E-distrito

Noticias

Persoal da TVG revela represalias á xornalista que denunciou o boicot da canle á folga do 8M

Persoal da TVG revela represalias á xornalista que denunciou o boicot da canle á folga do 8M

  O seu caso únese a outras represalias a profesionais nos últimos meses, como as que lles atribúen aos expedientes abertos a Beatriz Moyano ou Carlos Jiménez.

  O comité di que Marga Pazos foi apartada das tarefas de redactora por participar nas mobilizacións polos medios públicos, pola defensa da lingua e por denunciar o boicot da TVG á folga feminista

  07 febreiro 2019

  O comité intercentros da CRTVG manifestou este mércores a súa “indignación” polo que considera “outro caso de grave represalia a unha traballadora” pola súa “participación activa nos venres negros e a súa significación pública na defensa da independencia dos medios públicos e a defensa da lingua”, así como por ser quen sufriu o boicot exercido pola TVG á folga feminista do 8-M e que lle valeu unha condena xudicial á televisión pública.  

  Refírese a Marga Pazos, coñecida e recoñecida xornalista e presentadora, que foi, segundo o comité, “apartada das tarefas propias de redactora que viña desenvolvendo dende hai anos para limitala ás funcións obsoletas de locutora de televisión”. 

  O seu caso únese a outras “represalias” a outros profesionais denunciadas por persoal, sindicatos ou o propio comité nos últimos meses, como as que lles atribúen aos expedientes abertos a Beatriz Moyano ou Carlos Jiménez. 

  Segundo os representantes dos traballadores, foi a directora de informativos quen deu ordes á directora de Recursos Humanos para desprazar a Marga Pazos das súas funcións habituais. Para o comité, é unha “represalia” que a dirección executa “aproveitando a escusa dunha sentenza en primeira instancia que recoñece á xornalista o dereito a percibir o complemento de nivel (de locutora a redactora), despois de quedar acreditado que en efecto leva anos desenvolvendo esas funcións”. 

  O comité di que “é un feito” que o resto de locutores da TVG desenvolven funcions de redacción e que a empresa recoñeceu sempre que esta categoría tiña que integrarse na de redactor. “Marga Pazos pasa a ser a única locutora á que se lle prohibe redactar”, explica nun comunicado, onde advirte de que é “a primeira vez” que a Corporación “aplica unha sentenza de recoñecemento de nivel para limitar as funcións da pesoa á que o xulgado lle acaba de dar a razón”. 

  A xustiza recoñeceulle a Marga Pazos o dereito a percibir o complemento de nivel (de locutora a redactora) tras acreditar que levaba anos desenvolvendo ese labor

  Os representantes dos profesionais cren que esta medida ten que ver tamén coa folga feminista do pasado 8 de marzo, que lle valeu á CRTVG unha condena por vulneración deste dereito fundamental logo que a ausencia de Pazos fose paliada co traballo doutro compañeiro non folguista. Daquela, O TSXG deu por por probado que isto sucedeu e que se tratou "dunha conduta encadrable dentro da esquirolaxe interna". Esta "actuación", segundo o ditame xudicial, "tivo a súa orixe nun mandato empresarial", xa que "foi a CRTVG quen substituíu" á presentadora por outra persoa "ante a ausencia (...) por exercicio do dereito á folga".

  Marga Pazos declarou naquel xuízo a chamado da CUT, sindicato denunciante, algo que, segundo fontes do persoal, "non lle gustou á empresa" e que mesmo lle custou a reprimenda na redacción por parte dunha das súas superiores polas declaracións que fixera ante o tribunal. 

  “A empresa levaba tempo procurando unha oportunidade para castigala”, di o comité, que se “solidariza” coa xornalista e pide á Corporación que “recapacite e reconduza esta perversa e asfixiante política de represión que eleva aínda máis a indignación e o malestar do conxunto do cadro de persoal nun momento de crispación e fonda deterioración das relacións laborais”. 

  Derivado de Praza.
  Foto: Marga Pazos á esquerda, xunto a Ana Pérez e Alfonso Hermida.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados