E-distrito

Noticias

O Courel, primeiro xeoparque mundial da UNESCO en Galicia

O Courel, primeiro xeoparque mundial da UNESCO en Galicia

  A serra lucense acolle formacións xeolóxicas de relevancia internacional que combinan cunha enorme riqueza de flora e fauna.

  11 xullo 2019

  No sur de Lugo, as montañas dos municipios de Folgoso do Courel, Quiroga e Ribas de Silofrecen un escaparate xeolóxico que sobresae con algúns elementos de relevancia internacional polas súas características excepcionais. Un destino que vén de marcar un fito ao converterse no primeiro xeoparque mundial recoñecido pola UNESCO en Galicia.

  Na actualidade, hai arredor de 150 xeoparques no mundo, repartidos en máis de 40 países. Estas áreas combinan a conservación da natureza, o desenvolvemento sostible e a divulgación do patrimonio xeolóxico para contribuír á protección e valorización das mesas.

  As xoias do xeoparque

  O recoñecemento da UNESCO vén confirmar o que xa era coñecido desde hai moitos séculos nas montañas do Courel. Xa os romanos, coa explotación mineira do Montefurado en Quiroga, e posteriormente cos xacementos e formacións estudadas por xeólogos de todo o mundo, a serra lucense era valorada como un enclave de gran relevancia neste eido.

  Así, entidades como o Instituto Geológico y Minero de España (IGME), recoñecen como lugares de interese internacional (os chamados geosites) diversas formacións no contexto da oroxenia varisca ibérica, como os pregamentos tombados de Campodola-Leixazós, Froxán, Busto ou Alto do Castro.

  O mellor xeito de coñecer estas e outras xoias do xeoparque son as rutas de sendeirismo que percorren a escarpada orografía da zona. Nelas, alén da xeoloxía, é posible achegarse avestixios históricos que dan conta da longa e intensa ocupación humana do territorio: castros, restos de castelos, e mesmo xacementos prehistóricos que permiten coñecer como era a fauna e como se movían os nosos devanceiros pola zona. Paga a pena achegarse a enclaves como os miradoiros de Fisteus ou Campodola para observar con perspectiva os millóns de anos de historia que amosan as paisaxes.

  Tamén é posible achegarse a lugares de grande interese como as numerosas caleiras para obtención do cal e explotacións de elementos como o antimonio, no caso das antigas minas de Vilarbacú, e outros minerais.

  Do mesmo xeito, o riquísimo patrimonio etnográfico do Courel maniféstase en construcións como as alvarizas, que os apicultores construíron desde hai séculos para protexer as colmeas dos osos pardos que hoxe, pouco a pouco, volven aparecer pola serra.

  Todos estes fenómenos e moitos outros son interpretados e explicados nos centros de interpretación do xeoparque Mundial das Montañas do Courel. A Estación Científica de Seoane, os museos xeolóxico e etnográfico de Quiroga e o Museo da Minería de Ribas do Silson lugares de visita obrigada para comprender as fermosas paisaxes que se estenden ante os nosos ollos. Para complementar estes centros de información, a Consellería de Cultura e Turismo achegará sinalización turística, en virtude das axudas convocadas para este ano.

  Natureza

  Mais O Courel, alén da riqueza xeolóxica, é tamén un enclave natural de gran valor. Os proxectos para a recuperación do oso pardo impulsan un patrimonio ecolóxico do que tamén forman parte decenas de especies de aves, mamíferos, anfibios e réptiles. Respecto á flora, os extensos soutos e tesouros como a Devesa da Rogueira, un bosque único en Galicia grazas á súa biodiversidade, fan do Courel unha xoia natural que cómpre conservar.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados