E-distrito

Axenda de Eventos

t

Ata o 06-sept/ Cinco vidas, unha historia.

  Cinco vidas, unha historia. A metalurgia do Bronce Final na colección arqueolóxica da Universidade de Santiago de Compostela é o título da exposición que poderemos ver a partir do 3 de abril na Coruña, tras o seu paso por Santiago de Compostela, promovida polo Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, a través da cal se ofrece unha aproximación á metalurgia da Idade do Bronce Final (c. 1300-850 a.C.) na fachada atlántica europea. A exposición non só abre unha porta á Prehistoria, senón que tamén mostra que estas machadas de bronce posúen unha biografía recente que resulta, en moitas ocasións, igual ou máis reveladora. De feito, o título da mesma fai referencia ás cinco vidas polas que xa pasaron estes obxectos e que se inician coa elaboración dos mesmos e terminan cos últimos estudos realizados polo Incipit.

  A exposición conta cun total de 22 pezas metálicas, na súa maioría machadas de bronce, en cuxos traballos de investigación e restauración participaron un equipo de expertos dirixido por Xosé-Lois Armada, investigador Ramón e Cajal do Incipit e comisario da exposición. Os obxectos pertencen ás antigas coleccións arqueolóxicas de Santiago da Igrexa, Federico Maciñeira e José Viqueira Barrio, que foron doadas á Universidade de Santiago de Compostela entre os anos 1927 e 1948 e que na actualidade forman parte da colección arqueolóxica da USC. Cabe destacar tamén a presenza dunha punta de lanza de gran tamaño, achada na parroquia de Deixebre (Oroso) e que conta con paralelos elaborados en Irlanda.

  Ademais, móstrase interesante documentación inédita, negativos fotográficos en placa de vidro ou publicacións antigas que permiten coñecer a historia das devanditas coleccións e o seu proceso de incorporación na universidade. Tamén forma parte do discurso expositivo todo o proceso de investigación e restauración. Para a ocasión creáronse ademais modelos 3D, que permitirán unha detallada visualización de parte das pezas en computadores e dispositivos móbiles.

  Tras a súa elaboración e uso fai uns 3.000 anos, os obxectos que se exhiben nesta mostra foron retirados da circulación e enterrados, formando acumulacións de metal, un fenómeno que abarca amplas áreas do continente europeo e cuxo significado aínda constitúe unha incógnita. De feito, as pezas foron recuperadas a finais do século XIX, a miúdo durante labores agrícolas e de forma casual. No caso concreto de Galicia, acháronse en diversos lugares das provincias da Coruña, Ourense e Lugo, concretamente nos termos municipais de Ortigueira, As Pontes, Verín ou Vilalba, entre outros. Finalmente, foron parar a mans de coleccionistas eruditos que, ao final das súas vidas, decidiron doar as súas coleccións á universidade, onde seguen sendo estudadas e hoxe forman parte do seu acervo patrimonial.

Lugar:

  • Museo Arqueolóxico - Castelo de San Antón. Paseo Alcalde Francisco Vázquez 2, Bloque A. 15001 A Coruña

Data:

  • 06/09/2020

Ver todos os eventos

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados