E-distrito

Noticias

As matronas advirten de que a falta de pediatras polos recortes é a causa "real" do peche do paridoiro en Verín

As matronas advirten de que a falta de pediatras polos recortes é a causa "real" do peche do paridoiro en Verín

  Pregúntanse que seguridade hai se unha muller ten que parir no camiño para percorrer os 70 quilómetros ou máis de distancia ata Ourense.

  27 novembro 2019

  O pasado venres, de maneira repentina, as matronas que estaban a traballar no Hospital Comarcal de Verín foron advertidas pola dirección de que a atención aos partos sería suprimida en pouco máis dunha semana. “Non sabíamos nada nin ninguén nos insinuara nada”, asegura unha das profesionais, que lembra que aínda o pasado luns chegou ao centro “un aparello caro e de última xeración” para uso do paridoiro que agora pecha. “A principios de ano trouxeron unha cama duns 12.000 euros e hai dous anos reformáronse as instalacións”, engade. 

  As matronas advirten de que sociedades científicas recomendan manter paridoiros con poucos partos "por razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade"

  A sorpresa e a indignación foi maiúscula neste colectivo. Máis aínda cando a xerencia da área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco xustificou a decisión no feito de que a redución do número de partos anuais acaba reducindo a pericia das profesionais e aumentando a inseguridade e os riscos nos partos. Félix Rubial, xerente do EOXI, chegou a asegurarlles que non permitiría nin un nacemento máis neste centro. “Permitiuse iso todos estes anos?”, pregúntanse as matronas. “A natalidade redúcese en todos lados; calcúlase que haberá uns 70 partos e baixaron polas derivacións a Ourense... Por esta redución pasamos de facer ben o traballo a ser unhas inútiles? Nin é verdade nin ten sentido ningún o que din”, quéixase unha delas. 

  En todo caso, as matronas do hospital comarcal lembran que “non hai ningún centro hospitalario comarcal de Galicia que chegue aos mínimos” e pregúntanse por que entre as recomendacións científicas a Xunta non alude ás que optan por dispoñer de paridoiros aínda con menos de 600 partos anuais "por razóns de tempos de desprazamento ou accesibilidade" que os aconsellen. Tampouco advirte o Sergas da necesidade de manter atención ao parto en determinadas zonas onde o acceso a grandes hospitais non é fácil. 

  A Asociación Galega de Matronas (AGAM) saíu tamén a responder ao Sergas, advertindo que “parir en Verín foi e segue a ser seguro”. “En ningún momento a asistencia ás mulleres e aos neonatos foi perigosa”, di a entidade, que aclara que, “como en todos os centros sanitarios existen protocolos para avaliar a calidade asistencial, máis sempre se contou con profesionais en todos os ámbitos (matronas, enfermeiras, obstetras, anestesistas e pediatras) perfectamente capaces de desempeñar as súas competencias”. 

  A Asociación Galega de Matronas insta a Xunta a "asumir o compromiso de garantir os servizos e calidade asistencial sanitaria para todos os galegos"

  A AGAM, ao igual que as matronas do Hospital de Verín, lémbralle tamén ao Sergas que un dos factores que a evidencia científica apunta como “moi importantes” de cara á “seguridade asistencial” nun parto é “a calidade de atención e ratio de matronas por muller” --cando o ratio neste centro é de unha matrona por muller--, así como “o preto que está a poboación do hospital”. 

  Así, esta entidade insta a Xunta a "asumir o compromiso de garantir os servizos e calidade asistencial sanitaria para todos os galegos, sen perxuízo do seu lugar de residencia ou do seu xénero". Outras asociacións, como Batas Blancas, censuran tamén o Sergas e o sistema de xestión implantado nas áreas sanitarias por "ter destruído a Atención Primaria e os hospitais comarcais" e advirten de futuras consecuencias noutras zonas.

  Tanto AGAM como o persoal do hospital insisten en que a falta de seguridade para as usuarias “non é a causa real do peche”. “A real é a ausencia de pediatras, xunto co interese desde hai meses de que cada vez houbese menos nacementos en Verín, derivando a Ourense a unha gran cantidade de persoas”, din. “É unha cuestión de falta de organización e de intento de aforro, de recortes”, engaden as profesionais. 

  "O paridoiro péchase porque, pola mala xestión do Sergas, non hai pediatras, esa é a realidade", insisten quen consideran que Sanidade desvía a atención e culpa os profesionais "para non dicir a verdadeira razón". "É algo moi grave", contan as profesionais, que din que "ninguén se preocuparía que aquí houbese 40 ou 60 partos se non tivesen que vir pediatras cada pouco de Ourense". 

  As matronas do hospital de Verín séntense sinaladas polo Sergas, ao que acusan de non asumir que a razón do peche é "a falta de pediatras pola súa mala xestión"

  “Manter o paridorio non lles resulta rendible economicamente”, denuncia AGAM, que acusa a Xunta de considerar “menos importantes as familias que tiñan os fillos en Verín que as das contornas urbanas”. “Onde están as políticas de axuda á natalidade cando se está a ofender de tal xeito as familias do rural ourensán?”, pregúntase a asociación, que este martes convocou unha concentración diante do edificio da EGAP, onde se celebran unhas xornadas de saúde perinatal e reprodutiva. 

  "As mulleres son persoas adultas e son elas as que deciden onde se senten máis seguras e onde desexan dar a luz; xa abonda de paternalismos", engaden as matronas que traballan en Verín. 

  Desde o hospital, as profesionais acusan o Sergas de “non buscar alternativas” nin estudar cos profesionais unha solución. “Por que non se incentiva os pediatras para que veñan aquí? Por que non se lles dá máis puntuación no caso de traballar nos centros comarcais? Por que non se comparten prazas entre Ourense e Monterrei para garantir as gardas? Non lles ofrecen nada e logo toman estas decisións”, lamentan fontes das matronas que advirten da arroutada e imprevisión do Sergas. “Hai xente que veu trasladada e leva menos dun mes aquí e outra que rexeitou vacantes noutras localidades; agora, quérennos pechar o paridoiro. Non ten sentido”, rematan. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados