E-distrito

Axenda de Eventos

t

Ute Lemper

  Rendevouz with Marlene

  A carismática cantante alemá UTE LEMPER chega ao ciclo Galicia Importa para presentar o seu proxecto “Rendezvous with Marlene”, onde rende homenaxe á marabillosa Marlene Dietrich. Este show xorde despois dunha chamada entre Marlene Dietrich e Ute, na que conversaron durante 3 horas e que se produciu en París durante 1988, fai máis de 30 anos. Ute acababa de recibir o premio Moliére Award pola súa interpretación en París de Cabaret e decidiu enviarlle unha postal a Marlene. Nela, desculpábase por toda a atención mediática que estaba recibindo, na que a comparaban constantemente con Dietrich e iso atafegábaa. Ela estaba nos seus inicios no teatro e a música, mentres que Marlene Dietrich era xa unha superestrela consagrada.

  Segundo Ute, foi un incrible agasallo poder falar con Dietrich: sobre a súa vida, o seu traballo, o seu estilo, o seu amor polo poeta (Rainer Maria) Rilke, a súa complicada relación con Alemaña, a súa tristeza e as súas múltiples fascinacións. Só 6 días antes da estrea de “The Blue Angel” en Berlín, onde Ute interpretaba a parte de Lola (o papel que converteu a Marlene nunha estrela en 1928), Marlene Dietrich morría en París.

  Ute Lemper cóntanos a historia da lendaria Marlene Dietrich, cantando as súas fabulosas cancións, creadas nos distintos capítulos da súa vida. Desde o cabaret berlinés até as súas lembradas colaboracións con Burt Bacharach, proponnos un percorrido que conecta pasado con presente, a través dunha viaxe musical polo amor, a paixón, a decadencia e o abandono.

  Como é habitual nos seus shows, non presenta un programa pechado para lle deixar espazo á improvisación. A alemá é unha besta escénica e pasea polas ruelas de París, Berlín, Bos Aires e Nova York sen despeitearse. Pode empezar en Alemaña con ese aroma a cabaret, pasa polo universo poético da chansón francesa, adéntrase nos recunchos do tango e acaba desembocando no punto de partida.

  No seu repertorio, á parte das enormes cancións de Dietrich, pódese esperar un repaso a cancións emblemáticas de ilustres como Jacques Brel, Edith Piaf, Kurt Weill, Astor Piazzola etc.

.

Lugar:

  • Teatro Colón. Avda da Mariña 7A, 15001 A Coruña

Data:

  • 30/05/2019

Hora:

  • 20:30 h

Comprar Entradas:

Ver todos os eventos

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados