E-distrito

Noticias

O Parlamento Europeo afea a Israel a expulsión de Ana Miranda malia viaxar en misión oficial

O Parlamento Europeo afea a Israel a expulsión de Ana Miranda malia viaxar en misión oficial

  Miranda: "Que non me deixen entrar é o prezo a pagar por defender os dereitos humanos e denunciar a ocupación e apartheid que Israel practica co pobo palestino"

  22 febreiro 2023

  No ano 2015, Ana Miranda foi deportada polo Estado de Israel durante a súa participación na III Flotilla da Liberdade, que buscaba rachar o bloqueo marítimo ao que as autoridades israelitas someten á franxa de Gaza. Este 20 de febreiro, case oito anos despois, Miranda regresaba a Israel, pero como eurodeputada do BNG en misión oficial, como parte da Delegación de Relacións con Palestina do Parlamento Europeo. E outra volta, foi deportada, o que xa suscitou a protesta da presidencia da propia Eurocámara, pero tamén a mofa do PP galego.

  A propia Miranda relataba de madrugada dende o aeroporto de Tel Aviv como, "tras máis de seis horas de agarda", fora "avisada da expulsión, con total falta de respecto e arrogancia" e malia á autorización previa de entrada como parte a delegación. Parárana nada máis chegar ao aeroporto e a expulsión produciuse malia ás xestións da Delegación da Unión Europea en Xerusalén, da Embaixada de España e do gabinete da presidenta do Parlamento comunitario.

  "Que non me deixen entrar é o prezo a pagar por defender os dereitos humanos e denunciar a ocupación e o apartheid que Israel practica co pobo palestino", afirma Miranda. A xuízo da eurodeputada do Bloque, esta "afrenta diplomática" vén amosar que Israel "abusa, con total impunidade" e xa nin sequera respecta unha delegación oficial do Parlamento Europeo.

  Miranda non era a única galega da delegación. Tamén participa desta misión "para coñecer de primeira man a realidade da comunidade palestina tras a crecente tensión dos últimos meses" o eurodeputado socialista Nicolás González Casares, quen tamén foi inicialmente retido, se ben finalmente permitiron o seu acceso. "Total solidariedade con Ana", manifesta o lalinense, dende cuxo punto de vista "non se entende que se autorice a misión do Parlamento e despois, non pasen deputados".

  Tanto o BNG como outros grupos da Eurocámara reclamaron tras a deportación da eurodeputada galega que a presidenta do Parlamento Europeo e o seu gabinete interviñesen decontado. De entrada, Roberta Metsola fixo pública unha protesta polo sucedido. A maltesa, membro do Partido Popular Europeo, asegura estar "profundamente decepcionada coa decisión de Israel de denegar a entrada" a Ana Miranda quen, lembra, era membro da delegación oficial. 

  "Contactarei coas autoridades israelitas para aclarar o acontecido e transmitir a nosa preocupación", afirma Metsola. "Unha vez os feitos estean coñecidos e aclarados", agrega, abordará cos grupos parlamentarios o "xeito en que podemos previr que isto non volva suceder".

  Eurocámara e o Goberno de España confirman protestas formais ante as autoridades israelitas pola expulsión de Miranda, que foi respondida con mofa dende o PP de Galicia

  Pola banda do Goberno de España o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, manifesta o seu "total rexeitamento" á expulsión de Miranda. En resposta ao deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, Albares confirma que o seu departamento xa está "pedindo explicacións ás autoridades israelitas" e "en contacto co Parlamento Europeo". "Non lle caiba a menor dúbida, o noso rexeitamento é total", sinala Albares, quen afirma que o estado fixo o que "estivo na súa man" dentro da "rapidez" co que sucederon os feitos.

  Este rexeitamento das autoridades europeas e españolas e de grupos parlamentarios diversos contrasta cunha das primeiras reaccións chegadas dende o PP de Galicia a través do deputado Adrián Pardo. O tamén presidente das Novas Xeracións do PPdeG afirma que "igual Israel miró los asistentes de Ana Miranda y decidió que no podía entrar una persona asesorada por un terrorista", afirmou Pardo a través de Twitter nunha mensaxe compartida polo Grupo Parlamentario Popular.

  Derivado de Praza.

Ver todas las noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados