parte da Administración para negociar unha saída ao conflito”. 

  Os profesionais mobilizados dos PAC manteñen os 11 puntos reivindicativos pactados por todos os centros de Galicia, nos que reclaman a equiparación de dereitos ao resto de colectivos do Sergas, como a retirada dos obxectivos da derivación hospitalaria, equipos completos de enfermería-médica, valoración de riscos, un cómputo de xornada correcto –onde os permisos e as baixas computen neutro a eses efectos-- ou a revisión de plans funcionais. 

  O comité de folga dos PAC critica que, malia aumentar a actividade asistencial dos PAC, estes non teñen medios suficientes e os equipos sanitarios dos que gozan son mínimos. Así, alertan da “incompetencia” da Xunta na sanidade galega e aseguran que é algo que “non se pode agochar máis”. 

  Ademais, lembran que “son numerosos os colectivos de traballadores e usuarios” que seguen a “denunciar publicamente o estado precario da sanidade, principalmente en primaria”. 

  O Sergas, pola súa banda, respondeu asegurando que segue “aberto” a alcanzar un acordo cos traballadores dos PAC e di tamén manter “vixente” a súa “última proposta” no marco da negociación. Nun comunicado, explica que xa teñen mantido “diversas reunións” cos respresentantes dos traballadores “para tratar as súas reivindicacións”, entre elas
“até tres mesas sectoriais”.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados