E-distrito

Noticias

Colexios privados e concertados duplicaron os seus ingresos nos últimos 13 anos.

Colexios privados e concertados duplicaron os seus ingresos nos últimos 13 anos.

  Os colexios privados de educación non universitaria, concertados incluídos, pasaron de facturar 6.698 millóns de euros no curso 2004-05 a 12.475 millóns no 2017-18.

  A igrexa leva unha boa parte do contante: só a súa rede de colexios concertados recibe cada ano 4.866 millóns de euros de subvencións do Estado.

  06 maio 2019

O negocio da educación marcha. E non só na Universidade. As cifras que manexan os colexios privados en España crecen ano tras ano: os ingresos dos centros case se duplicaron desde o curso 2004-2005. E non precisamente porque haxa moitos máis colexios ou alumnos. Os beneficios tamén medran. En 2005, os 10.550 colexios entre concertados e privados puros ingresaron 6.698 millóns de euros polos dous millóns escasos de alumnos que tiñan, segundo a enquisa de financiamento e gastos do ensino privado do Instituto Nacional de Estatística. 

  No curso 2017-2018, o número de centros caera ata os 8.984, pero o de alumnos subira alcanzando os 2,4 millóns de estudantes (un 20% máis). E os ingresos multiplicáronse case por dous ata chegar aos 12.475 millóns de euros, segundo un informe de DBK. Esta cantidade supón un cuarto dos 47.000 millóns de euros que se gastaron (ou investiron) en Educación non universitaria en 2017 (34.850 millóns de euros as administracións públicas, 12.000 millóns as familias). 

  Entre concertados e non, os colexios privados gañaron 280 millóns de euros en 2015, excluída a educación infantil. Sumando a esta cifra (aínda que o dato teña un par de anos) os 146 millóns que gañaron 23 universidades privadas o curso pasado pódese concluír que o sector produce máis de 400 millóns de euros de rendibilidade por curso.  

  Os fondos que obteñen os centros privados chegan basicamente por dúas fontes: Estado e familias. Ambas as partidas teñen un comportamento diferente para os centros concertados e os que non o están. Estes últimos reciben todo o seu financiamento basicamente das cotas das familias que acoden a eles. Os primeiros reciben un 70% dos seus ingresos das administracións, que lles pagan por cada alumno. Esta partida pasou de 4.353 millóns de euros en 2005 a 5.859 millóns de euros en 2015, unha subida do 34,6%, por encima da subida do número de estudantes, que o fixo nun 20%. O restante 30% ingrésano os concertados das familias "para actividades docentes e servizos complementarios".  

  4.866 millóns para a Igrexa 

  A maior parte deste pastel lévanlla os centros concertados (privados, pero sostidos con fondos públicos), que son maioría entre os privados. En concreto, segundo DBK, estes obtiveron o 82% do total (10.025 millóns de euros) e representan o 80% dos colexios totais, excluída a educación infantil, etapa que non se concerta por non ser obrigatoria. Os restantes 2.400 millóns de euros corresponderon a entidades privadas sen concertar.  

  Como sucede na educación universitaria (aínda que en menor medida nas etapas superiores), a Igrexa é destinataria de boa parte deste montante. Segundo as súas propias contas oficiais, a través da organización Escolas Católicas, os bispos controlan 2.591 centros que atenden a 1,5 millóns de alumnos e polos que ingresan do Estado 4.866 millóns de euros anuais. Un anaco do pastel que se viu reforzado cando a LOMCE blindou a escola concertada e deu máis peso á Relixión no currículo (aínda que a materia está en mínimos nos últimos cursos) e ao que non están dispostos a renunciar. 

  Desde os centros concertados sempre se dixo que o módulo (a cantidade de diñeiro que reciben por alumno) é insuficiente e non cobre os gastos: que lle custan ao Estado menos que os centros públicos e baixo ese argumento xustifican as famosas cotas (ilegais como tal por ser unha educación considerada pública e que por tanto non debe custar diñeiro ás familias), que se cualifican de voluntarias e disfrázanse, en ocasións, de doazóns, que si están permitidas. 

  Os laicos gañan máis.

  Con todo, esta infrafinanciación non impide aos centros privados obter beneficios. No curso 2004-2005 os concertados obtiveron un resultado corrente total (ingresos menos gastos) de 183 millóns de euros de beneficio, excluída a educación infantil. Incluíndo os privados sen concertar, o beneficio do sector educativo non público ascendeu a 285 millóns de euros. Deste total, a Igrexa, concertada ou non, obtivo 129,5 millóns, sempre segundo os datos do INE; os colexios laicos gañaron 156 millóns de euros. Dez anos máis tarde, os beneficios dos centros privados subiron un 53%. Os centros privados gañaron o curso 2014-15, último curso do que hai datos no INE, un total de 280 millóns de euros, excluída a educación infantil. 

  A Igrexa si perdeu polo camiño, ao caer o seu beneficio ata os 89 millóns de euros. Aos laicos foilles mellor e obtiveron case 200 millóns de euros en ganancias. O resto dos propietarios de centros privados son en xeral moi diversos, segundo explica DBK no seu informe. "A estrutura empresarial presenta unha alta atomización, xestionando a maior parte das entidades un só centro", sinala, aínda que tamén destaca algúns grupos empresariais propietarios de varios colexios. Entre estes últimos aparecen por exemplo o Grupo Inspired, un xigante educativo británico con presenza en todo o mundo, que comprou os colexios San Patricio; fondos internacionais como Providence Equity Partners, que adquiriu Nace Schools (con centros por todo o mundo, nove deles en España); o suecos IES, que teñen catro colexios; ou a International School Partnership, que manexa os sete centros Laude que hai no noso país, segundo detalla Víctor Núñez, conselleiro delegado de Éxito Educativo.

  Derivado de El diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados