Non é, nin de lonxe, a primeira vez que os bidóns con refugallos radioactivos lanzados durante catro décadas por ata oito Estados á Foxa Atlántica, fronte ás costas de Galicia, están presentes no debate político do país. Non en van, no comezo da década de 1980 a implicación política e social galega foi determinante para, da man de Greenpeace, frear primeiro e lograr cancelar pouco despois esta agresión medioambiental.
En 2017 unha prolongada investigación acreditou a inexistencia dun programa estable de supervisión desas arredor de 140.000 toneladas de refugallos nucleares guindadas nuns 220.000 bidóns de aceiro e formigón. Daquela, esa pescuda deste xornal chegou ao Parlamento de Galicia, ao Congreso dos Deputados e ao Parlamento Europeo con iniciativas que atoparon respostas como, en 2018, que o Goberno de España da época non vía necesario controlar eses residuos e que algo semellante consideraba a Comisión Europea malia, admitía, ignorar o seu estado.