E-distrito

Noticias

Máis de 700 incidencias en Galicia polo temporal: caídas de árbores e pólas, e voos afectados

Máis de 700 incidencias en Galicia polo temporal: caídas de árbores e pólas, e voos afectados

Un tornado provoca a caída de árbores e cables da luz en Arteixo. Doutra banda, un refacho de vento tamén esnaquizou un alpendre, un hórreo e o muro dunha casa no lugar da Senra, en Ordes.

  15 novembro 2019

  O servizo de emerxencias rexistrou máis de 700 incidencias en toda Galicia debido ao temporal que está a atravesar o país este xoves e polo que se activou a alerta vermella en todo o litoral e a laranxa por vento e neve.

  Desde o comezo desta xornada as condicións meteorolóxicas adversas azoutaron as catro provincias galegas. A Coruña foi a máis afectada con 441 incidencias rexistradas, seguida de Pontevedra (190), Lugo (56) e Ourense (30).

  Os efectos do temporal fixéronse notar en Vigo, o concello que máis incidentes contabilizou, un total de 56. Das grandes cidades, A Coruña sumou 44 e Santiago de Compostela 26.

  A caída de árbores e polas nas estradas foron os incidentes máis repetido, 399 ao longo do día. Ademais, o 112 Galicia recibiu 54 chamadas por danos, 97 de prevención de risco e 9 que correspondían a complicacións por neve.

  As localidades da provincia da Coruña foron as que máis sufriron as consecuencias dunha borrasca que deixou ventos de ata 124 quilómetros por hora. Cambre contabiliza 22 incidentes, tamén exceden a decena os concellos Narón (17), Carballo (21), Ordes (15) e Culleredo (15).

  Na demarcación pontevedresa os servizos de emerxencias recibiron oito avisos de Ponteareas e sete de Cangas. En Lugo, Barreiros e Vilalba suman cinco e tres alertas. Por último, a cidade de Ourense e a localidade do Carballiño contaron con dúas e catros incidentes respectivamente.

  A pesar de todos os efectos, ningunha incidencia causou danos persoais.

  VOOS

  Un total de nove voos —un deles chárter e os outros oito de liñas regulares— víronse afectados ata as 20,00 horas deste xoves en Galicia polo temporal, con desvíos e cancelacións.

  Estes problemas afectan os aeroportos da Coruña e Vigo, xa que o de Santiago funcionou con normalidade, segundo informan fontes de Aena.

  De tal forma, cinco voos con destino Alvedro —un deles, chárter— foron desviados a Lavacolla. Dous deles proviñan de Madrid, dous de Barcelona e outro de Bilbao. Ademais, cancelouse outro entre Madrid e A Coruña, que debía chegar ás 17,05 á cidade herculina, pero non chegou a saír.

  Pola súa banda, en Peinador houbo problemas con tres voos con orixe en Madrid. Dous deles desviáronse a Santiago, mentres que un terceiro foi cancelado —debía chegar ás 17,00 á cidade olívica—.

  TORNADO EN ARTEIXO

  Un tornado rexistrado na mañá deste xoves, xornada na que está activada a alerta laranxa por fortes ventos, provocou a caída de diversas árbores e cables da iluminación pública no municipio coruñés de Arteixo.

  Segundo informaron a Europa Press os bombeiros da localidade, o tornado iniciouse nas inmediacións da autovía AG-55, ao seu paso pola parroquia de Paiosaco, e avanzou ata a AC-552, onde provocou cortes de tráfico pola caída de árbores.

  Ademais de varias árbores, o tornado tamén provocou a caída de cables da iluminación pública no lugar de Santaia de Arriba, tamén en Arteixo, sen que se rexistrasen danos persoais. O CIAE 112 Galicia informou de que recibiu o aviso sobre as 11,45 horas, tras o que mobilizou á Policía Local, a Protección Civil de Arteixo e aos Bombeiros de Arteixo.

  Por outra banda, un refacho de vento esnaquizou un alpendre, un hórreo e o muro dunha casa no lugar da Senra, en Ordes, sen que houbese que lamentar danos persoais. O CIAE 112 explicou que este suceso ocorreu sobre as 11,20 horas e puxo a situación en coñecemento dos Bombeiros de Ordes e da Policía Local.

  REFACHOS DE 124 kM/H

  O vento alcanzou os 124 quilómetros por hora no municipio de Malpica de Bergantiños, mentres as ondas chegaron ata os 10 metros de altura en cabo Vilán, nunha xornada de temporal en Galicia con alerta vermella na costa.

  O refacho de vento no municipio costeiro de Malpica rexistrouse ás 11,00 horas, a seguinte máis alta foi en Lira (123,1 quilómetros por hora), en Carnota, ao mediodía, segundo a información de Meteogalicia.

  No tocante a ondada, Portos do Estado rexistrou ondada de 10 metros na boia de cabo Vilán. Séguenlle os 9,6 metros en cabo Silleiro e os 7,4 metros en Estaca de Bares.

  Pola súa banda, o maior nivel de precipitacións ten lugar en Mesía, con 29,4 litros por metros cadrado. Despois están os 26 litros por metro cadrado de Ponteareas.

  A mínima de toda Galicia nunha xornada na que se rexistraron temperaturas baixo cero en moitos puntos tivo lugar na Veiga, con -4,8 graos. Despois están Carballeda de Valdeorras (-4,3 graos) e Ancares (-2,8 graos).

  Derivado de Galicia Confidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados