E-distrito

Axenda de Eventos

a

Carlos Núñez en concerto

  Como xa é tradición, o noso gaiteiro máis internacional volve a casa por nadal e ofrécenos un concerto emotivo e sempre sorprendente. Cumpríronse 25 anos do seu primeiro disco, o xa clásico Irmandade dás Estrelas -que celebra con novo disco xunto a Rozalén, Andrés Suárez, Glen Hansard, Iván Ferreiro ou Tanxugueiras-, pero Carlos non descansa e segue ofrecéndonos novidades e colaboracións con artistas de todos os xéneros, desde a ópera á música antiga, desde o flamenco ao trap. Sen ir máis lonxe, nos últimos meses tocou na Coruña como convidado de Baiuca ou Pablo Alborán.

  Desde que os seus mentores, os lendarios irlandeses The Chieftains, lle transmitiron a súa idea da música celta como aberta e profunda, colaborou con artistas tan variados e emblemáticos como Joan Manuel Serrat, Luz Casal, o guitarrista norteamericano Ry Cooder ou os flamencos Vicente Amigo e Juan Manuel Cañizares, Roger Hodgson de Supertramp, Mike Scott dos Waterboys, Jackson Browne, os cubanos Omara Portuondo ou o falecido Compay Segundo, os oscarizados Gustavo Santaolalla ou Ryuichi Sakamoto, os brasileiros Milton Nascimento ou Carlinhos Brown, a estrela da ópera Bryn Terfel, ou da música antiga Jordi Savall, a cantaora Carmen Linares ou Enrique Morente, a tamén desaparecida Montserrat Caballé ou mesmo o seu “paisano galego” Julio Iglesias.

  Carlos Núñez é un instrumentista excepcional que vendeu máis de 1 millón de discos con Sony e o primeiro en levar o seu instrumento, a gaita, a templos internacionais da música como o Musikverein de Viena, o Carnegie Hall de Nova York, o Boston Symphony Hall, o Royal Albert Hall de Londres, a Sydney Opera House, o Teatro Colón de Buenos Aires, ou a Berliner Philharmoniker.

.

Lugar:

  • Teatro Colón. Avenida da Mariña nº 7A 15001 A Coruña

Data:

  • 16/12/2022

Hora:

  • 20:30 h

Comprar Entradas:

Ver todos os eventos

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados